sábado, 20 de novembro de 2021

Os libros infantís de Darío Xohán Cabana

Inés e a cadela sabia está ilustrado por Ánxeles Maldonado, igual que o de Chucho Cacho que publicou Xerais na colección Pequeno Merlín. Vintedous pequenos capítulos que se anuncian con rimas. Dende un "nós" cóntasenos a historia dunha nena que é a pequena da casa, de como empeza na escola a onde a acompañan os dous cans (a cadela lista e o León que é bo cazador pero sen moitas luces para a vida diaria)... Ese narrador plural vainos adiantando o relato, parándose onde lle parece, falándonos de como sabe o que sabe, e remata coa gran aventura de cando a nena e os dous cans caen nunha mina buscando dinosaurios, pero todo remata ben cando o pai os atopa no medio da noite. A vida da aldea é o gran tema. Publicada no 2000, en  Rodeira, na colección Tucán, para lectorado a apartir dos seis anos.


Dende o Himalaia a Ceilán
. Lendas hindús contadas por Darío Xohán Cabana, publicadas por Galaxia (na edición galega de Editores asociados) na colección Árbore en 2004. Despois da situación (mapa dese mundo) e contexto (explicación acerca da India, sociedade, relixión, linguas e actualidade vainos contando o autor as lendas de Manu Vaivasvata, o deus da cabeza de elefante, a estrada no mar, Sakuntala, o casamento de Damaianti e o príncipe Siddharta. 


 

xoves, 18 de novembro de 2021

Darío Xohán Cabana camiña xa polo país dos soños

Nós lembrarémolo nas súas obras, apartaremos o velo da tristeza para volver a lelo, para recuperalo niso que nos lega.

Antes de facelo, gardaremos o remol do seu compromiso inmenso co país e a lingua, gardaremos o sabor da dignidade que o enchía enteiro e repartía. Teremos un instante para pensar na inxustiza de como trata a vida á mellor xente. Doeranos todo o que perdemos de virtuosismo na creación e na tradución, no manexo da lingua e no sentir da terra. E iremos aos seus libros...

Darío Xohán Cabana, ademais de poesía, narrativa e ensaio, traduciu a Dante, Petrarca, Dumas ou Diderot. Na obra de creación, tamén se centrou na infancia. Para a prelectorado, primeiras lecturas temos Chucho Cacho, cunhas magníficas ilustracións de Ánxeles Maldonado, na colección Pequeno Merlín de Xerais, en 1994. Aquí é el, o ourizo o que nos conta a súa historia, dende que perdeu a nai e se ten que defender soíño converténdose nunha pelota de espiñas, ata que é adoptado polo Alberte que o leva para o seu horteiro, alí vai comendo vermes e caracois, coñece a Chicha Cacha e teñen ouriciños.  Chirlo Merlo na figueira conta coas ilustracións tan características de Xan Balboa que nos remiten a un mundo fantástico de antigos grafismos; unha historia contada en verso na que rapaces e merlo andan arredor dos figos da figueira. Publicado na colección infantil de Sotelo Blanco en 1990.

martes, 16 de novembro de 2021

De poesía...

 
Un par de libros de poesía, un para adolescentes cun título moi descritivo pero non sei se gustoso Oh, capitán! Poemas de Walt Whitman para a xente do instituto, unha escola e tradución de Penélope Pedreira, publicada polo selo Sushi Books. Dela dise: "A selección dos poemas que compoñen esta antoloxía f-ixose seguindo dous criterios pricipais: que fose de itnerese para un lector ou le ctora novo (alia ser conasciente da ambiguidade do termo) e que fose representativa en canto ós temas e o seu tratamento por parte do autor".

Trátase dunha edición biblingüe inglés galego na que tal como cita a tradutora "Walt interpelaravos e verédesvos na obriga de darlle unha resposta, pero o esforzo valerá a pena."

Unha cata:

"Oh capitán, meu capitán! A nosa terrible viaxe terminou, /o barco soportou cada escollo, conseguimos o premio /desexado, / o porto está preto, oio as campás, a xente está exultante, / os ollos postos na firme quilla, no navío adusto e audaz, / mais, oh, corazón, corazón, corazón!, / oh pingas de rubio sangue, / na cuberta onde xace o meu capitán, / derrotado, frío e morto."

E, sen que ninguén o diga, estaremos recordando a escena do filme no que o profesor sube a unha mesa e recita o poema...

Paleta planeta de Yolanda Castaño con ilustracións de Xosé Tomás. Di a presentación editorial: Microhistorias nas que desaparecen os límites físicos da realidade: en cada unha destas composicións oníricas crean pequenos mundos autónomos capaces de reunir elementos tanxibles e intanxibles nun mesmo lenzo, mentres reflicten o seu amor á natureza, o pacifismo, o interese por outras culturas ou a súa paixón pola vida. Paleta Planeta traballa o gusto polo xénero poético, a conexión entre as artes, un cosmopolitismo nada eurocentrista, a identificación das propias emocións e a súa expresión a través de linguaxes creativas." 

Cada par de páxinas unha cor, uns versos que xogan con esas tonalidades para entregarnos un libros para mirar moi detidamente e para ler de xeito pausado. 

O outro libro de poesía vai destinado a primeiro lecgtorado. Trátase de Ana e a lúeira, un conto musicado de Toño Núñez, cunhas magníficas ilustracións de Noemí López no seu caracterñistico estilo e, neste caso en tons suaves, e música de Fernando Gómez Jácome, á que accedemos por medio dunha partitura que aparece nas últimas páxinas ou escoitándoa por medio dun código QR. Un pequeno libro de tapas duras no que se xoga con todas estas expresión e un texto que na páxina da esquerda aparece en letras minúsculas e na dereita en maiúsculas, a modo de retrouso. Unha fermosa historia na que a lúa intervén para protexer a nena orfa.



domingo, 14 de novembro de 2021

Contos de obxectos de Xabier P. Docampo

 

Contos de obxectos de Xabier P. Docampo, con fotografías de DNL

Un libro de culto este Contos de obxectos, onde volver ao escritor, para recibilo nese retorno do viaxeiro, porque sempre estamos volvendo á casa, a ese lugar do que saímos para volver, porque se non houbera a onde volver non poderiamos irnos e cando escoitamos pasos de animal grande (en palabras de Avilés) poñémonos en camiño, buscando ese horizonte que é o da infancia e do que algúns nunca acaban de marchar. El nunca pechou esa porta, fixou con ela entornada para non esquecer nunca o que se sente cando un está máis preto do chan, cales son as preguntas e os mundos creados, cales o sentimentos e afectos dos que xa non nos poderemos desprender... por iso, cando escribe para pequenos e pequenas sabe como tratalos sen faltarlles ao respecto, de igual a igual (de como fun a como es, do que lembro ao que ti vives), nunca con “ñoñerías” nin bobadas senón sabéndoos coñecedores do mundo que os rodea.

Eu recupéroo contando estes contos, sacando do peto o obxecto que lle dá pé ao comezo ou en calquera momento para demostrar a veracidade do relato; é esa proba e testemuña contra a que se fai imposible loitar. Porque era un sucedido, algo que lle pasou directamente a el ou que ten escoitado e herdado, porque nós non contamos  coma quen fai teatro senón que o facemos unicamente para compartir historias que teñen acontecido e das que debemos saber, igual que os pequenos han de coñecer os contos clásicos, para aprender deles.

 

martes, 9 de novembro de 2021

De cómics e novidades


Madialeva de Ana Moreiras, unha obra brava e chairega, en palabras da autora. "Un adival de historias que formaron o seu niño e que ela utiliza para continuaro relato da estirpe denunciando a desprotección do rural e da nosa cultura ancestral (...) sempre me gustaron máis as criaturas bravas, intelixentes e bondadosas do que as belidas. Coma as mulleres coas que me criei, ás que adico os relatos que ides ler". Ler e ver, porque se trata dunha novela gráfica. Unha novela gráfica que fala de mulleres do rural.

Traer as mulleres ao lado visible, iluminar as súas vidas que arrastran a Historia con maiúsculas... é un obxectivo desta obra naque recoñeceremos mundos que estaban aí.

Da presentación editorial: 

"Quen foron as mulleres galegas que cosían a roupa que conquistou o mundo? Que soños gardaron os emigrantes que deixaron a aldea na procura de prosperidade?

Unha novela gráfica sobre as voces baixas da nosa historia recente.

Madialeva é o primeiro título da colección ‘Mulleres Ilustradoras’, que propón banda deseñada con perspectiva de xénero."

Un avance.

domingo, 7 de novembro de 2021

Unha colección

Os acartonados para prelectores de Kalandraka contan coa colección Do berce á lúa dirixida a rapazada de 0 a 3 anos. Dous autores: Antonio Rubio e Óscar Villán nas ilustracións. Libros que "que axudan a «educar o ollo e a adozar o oído», porque "O texto leva un ritmo de lectura baseado no cancioneiro infantil e mantén unha total equivalencia entre palabras e imaxes. As ilustracións resaltan sobre un fondo claro para facilitar a forza comunicativa". Títulos como Lúa, Froitas, Animais, Zapato, Cinco, MIau, Violín, Crocodilo, Paxariña de papel, Piñeiro vense agora acopañados por Xoguetes e Viaxes

Sempre é unha alegría atopalos, descubrir un novo como eses xoguetes que inclúen o libro de poesía espallando alegría ou eses viaxes que levan a Nacho, Xiao e Faisal en nave espacial. 

xoves, 4 de novembro de 2021

Álbumes e vocabularios

ai un tigre no xardín de Lizzy Stewart. Traducido por Javier M. Blanco e publicado por Triqueta verde.

Cando Nora se aburre, a avoa anímaa a buscar o tigre que anda polo xardín, decide seguir o seu consello a pesar de saber seguro seguro (xa é maior para crer a cegas) que non hai tigre. Alá vai ela coa súa mascota (unha xirafiña) e van atopando aquilo que a avoa dixera: libélulas coma paxaros, plantas que poden engullirte, un oso polar... e un tigre. Fanise amiga dese tigre co que conversa: "Se ti cres en min eu creo en ti e seremos reais un para o outro". Porque a realidade está feita de moitas, tantas, que ata lle vai ensinar unha serea (que anda pola bañeira) á avoa.  Porque , ás veces, non hai nin que saír da casa para atopar o que se busca.

O gran libro das nosas cousas de Blanca Millán, publicado por Edicións do Cumio. 

Da presentación editorial: "¿Algunha vez te paraches a observar o mundo que te rodea? Está cheo de cousas marabillosas, algunhas naturais, outras fabricadas polo ser humano, pero todas elas únicas e moi valiosas. Este libro é unha viaxe ilustrada polas cousas do día a día, desde os pequenos insectos do xardín ata os xigantescos cachalotes do noso fondo mariño." Un libro de divulgación no que se lle pon nome ao que anda ao noso redor. Unha obra que nos obrigará a prestarlle atención ao que vemos