xoves, 1 de decembro de 2022

Sobre un acoso, un título contundente: Subnormal

 
Subnormal é a historia do que foi xogador de baloncesto Iñaki Zubizarreta, centrada no acoso que sufriu na súa infancia e adolescencia. Para ser vítima de acoso, só é necesario que alguén o queira exercer, sempre hai algunha razón , ninguén está a salvo, pode ser por non ter moi boas notas, por ser distraído, por padecer algún tipo de diversidade funcional... incluso por ser alto. Ese é o caso que nos ocupa, un rapaz demasiado alto para a súa idade ao que acosa un grupo de compañeiros e compañeiras baixo a indiferenza dos demais e do profesorado. Incluso hai profesorado que colabora no acoso deixándoo en ridículo diante dos demais. 

O acoso pode ir dende o psicolóxico ao físico, pode ser máis suave ou máis agresivo, o que é certo é que ese rapaz que é incapaz de contar o que lle pasa para non ver sufrir, tamén, á familia, pode ir pouco a pouco ata a depresión e incluso o suicidio, porque é este o que se presenta na viñeta de inicio do cómic, as ganas de rematar con todo iso para non ter que seguir enfrontando esa situación que semella sen saída.

A banda deseñada que edita Retranca en galego, é da autoría de Fernando Llor e Miguel Porto ao redor da idea do propio retratado. Conta cunha unidade didáctica, elaborada por Uxía Meirama. Baixo o título de Ocultos a plena luz, analiza os implicados: agresor, testemuñas (as que se postulan a favor do agresor, os que o fan a favor das vítimas correndo o risco de converterse en novas vítimas, as que permanecen pasivas e as que que se se definen a favor das vítimas) e vítimas. Analiza tamén o as condutas violentas: verbais, físicas e psicolóxicas, o ciberacoso, o acoso social e o bullying sexual. Estuda o acoso no contexto escolar (convivencia versus violencia), a prevención e o plan fronte ao acoso cos pasos sucesivos e coincidentes. Presenta tamén unha entrevista con Iñaki Zubizarreta na que me chama a atención a oposición entre as palabras "acusón" e "cómplice", así como esas frases que rematan matando "é cousa de nenos" e acaban pasando, mellor non intervir. Esa covardía tamén por parte das persoas adultas, esa vagancia, ese quedar nos contidos académicos deixando ao alumnado nas mans dos viles. 

 

mércores, 30 de novembro de 2022

Premio Compostela de álbum ilustrado

O Premio Internacional Compostela de álbum ilustrado 2022 é Esperando o amencer de Fabiola Anchorena.

Este premio convocado polo concello de Santiago e a editorial Kalandraka é un dos máis prestixiosos a nivel internacional e ofrécenos, cada ano, un novo título imprescindible. O deste ano está dedicado a "todas aquelas persoas que aman os animais e protexen os seus fogares". Sobre fondo negro, falan os animais "Hai moito tempo que non vmeos o amencer", poñémonos a temblar, será o final dos tempos?, seica tampouco ven a lúa nin senten chover... todos van na procura da luz da mañá (camiñando, voando, saltando, nadando; facendo os ruídos que corresponden a cada  un deles), na busca do sol atopan outra luz moi poderosa: o lume. Que vai pasar?

Un libro necesario para apreciar o noso mundo e defendelo. Di a autora que o proxecto naceu do medo, a incerteza e a angustia que sentiu en 2019 cando a Amazonia ardía a causa dun dos peores incendios dos últimos anos. Tamén conta que en 2021, o Xeneral Sherman -unha seguoia xigantes de máis de 80 metros de altura que pode ter máis de 2000 anos foi envolta en mantas de papel platino para ser protexida dos incensios forestais que cercaban o parque nacional no que estaba... O medo ao lume, agravado polo cambio climático e a tolería dos intereses monetarios faise presente nesta historia que busca a saída da noite.

 

domingo, 27 de novembro de 2022

Xestas olímpicas. Escolma de relatos heroicos no mundo de deporte

Xestas olímpicas. Escolma de relatos heroicos no mndo de deporte está escrito por Héctor Cajaraville e ilustrado por Toni Seijas, publicado por Xerais na colección Seica.

Así se presenta: "Desde que en 1896 se celebraron as primeiras olimpíadas modernas, podemos atopar en todas elas historias de a cabalo entre a realidade e a lenda, fazañas prodixiosas que elevan a quen as protagonizaron á categoría de heroes e heroínas con letras maiúsculas, polos logros acadados ou porque as súas proezas abrían camiños antes inconcibibles.O elemento en común dos relatos que conforman estas Xestas olímpicas é o esforzo, ás veces sobrehumano, por superar unha marca, unha altura, unha distancia... pero sobre todo por superarse a si mesmos e a si mesmas. E por servir de inspiración e estímulo á xente nova que encontra no deporte o seu divertimento, a súa afección, a súa paixón... Ou, por que non, o seu modo de vida."

Un deses libros que xogan coa divulgación e ao tempo relatan de maneira que o interese non decaia en nigún momento. O mundo do deporte, tan afastado case sempre da edicion para rapazada en galego, chega así a encher un oco que pedía contido. Historias moi diversas cun punto en común, das que sempre apredemos algo e que poden dar para falar, e non pouco.


mércores, 23 de novembro de 2022

Tradución dunha novela xuvenil

A cegadora luz de dúas estrelas vermellas. O caso dos cadernos de Víktor e Nadia de Davide Morosonoto, publicado por Sushi Books e traducido por Moisés Barcia. Ao meu entender trátase dunha historia moi fantástica pero situada nun relato realista, a II Guerra Mundial, os alemáns invadindo Rusia, os pais traballando no museo Ermitage tentando salvar as obra e os dous xemelgos enviados nun tren a un lugar máis seguro. Pero as cousas non suceden como deberían, o pai é enviado á fronte, ea eles dous sepáranos en trens diferentes, o neno prometera non separarse da irmá así que todo o libro é a busca da rapaza que, por outro lado, resulta tan valente e arriscada como el; sabe que a vai buscar e fai todo o posible por poñerllo doado, pero a aventura conta on demasiado azar e unha dose demasiado alta de casualidades e imaxinación imposible. Ben é certo que, moitas veces, pensar sen restricións pode atopar solucións que a ninguén fóra da rapazada lle pasarían pola cabeza. Todo o relato, ao que accedemos a través dos cadernos diario que eles escriben recollen as anotacións do comisario político de tan estrito resulta cómico.

Así fala del Ramón Nicolás: 

"Morosinotto é quen de idear un argumento verdadeiramente apaixonante nucleado por volta das vivencias, contadas en primeira persoa, de dous xemelgos -Víktor e Nadia- que son obrigados a saír de Leningrado, a súa cidade natal, con apenas doce anos, diante do previsible ataque e cerco que as tropas hitlerianas someterán á cidade no seu avance cara a Moscova. Articulado a xeito de diario -en primeiro lugar compartido polos dous irmáns e logo presentado individualmente mercé uns cadernos que o pai deles conseguira darlles case como derradeiro legado- cóntasenos a obrigada fuxida de ambos os dous en tren cara a destinos incertos que se bifurcarán, feito que actúa como motivo central da historia pois na vontade dos xemelgos estará sempre volver xuntarse. Non faltan elementos de filiación aventureira, que conviven con outros, claro é, como son o amor ou as consecuencias dos conflitos bélicos nun pano de fondo histórico, alén dun fío argumental que revela as consecuencias de actos entendidos como de alta traizón para o réxime soviético en tempos de guerra. Asuntos, todos eles e ao meu xuízo, contidos en pasaxes moi ben documentadas e inspiradas nas peripecias, algunhas probablemente reais e outras resultado da fabulación do autor, que cada un dos irmáns protagoniza, onde o perfil de Víktor estará sempre dominado pola asunción do ideal comunista e da solidariedade cos demais e o de Nadia marcado, igualmente, pola resistencia e a afouteza.

Por se non abondase aparece unha terceira voz, un verdadeiro achado, que é a do Coronoel Smirnoz, a quen lle legaron todos os cadernos desde o chamado Comisariado do Pobo para Asuntos Internos, que analizará politicamente con apuntamentos realizados á marxe, na procura de ditar unha sentenza aos dous protagonistas por mor das responsabilidades que, na súa aventura, puidesen incorrer.

Extraordinario é, tamén cómpre afirmalo, o traballo de edición levado a cabo neste libro, publicado a varias tintas para recoñecer facilmente a voz de Víktor e Nadia e que se acompaña, como se dixo cos apuntamentos manuscritos que sobre os cadernos realiza o devandito Coronel Smirnov, ademais de incluír fotografías, mapas e outros documentos incorporados aos cadernos."

 

luns, 21 de novembro de 2022

Unha versión que pode rematar en serie

As aloucadas historias dos Monki, dísenos, que é unha adaptación, para primeiros lectores do libro The Peterpin Hale, escrito pola xornalista americana Lucretia Peabody, publicado por primeira vez en 1867 e reeditado en 1960. Agora aparece escrito por Paula Merlán e ilustrado por Blanca Millán e publicado por Triqueta verde. Dísenos, tamén, que vai dirixido a primeiros lectores para favorecer o desenvolvemento do pensamento. Ben, pode lerse a partir de seis anos ben cumpridos, para que o lectorado poda ir seguindo a historia cos nonsenses dunha familia do máis inocente que, a verdade, non pensa moito (de aí debe vir a necesidade de desenvolver a pensamento e propoñernos facelo a través dos libros). Menos mal que a familia de monos conta sempre co asesoramento da porca Musa que lles axuda a entrar en razón.

Moita, moita ilustración para animar a lectura e deterse na imaxe, anacos de cómic para variar o formato e algunha que outra risa, seguro!

sábado, 19 de novembro de 2022

Libros para peques

As pombas de Bastián de María Canosa e ilustrado por Noemí López, está na colección Merlín, a partir de nove anos.

Da presentación editorial: "Desde a fiestra da súa casa, Minia observa todos os días como un home lles dá de comer ás pombas da rúa. As aves semellan ser as súas únicas amigas, mais a rapaza intúe que aquel home agocha unha maxia especial tras a soidade en que semella vivir. Por iso a nena toma unha decisión: achegarse a el. A partir do primeiro encontro prenderá neles a ilusión que vai alumear unha fermosa amizade." 

Un libro que pertence ao imaxinario de María Canosa, ese da fantasía total integrada nunha historia que podería ser realista, a da relación entre xeracións, entre as nenas e os maiores; as historias de soños sen límite porque soñar non ten cancelas e todo cabe nun soño.

As ilustracións de Noemí López son especiais, porque continúan no seu estilo curvilíneo e volumétrico pero están suavizadas, as cores son pastel ou case, a nena é unha nena recoñecible coa roupiña que corresponde e a expresión precisa, as pombas son case de deseño e non sei a que agardan os nosos ceramistas para pasalas ao barro... Eu quédome coa imaxe da biblioteca, unha fermosura que debe permanecer máis alá da historia. E con ese final magnífico que lle dá sentido a toda a historia!

mércores, 16 de novembro de 2022

ENGAIOLARTE ENGAIOLARTE... estamos dispostas a deixarnos engaiolar

 

De Engaiolarte están chegando libros para prelectores/as. Libros de pastas e follas duras con fiestras e solapas, libros troquelados... Traducións, pero benvidas sexan se non hai produción aquí. Benvidas sexan para cosneguir que as crianzas se acvheguen ao noso.

Ogallá teñan sorte e consiguan engaiolar a un grupo o máis amplo posible, ogallá!

Eu acabo de atopar libros como Aprende opostos,  Aprende animais, Aprende a durmir, A selva, O meu primeiro diccionario,  1 2 3 contando, Mundo papel cativos na selva, Mundo papel cativos no océano... ou xogos como O meu primeiro puzzle.

Mirade nos vídeos