domingo, 30 de agosto de 2020

venres, 28 de agosto de 2020

Músicas

Pondaliana. Quince poemas de Eduardo Pondal musicados. Edita a AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) e A Mesa pola Normalización Lingüística.
Co gallo do centerairo da morte do poeta en 2017, a Sociedade Cultural Medulio articulou un espectáculo musical que partiu dunha escolla de poemas que se musicaron e inseriron nunha sucesión escénica conpequenas presentacións previas e no marco dunha escenogtafía dixital. Despois de representala en Ferrol e A Coruña edítase en formato CD con cuberta de Leandro Lamas.
Móstrase o agrtadecmento a profesorado de UdC e do Conservatorio de Ferrol.
Unha boa maneira de entrar en contacto coa poesía do peota do Rexurdimento.

xoves, 27 de agosto de 2020

"Teño dereitos", un libro necesario

Teño dereitos de Miguel Robledo (ás imaxes) e César Lorenzo (aos textos) publicado por Aira Editorial e promovido por Esculca. Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades.
Así se presenta: 
"Busca ser un libro informativo sobre os principais dereitos humanos, contados dun xeito que faga nacer a curiosidade das crianzas a través dun universo colorido e simbólico moi moderno.
No mundo cométense moitas veces inxustizas e abusos sobre as persoas. Mais todo ser humano, polo simple feito de selo, sexa cal for a súa orixe, a súa familia, as súas capacidades e diferenzas, merece ser protexido. Temos dereitos e ninguén pode vulneralos ou ignorar que son o ingrediente fundamental da liberdade das persoas e das sociedades."
Que máis podemos pedir?
Libros informativos tamén centrados en aspectos tan fundamentais da sociedade, en mostrar os dereitos que todo ser humano ten polo feito de selo, pequeno ou pequena, con unhas ou outras características, diversidades de todo tipo ou o que sexa, en algún sitio nos tiveron en conta a todos e todas nós para asegurar o nosos dereitos. Coñezámolos!!!!  

luns, 24 de agosto de 2020

Músicas: Fíos do querer

Fíos do querer de Cé Orquestra pantasma, con ilustracións de Cristina Ouro, dirixido a meninos e meniñas de 0 a 3 anos.
Editado por Cooperativa Galega Miudiño.
Cristina Ouro é,tamén, autora das ilustracións de varios libros de Anxo Moure como Salgadiña, a estrela de Fisterra, O Carballo con botas, Caramulo e a carpinteira dos soños, A xacia Lubiñas...
A voar. Un conto para soñar con música para brincar de Cé Orquestra Pantasma, con ilustracións de Cristina Ouro e textos de Judit Santos.


venres, 21 de agosto de 2020

Teatro da man de Gloria Sánchez

Queremos teatro pedimos, como auga de maio. Queremos teatro sempre, sen calquera estación porque este é o xénero cincenta da literatura galega. Tanto o é que só cada dous anos o AGADIC convoca ese concurso que adoita traernos dúas obras, unha de teatro convencional e outra para monicreques.
Sempre queremos teatro, pero cando este está escrito por Gloria Sánchez, moitísimo máis. Porque Gloria sempre trae esa frescura que tan ben combina co humor. Por iso, nos fai feliz cada vez que aparece unha obra asinada por ela.
Aquí está: Noé e Gato fan teatro publicada por oqueleo con ilustracións de Uxía Pin. Dúas pequenas obras unha que xira arredor do personaxe bíblico Noé ao que a Voz lle manda o que xa sabemos, el faino o mellor que sabe coa axuda da muller e o fillo, pero nun determinado momento vaise ter que enfrontar ás disposicións dos gardas, ás reclamacións de Greenpeace e ata ao chapapote. Un divertido xogo que comeza co diálogo entre Noé e quen máis manda para rematar na operación Camuflaxe total, uns e outros destilando esa maneira de ser galego que nunca deixa de sorprendernos. Se a primeira se chama "Corre, Carmela, que chove" lembrando o programa de radio e avisos anteriores, a segunda "Lobo, ven!" está baseada nun conto tradicional portugués tal como se nos cota na entrada. Unha casa cos seus animais: gato, can, galiña; unha nai, un fillo e o lobo no monte. O rapaz é un "fervello, atravesado e non para quedo" e anda todo o tempo meténdose cos animais, facéndolle as mil e unha; a nai avisa "Vou chamar o lobo para que te leve con el para o monte!" pero nunca cumpre, así que o gato farto xa de tanta tortura vai buscar o lobo... As ilustracións, igual de divertidas e xeitosas. 

xoves, 20 de agosto de 2020

O último de El Hematocrito

Alcaldesa Vermella de El Hematocrito, con ilustracións de Mar Villar, tradución de Anaír Rodríguez e publicado por Xerais.
Estamos no bosque con todos eles, con todos os personaxes dos contos tradicionais dende a madrasta que segue a preguntarlle ao espello quen é a máis fermosa ata Garavanciño, o xenio da lámpada, os tres porquiños metidos a construtores, Carapuchiña, Hänsel, Cincenta... cando chega o xenio da lámpada para instalarse. Ao descubrilo, comezan a pensar que lle van pedir, pero o xenio xa está xubilado e busca descanso; non ten poderes, perdeunos ou xa cambiou de estratexia. Nese proceso de solicitudes sucede algo marabilloso, Carapuchiña tenta por orde nas peticións de cada un para chegar a unhas solicitudes comúns, que lles veñan ben a todos e a todas. Cando se entrevista co xenio, el mesmo lle dá a solución: que celebren eleccións e que eles mesmos cumpran os seus desexos. E como estamos nun conto... suceden cousas marabillosas, de non crer!
Di Bragado que este é o mellor Hematocrito cunha "historia sobre o valor da representación e da participación para artellar o espazo do común." E, por riba con ese título que queiras que non lembra a outras mulleres (de casta noble) que tamén foron vermellas.
Unha vez máis, El Hematocrito non decepciona e a ilustradora tampouco, aínda que os resultados son desiguais, algunhas imaxes moi boas e ricas, outras, non tanto.

mércores, 19 de agosto de 2020

Novidades dunha editorial


Da banda deseñada á música en libro.
Luzbell. O demo bombilla de Xosé Tomás e Diego Rosales. a presentación editorial di:
No recuncho máis escuro e tenebroso do inferno atópase Luzell, o demo bombilla. Xefe dun exército de diaños, está disposto a facer o mal e traer a desgraza e a destrución aos humanos… Se lle deixan!!!" Que pasará?
María Fumaca. O veleiro verde   O tren de María Fumaça segue percorrendo novas rutas e agora faise á mar con O veleiro verde (Sonárbore Galaxia, 2019), un novo libro-disco no que Uxía Senlle e Sérgio Tannus volven encabezar este proxecto musical integrador coas composicións de Chus Domínguez e as ilustracións de Pablo Pastor. Desta volta a familia María Fumaça ofrece un percorrer que vai medrando en gustos e influenzas do mesmo xeito que medra Ruí, o maquinista arredor do que se fai o proxecto e que xa está na adolescencia o que conduce a unha evolución lóxica nun proxecto vivo e en constante movemento, que deste xeito tamén acompaña a aquela rapazada que creceu con el.  
Novos libro+cd de Xoán Curiel, que regresa con A casa do terror.
PREMIO MARTÍN CÓDAX DA MÚSICA 2019
Da presentación editorial: "A casa do terror ten a porta aberta para ti!. Está chea de monstros e pantasmas que te sacarán a bailar e te farán rir e desfrutar. Ten coidado porque non desexarás saír desta aventura. Un libro-cd para gañar e facer uns amigos de medo!!"