
Un universo na túa maleta de Ana Meilán e Silvina Eduardo.
Así se presenta na editora: "Na vida hai un momento en que que algo fai
clic e un universo enteiro ábrese ante ti. Peter quere viaxar como fan
os seus pais, percorrer o mundo e mesmo
sentar nunha estrela, pero o que non imaxina Peter Panker é que todas
esas viaxes están a esperalo tras as tapas dun libro. Con maleta en man e
pasaporte cuberto, convértese nun explorador de
contos despois de visitar a “axencia de viaxes” máis bonita da súa
cidade. E ti, cantas viaxes fixeches? Prepara a equipaxe, ponlle un selo
ao pasaporte e descobre un universo… entre libros. (Os libros levan un
pasaporte na última páxina para poder rexistrar todas as «viaxes»)".
Cunha ilustracións, coa técnica do colaxe, bastante barrocas,
cóntansenos que a Peter non lle gusta ler a pesares da cantidade de
libros que ten no seu cuarto; el escoita emocionado aos pais falar de
viaxes e un día, cabreado, dilles que quere viaxar con eles e os datos
que lles dá acerca desas excursións son do Quixote, O Principiño, Peter
Pan... O valor da lectura. O pasaporte lector do que tanto saben as
bibliotecas escolares!

Quen vén esta noite?
de Ana Meilán e Silvina Eduardo. De novo as ilustracións son de colexes
aínda que esta vez teñen máis aire e resultan menos atiborradas. Esta é
a historia do rato Pérez e de como precisa da axuda dos seus fillos e o
diferentes que estes son. O máis vello é tradicional e coma o pai vai
deixando moedas, o segundo deixa libros debaixo da almofada e a terceira
deixa as cousas máis dispares. Por iso, cando vexas o que hai onde
antes deixastes o dente... saberás quen che visitou.

As chaves dos soños de Ana Meilán e Silvina Eduardo. De novo as ilustracións con colaxes e de novo un conto, este contado en primeira persoa. Os soños espertan coa primeira estrela que brila no ceo, cada un de nós ten unha estrela especial. Hai veces nas que non queres espertar e hai veces nas que non queres durmir, por iso, o mellor é o que fai a nai ao entregarlle as chaves dos soños. Así, cada noite ha de escoller unha chave e metela debaixo da almofada, daquela brila unha estrela para ela e comeza o soño, pero este ás veces é un pesadelo que che fai caer por un burato abismal (tanto que o libro cambia de sentido), ten moito medo, pero ao agarrar a chave sabe que todo vai ir ben, e xa non ten medo nunca máis porque ten moitas chaves que abren a porta dos soños cando alguén fai brilar unha estrela para ela.
O meu desexo é... de
Ana Meilán con Raquel Rodríguez e Silvina Eduardo (debuxos e colexes).
No calendario da cociña van anotando cousas pendentes. Oli, a
protagonista está de cumpreanos, despois de que a familia o prepare todo
chegan os convidados. Alí están as persoas que máis quere; recibe os
seus agasallos e antes de soprar as velas... pídenlle que pense nun
desexo. Pensa, pensa... no que pediría cada unha das que está diante (a
tía quere ter tempo para ler toda a súa biblioteca, o pai quere que
todos os seus desexos se cumpran...). Oli sopra pero non di o seu desexo
porque se o fixese non se convertería en realidade.