Maldiño, a vergonza da familia de Esteban Souto está publicado por Antela editorial.
domingo, 19 de maio de 2024
sábado, 18 de maio de 2024
Novela xuvenil: Setestrelo
Setestrelo de Manuel Esteban está publicada en Fóra de Xogo de Xerais.
Así se presenta: "Xano está a piques de facer doce anos e sente que non encaixa en ningures. Que o seu reloxo interior xira en sentido oposto ao do resto da xente. Que non sabe como abrir a porta que conduce ao mundo dos adultos. A súa avoa Asteria deixoulle, antes de morrer, un misterioso agasallo de aniversario que o levará ata o centro mesmo da Vía Láctea. Alí descubrirá que posúe un don. Que ser diferente o converte, precisamente, nun Abreportas. Setestrelo é un libro de transición entre o mundo irreverente da nenez e o territorio sufocado da adolescencia. Un libro sobre a procura da identidade e a dificultade que teñen os adultos para aceptar todo o que se afaste do normativo. Un libro para lembrar que, malia todo, sempre é posible escoller quen somos."
Fantasía mesturada con informática. Mundos que nun momento determinado entran en contacto. Tres rapaces diferentes, tres seres acosados na escola, tres persoas dispostas a dar a batalla por salvar mundos. A casa da avoa. A nai e a irmá, unha adolescente gótica que só a ven para berrarlle; un pai desaparecido (xa empezan a verse demasiados, como se a república bananera o fose cada vez máis). A relación interxeracional de avós e netos achegando aquilo que se precisa. Un mundo de estraños seres ou estrelas (ou o que sexa) que pode lembrar algo as películas galácticas con esas tabernas nas que o difícil é atopar a alguén semellante a ti, pero aquí esaxerado a grao sumo.
Unha lección: só nos poderán salvar os inocentes, os demais están noutra cousa...
xoves, 16 de maio de 2024
A tradución dun libro de non ficción publicada por Baía edicións
Preséntase así: "Que pasaría se as plantas tivesen súper poderes dos que nada sabemos? Podería ser que as plantas sexan as donas do mundo? Cando miras para as plantas e as árbores seguramente dirás: moi bonitas, pero un pouquiño aburridas. As plantas nin andan nin falan e aínda por riba non fan nada cando as arrincamos, cortamos e cando lles prendemos lume. Pero sabemos o que facemos? Hai moitos científicos recentes que poñen patas arriba a nosa percepción tradicional das plantas e das árbores. Agora non só sabemos que se interesan polo mundo que as rodea, senón que reaccionan ante el. Ademais, comunícanse de xeitos que quen nos dera aos humanos!"
Un traballo moi interesante no que se recollen os resultados de investigacións que nos fan reflexionar sobre o mundo vexetal: os seus recursos, intelixencia natural, maneira de adaptarse ao medio ou de defenderse dos perigos, a memoria que pode gardar no tempo ou como utilizan o que nós entendemos por sentidos... Imaxe e textos magnificamente combinados para achegar toda a información posible, de forma amena e razoada. Un glosario final axuda á compresión e as traducións deste tipo de libros da man de Reimóndez enriquecen o produto e o saber.
mércores, 15 de maio de 2024
Libro de autora
Pomodoro de Titimoki (texto e imaxe) publicado en Pequeno Merlín de Xerais, Así o contan."O oso Pomodoro vive tranquilo nunha pequena casa de cor vainilla rodeada de ducias de maceiras que coida con esmero cada día. Polas mañás, colle a súa cesta chea de mazás e fai repartimento entre a veciñanza. Non necesita nada máis para ser feliz. Un día descobre que unha comunidade de vermes se instalou a vivir nas súas mazás, e xa ninguén desexa comelas. Pomodoro vai ter que buscar unha solución se quere recuperar a súa feliz tranquilidade."
A min gústame o comezo" O avó de Pomodoro era vendedor de limóns (...) Sentía tanto amor polos limóns que cando naceu o seu fillo lle chamou Limoncello. O oso Limoncello, non obstante, adoraba os tomates e dedicou a súa vida á venda de tomates para salsas e ensaladas. (...) Gustábanlle tanto os tomates que cando naceu o seu fillo estivo a piques de chamarlle Tomatiño, pero ao final chamoulle Pomodoro. E a Pomodoro, o que máis lle gustan son as mazás"
Pomodoro terá que ir máis alá do mar, seguindo as indicacións dos vermes, para ver que facer, como resolver o seu problema e o dos vermes... Hai algo que me dá para pensar: os vermes maniféstanse, pero non contra os seus inimigos primeiros, os que acabaron coas súas casas e alimento, senón contra Pomodoro. "Populismo" ou ignorancia?, andar lonxe das reclamacións e que todo nos soe sen máis?
martes, 14 de maio de 2024
Lectura fácil. Libro con pictogramas
Da presentación editorial: "Esta é a coñecida historia de tres chibos, un grande, outro mediano e outro pequeno, adaptada agora a linguaxe pictográfica (SPC) en galego."
Para a inclusión, para que toda a infancia poda ler sexa cal sexa a súa competencia, ten que haber libros con pictogramas. O mellor é poder editalos contando con asociacións con tradición e experiencia neste campo como Bata, para romper barreiras de incomunicación e estimular o camiño da lectura.
A historia é ben coñecida: tres chibos de diferentes tamaño, un peqeunno, un mediano e un grande, cada un deles ten a barba e os cornos que lle corresponden e que provoca unha fermosa repetición. Un dñia deciden baixar da ntaña ao val para comer herba fresquiña pero han de pasar unha ponte que entraña un perigo: está gardada por un ogro ao que conaseguen enganar e así poder á madurez.
Un álbum ilustrado para aumentar a colección de libros de lectura fácil, libros que facilitan a inclusión.
De BD e de poesía
Plus ultra. Transición ao futuro é unha banda deseñada de Alberto Varela Ferreiro publicada por Xerais. Podemos considerar que forma parte dun grupo de novelas gráficas que este autor está publicando, cada unha delas ambientada nun tempo determinado: Wolfram. Espías, nazis e maquis na II Guerra Mundial, Ulf de Jacobsland nas viaxes dos viquingos a Galicia e este últimona transición democrática, a emigración e o esoterismo, pasando polas mareas negras, as loitas das Encrobas e Baldaio, os extraterrestres, un futuro distópico a nivel ecolóxico, o rei galego dos xíbaros (Alfonso Graña), a conquista de América con feitos coma a morte de Atahualpa, amañadores de corpos que herdan o don... Demasiado contido, demasiado... que se completa cunha "Cronoloxía da transición", un Glosario ou os mapas de Galicia oa evolución dos incendios ou os vertidos nucleares.
No bico do vento de Charo Golmar con ilustracións de Olaya Naveira publicado por Bolanda. Un libro agasallo, de gran tamaño, no que as ilustracións van tomando as páxinas (dun papel de gran calidade) para envolver os versos. A obra percorre cinco ámbitos: O tempo, A vida, A natureza, Enredos e Sentires. A última estrofa do último poema serve de cata tanto a nivel de texto como de imaxe (que sentimos non poder achegar):
Amor (a Antonio)
Coa miña man na túa,
co teu paso no meu paso,
xuntos nos contratempos;
arremuiñamos follas
e construímos niños
no bico mol do vento.
domingo, 12 de maio de 2024
Cambia o conto de Música Miúda
Cambia o conto de Música Miúda con ilustracións de Xosé Tomás, publicada por Galaxia en Sonárbore. Trátase de contar os contos do revés, e mellor, de cantalos.
Empezan co conto de Xiana, escrito por Irene Quinteiro conde se lle dá a volta a todos os contos.Logo veñen os poemas cancións. Trátase de ir rachando roles eestereotipos, baseándose nos contos tradicionais, Carapuchiña, o lobo, os ananiños, a serea, a avoa singular, o piraa zen, nenas empoderadas, Branca de Neve, Cincenta, a Bela, a Besta, Matilda (aproveitan para facer unha canción da biblio*), os xogos non sexista senón todo o contrario, a diversidade de familias e tamén de bichos e bichocas, ningunha parrula fea e os ananiños facendo as tarefas domésticas. Moi de valores. Moi feito para...






