xoves, 14 de xaneiro de 2021

EXTRA! EXTRA! EXTRA! Paco Nogueiras en estado puro


EXTRA!, o novo libro - cd de Paco Nogueiras con ilustracións de Marc Taeger. Tal como se di na presentación editorial, Paco converte as noticias en música e cancións. Ademais, continúa co seu empeño en cantar divertido e compartindo os valores que nos definen como sociedade: a igualdade, o medio ambiente, a paz... Os temas dispóñense como nun xornal con distintas seccións onde cada composición aborda diferentes noticias. Coa frescura á que nos ten acostumadas, cun estilo moi persoal, a súa conexión co público é directa, chamando á participación e ao baile colectivos.

Unha colección de cancións nas que ten o seu lugar a bicicleta, as super heroínas e super heroes, o eco...

Despois de «Radio Bulebule»  que resultou finalista dos VII Premios Martín Códax na categoría de Música Infantil e de «Brinca vai!»  que conseguiu o III Premio Martín Códax da Música – Infantil, aparece esta nova entrega. Como as outras, dará lugar espectáculos presenciais e virtuais cos que o compositor e intérprete percorre festivais, escenarios e escolas de todo o país.
Os videoclips, coa participación de familia e amizades, están dirixidos por José Miguel Sagüillo.

As ilustracións de Marc Taeger colocan a imaxe inconfundible de Paco Nogueiras (chapeu e lentes) como repartidor de xornais ou como lector e comentarista.  Un libro disco para divertirse, para traballar na aula e na biblioteca, para escoitar no coche mentres realizamos viaxes, para saír ao patio e facer unha coreografía, e tamén, por que non? para traballar na semana da prensa.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario