sábado, 2 de xaneiro de 2021

A defensa da libraría na Nadal e Ano Novo

Nestes tempos de pandemia, naqueles de confinamento, estaban abertas as tendas de comestibles pero tamén nos acordabamos da librarías, desas nas que atopabamos o outro alimento. Nos primeiros días en que nos falaron de pecharnos, unha libraría ofreceunos servir libros para que non nos faltara de nada, eu pedín para un par de amigas porque na miña casa había un lote aínda sen abrir (é o que toca cando vas mercando ou pasando por presentacións sen darte conta de que non tes tempo para tanto). Agradecín moito aquela oferta porque era unha maneira de coser relacións cando os fíos dependían unicamente do teléfono. A libraría aí, aínda pechada dando servizo, aínda pechada contactando, aínda pechada téndonos presentes... e nós a ela.

Por iso, polo que significan as librarías, agradecemos todo canto se poda facer por darlle visibilidade. Gústanos que haxa un día das librarías e quedamos felices cando vimos que o premio Internacional Compostela deste ano xiraba arredor da libraría: Dende 1880. Unha rúa, unha libraría familiar, o paso do tempo, ata que semella que todo ten un remate... pero queremos pensar que non, que hai esperanza e algún día volverase abrir esa libraría como se fixo co café que tamén está na rúa.

Gustoume ese libro que ademais a editora fixo que saíra o Día das Librarías, para acompañalas e gustoume que a mesma empresa utilizara esa imaxe na felicitación de Nadal (que envía ao mundo) e na do ano novo (que volve voar). E tamén me gustou que o propio concello de Santiago, a outra pata do premio Compostela, a utilizara tamén.

Quero crer que somos unha cidade, unha sociedade, que mira para as librarías.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario