mércores, 22 de febreiro de 2017

Libros xuvenís de variada tipoloxía (8)



Contos nerviosos de Fran Alonso, con ilustracións de Dani Padrón e publicado por Embora.
As ilustracións de Dani Padrón están realizadas nun estilo bastante diferente ao que nos ten acostumados, pero como sempre, con unidade propia, neste caso con debuxos en branco e negro.
Estes son realmente contos nerviosos que recollen  historias que nos desasosegan con casos de alerxias excesivas, de medos que sempre nos manteñen en vilo, as vergonzas máis grandes, o peor que nos podería pasar tal como o vemos en cada momento, persoas que pasan a converterse en personaxes ou que cambian de lugar e identidade, nenas que pasan de raíñas consentidas a enlodarse na lama...  A min persoalmente encántame "O meu aniversario", esa nena absolutamente consentida que verá coma o seu reino de consumismo e mimarrachada se descompón en anaquiños, canto por aprender! 
Os contos nerviosos non menten, son realmente nerviosos. Neles hai moito negativo do que nos machaca e fai a vida máis difícil: rapaces odiosos, alerxias, ruídos, máquinas e inconsciencia por destruír o que temos, os medos que nos fan perder a cabeza...  E Fran Alonso, como sempre disposto a abrirnos unha nova porta pola que entrar para ler e ver a realidade, con outros ollos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario