Chega "marzo marceiro, pola mañán cara de can, e pola tarde é falangueiro" e con refráns comeza.
No día 21 chama a poesía á porta e abrímoslle con todas as ganas, porque nunca pechada estivo.
Poesía todo o ano e en marzo de longo.
Por iso lembramos algunha páxina fundamental como poesíagalega.org, orella pendella e Galicia encantada para a tradición, sondepoetas para a música, a biblioteca virtual galega na categoría de autores/as ou títulos. Para posibles actividades arredor da poesía (por se quedaramos secas de imaxinación e bo facer nalgún momento) sempre poderemos acudir á páxina de bibliotecas escolares e utilizando o buscador apareceranos desde o realizado nos centros educativos arredor deste día ou do día de Rosalía ata as maletas viaxeiras de poesía.
Acudir aos catálogos das editoriais para coñecer a produción poética para a infancia a e mocedade (nunca excesiva) e ler / consultar as antoloxías. Facelo, a modo de menú de degustación, probando para coñecer e tomando decisións a partir do bocado que catamos. Facelo, como quen realiza unha viaxe con circuíto, coñecendo, observando, descubrindo o que nos gusta para afondar nese autor, nese libro que contén o poema. Sempre foi así, un libro lévanos a outro... Facendo boca coa Antoloxía da poesía galega para nenos de Susaeta ilustrada por Xan López Domínguez, co O libro dos cen poemas. Antoloxía do poesía infantil galega de Xosé Mª Álvarez Cáccamo e Marisa Núñez (ilustrado por Manuel Pizcueta), con Os nosos versos de Antonio García Teijeiro ilustrado por Fino Lorenzo ou Poetízate (unha antoloxía destinada á mocedade) de Fran Alonso.
Veña, poetízate!
Ningún comentario:
Publicar un comentario