domingo, 31 de outubro de 2021

De defuntiños e samaín




Teremos que acordarnos da serie de Mortiña de Barbara Cantini, traducida Rosa Marta Gómez Pato e Manuel González González e publicadapor Hércules Edicións.

A serie dos Minimortos de Ledicia Costas, con ilustracións de Mar Villar e que xa vai pola 4ª entrega. Así se presentaba a 1ª: "Os Minimortos son unha cuadrilla de nenos moi diferentes a ti: son nenos de ultratumba. Agardan polos seus pais no Outro Barrio, un lugar de paso onde teñen liberdade para facer o que lles pete. Todo cambia o día que chega Catacrak, un cativo que quere regresar ao mundo dos vivos. Os Minimortos terán que empregar o seu enxeño para axudalo. Conseguirán que Catacrak regrese á vida?" e a 4ª "A noite do Samaín é a máis importante do ano. A Bruxa Xefa celebra na súa casa unha festa de disfraces e convida só a algúns afortunados. Todos os habitantes do Outro Barrio agardan nerviosos polo seu convite mentres deseñan disfraces terroríficos para a ocasión. Pero, que será o que lles dá medo aos Minimortos? Un vampiro? Un lobishome? Un problema de matemáticas? E o máis importante: recibirán a agardada invitación da Bruxa Xefa ou quedarán sen festa?"

Lembrar a Escarlatina, a cociñeira defunta "Como Román Casas quería ser un auténtico chef, pediulle aos seus pais un curso de cociña para o seu décimo aniversario, que coincide co Día de Defuntos, a festa dos mortos. E nese día tan especial recibiu un megasusto, un agasallo moi singular, un cadaleito acompañado dun sobre negro onde viñan as instrucións para activar a Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX que nunca se separa de Lady Horreur, un arrepiante arañón con acento francés. A bordo do mortobús, os tres novos amigos e mais o gato Dodoto viaxarán ao Inframundo, onde os defuntos viven baixo as ordes de Amanito, o tirano que goberna no Alén coa axuda dos funguiños: os seus terroríficos esbirros. Unha ducia de moi gorentosas e larpeiras receitas, as máis sabedeiras do mundo dos vivos e dos mortos, dan paso a cada un dos bocados desta historia de humor macabro que estimula o apetito do lector e a curiosidade polo mundo da cociña". Ou a súa precuela, Esmeraldina, a pequena defunta: "O Hotel Fantastique está no medio do Salvaxe Oeste. Nas súas cociñas a pequena Esmeraldina é feliz, aprendendo todos os trucos culinarios da man da súa avoa A Tremenda, unha chef de sona mundial. A vida avanza entre pucheiros ata que un andazo de febre escarlatina acaba coa vida da nena. A noticia da súa morte corre como a pólvora entre os habitantes do alén, e empezan a chegar ao hotel defuntos de todas as procedencias, dispostos a instalarse. Esmeraldina necesita aprender a ser unha pantasma de verdade. Para iso contará coa axuda de Lady Horreur, unha peculiar araña francesa que se converterá na mellor mestra e amiga, e Nicotina, unha vaqueira que teima en levala ao seu novo fogar: o Alén Mundo. O Libro de Receitas da Tremenda acompaña esta historia de medo e humor macabro, converténdoa no petisco perfecto para degustar antes ou despois de ler Escarlatina, a cociñeira defunta."

Vampira de biblioteca "Esta non é unha historia calquera. É a miña historia. Preguntarás quen son eu. Chámome Eleonora, son unha vampira e dedícome a papar os insectos que queren roer as páxinas dos libros da biblioteca onde vivo. Así que se es desas persoas que non cre na existencia de criaturas coma min, é mellor que non abras este libro, que o coloques nun andel e te esquezas de todo isto para sempre. Fin. Ou tamén podes atreverte a continuar. Mais para iso debes darme unha mostra de confianza e pasar unha proba. Atréveste?"

Os textos son as súas presentacións editoriais... 





venres, 29 de outubro de 2021

Oh! (Sorpresa)

Oh! de Josse Goffin é un libro sen palabras, un libro xogo. "As súas páxinas son despregables, de xeito que a primeira coa seguinte presenta unha ilustración; pero ao abrir esta última, fórmase outra figura distinta. Xorde así un xogo entre o que se ve e o que se agocha, o que parece algo pero transfórmase noutra cousa diferente..." (Da presentación editorial)

Como se fixera trampa e quixera enganarnos mostra unha imaxe que se transforma noutra distinta ao despregar a páxina da dereita, coma se quixera dicirnos que as cousas non son o que parecen. Semella imposible, pero o que semellaba unha taza acaba converténdose en barco e o que parecía un peixe pasa a ser un pato, un zapato chega a ser dragón e a lúa unha serpe.

mércores, 27 de outubro de 2021

Conto dende os mares afastados

A nai sombra de Seán Virgo, ilustrado por Javier Serrano Pérez e traducido por Martín Veiga.

Da presentación editorial: "Relato poético no que humanos, peixes e outros seres fantásticos se superpoñen e fusionan sen límites. O efecto é exquisito, tráxico e esperanzador, coa promesa de novos comezos."

Unha historia curta, con misterio, elipses, datos que non se achegan... e espazo en blanco para a imaxinación e o peche por parte de cada lectora. As imaxes recadan a mensaxe e continúan o enigma, só alguén como Javier Serrano podería facelo con estas calidades: algo diluído nas imaxes a lápis de cor, algo surrealista nas resoltas con nitidez, unha unidade impenetrable nas dúas linguaxes. A lectora le, como se fora poesía, sen entendelo de todo e aceptando non facelo: falamos de sereas? de herdos que van dende os oficios ata o ser? de feitizos que son condenas? unha nova hsitoria da sereíña? que papel cumpren os peixes nas imaxes? Non, non queiramos saber!

Unha historia situada no mar e no río, nunha vila con augas, mariscadoras e mariñeiros que sempre se van lonxe e un día queren volver. Casas silenciosas.

 

luns, 25 de outubro de 2021

Varios

Viches iso?Un singular percorrido pola vida das aves invisibles é un libro de gran tamaño con textos e ilustracións de José Arcas. Unha aposta decidida na colección Lanterna de Aristóteles. A modo de cadrno de campo, o autor vai percorrendo a costa, a cidade e a aldea buscando as aves que se poden atopar en cada lugar. O produto de máis de trinta anos de observación que se presenta con datos científicos e factura artística. O autor busca espertar no lectorado a curiosidade que lle faga ver ese mundo de paxaros que ás veces nos pasa desapercibido.

O derradeiro conto de As mil e unha noites de Santi Baró, ilustrado por Mercè López en blanco e negro demostrando que dende a sinxeleza se acada a calidade. Publicado por Tambre. 

Unha escola, un curso (6º), un grupiño de rapaces e rapazas, unha historia. Un día, aparece un lobo na clase e diríxese a atacar, xustamente, ao líder do grupo que está amparando á nena árabe que acaba de chegar á vila co pai médico. Detrás dese acontecemento, hai unha historia de lobishome?, un conto dos que as nais lles contan aos fillos pola noite?, unha rabia inmensa que pode transformarte? De todo iso trata, da derradeira historia de Sherezade que nunca se escribe, do relato necesario para todo tempo e de como os soños poden arranxar as desfeitas dos días, da amizade que coida e das nais que continúan co oficio de contadoras. Unha magnífica volta ao mito que non nos vai deixar indiferentes. 

O segredo dos zapatos de Fernando Cabeza Quilmes é un libro de relatos que vai chamando a atención sobre costumes que poden molestar o medio ambiente, o nome río, os acordeóns que emborca o mar ou os nomes máis axeitados para os animais (por que non falar de elegantes en vez de elefantes, de leas en vez de leóns, de xiraltas, perdidas ou collelos?). Unha edición de Embora con sinxelas ilustracións en blanco e negro de Mon Lendoiro acompañan o texto.

sábado, 23 de outubro de 2021

Series para primeirísimas lecturas

 

Os libros de ratos de Oli, ilustrados por Natalia Colombo, tene unha entidade propia, unha marabillosa combinación de autor e ilustradora. Son álbumes para primeirísimos lectores e lectoras.

Ata o momento conta con tres títulos: Ratos na escola, Os ratos da casa e Ratos de viaxe. Contos rimados, con catro versos por cada imaxe que ocupa dúas páxinas enfrontadas. Os textos encadénanse dándolle unidade de significado e rítmica ao texto. Os ratos son animaliños felices que se moven sen parar mentres o resto da natureza os observa.

Pois si, vai de ratos!

martes, 19 de outubro de 2021

De poesía e tradución

Poemas bestas e outros bechos de Leire Bilbao traducido por Isaac Xubín e con ilustracións (a base de colaxes) de Maite Mutuberria.

Dísenos que Poemas bestas e outros bechos é o poemario irmán maior de Bechopoemas e outras bestas, galardoado co Premio Euskadi de Literatura 2017, o Premio Kirico 2019 ao Mellor Libro Infantil e Xuvenil, e o 3º Premio Nacional aos Libros Mellor Editados en 2019. Que os dous libros xuntos forman
unha proposta poética global na que esta segunda parte dá un paso máis, elevando o nivel de lectura.
Os protagonistas volven a ser criaturas que habitan na terra, na auga e no aire. A rima lúdica e o ritmo pegadizo das composicións invitan a ser recitadas e cantadas colectivamente, en familia ou nas aulas. Que destacan os versos pola súa musicalidade, as onomatopeas e os xogos de palabras a base de diálogos poéticos, concatenacións, acrósticos, repeticións e outros recursos literarios. Que a diversión e o sentido festivo da poesía están servidos nestas páxinas, que tamén presentan aspectos da vida cotiá con imaxinación, enxeño e sentido do humor. 

Que a adaptación sexa de Isaac Xubín ten moitos puntos ao seu favor, un verdadeiro poeta e señor de linguas e memoria.  Que a súa autora estea vinculada ao versolarismo dende moi nova e conte con premios e traducións a varias linguas é unha garantía...

Porque a autora xoga con todos os recursos dende a rima ata o xogo conceptual (e o encargo de coidar das linguas grandes e das pequenas), divide a parte central en Poemas voadores, Poemas acuáticos, Poemas reptantes e Poemas ruxidores atendendo aos animais que os protagonizan e o Fin ou peche coas formigas cargadas de letras.

Un poema de mostra. O seu título "Aves migratorias":

As aves emigran

dende o norte até o sur

nun ceo sen fronteiras.

As persoas emigran 

dende o sur até o norte 

sen ceo entre as fronteiras.

xoves, 14 de outubro de 2021

DOUS LIBROS GALEGOS na prestixiosa lista dos White ravens

 
Despois de varios anos nos que non aparecían recollidos os nosos libros... de novo, estamos na Internationale Jugendbibliothek de Munich.

O Listado dos White Raven é un dos listados máis recoñecidos do mundo, xunto coa Lista de Honra do IBBY, de aí a alegría que nos produce que a literatura infantil galega se vexa máis alá de Galicia e de España. Este libro, tal como se informa dende Kalandraka, xa recibira unha mención no XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado e do Premio Los Mejores Libros para Niños y Jóvenes 2021 del Banco del Libro de Venezuela.

Acaban de entrar o álbum ilustrado Ninguén coma min de Ignacio Chao e Eva Sánchez e tamén a novela  Santoamaro de Antonio M. Fraga, que xa obtivera o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

Desta novela, podemos escoitar algo no podcast seguinte de Radio Ateneo Podcast.