venres, 1 de xaneiro de 2021

O CASTRO, tamén na orixe da LIXG (Literatura Infantil e Xuvenil Galega). Unha mostra en Compostela

Unha exposición organizada por GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) para conmemorar o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. Situada na Casa das Asociacións (antiga estación de Cornes), nunha sala humilde igual que a exposición (que consta de tres vitrinas con libros e 10 paneis coa información temática). Con todo, o lugar é o máis axeitado que se podería atopar para Isaac, no fogar das asociacións, alí onde debe residir a sociedade civil e onde el estaría a gusto por ser un digno representante desta sociedade activa. Foron as asociacións de Compostela as que lle fixeron unha das derradeiras homenaxes á que asistiu con Mimina, a súa compañeira. Por riba, esta casa está situada na rúa Manuel Beiras, un bo amigo de Isaac que publicou neste selo -baixo o pseudónimo de Eubensei- as traducións dos Contos de Grimm en dúas escolmas e tamén Platero e máis e foi artífice, tamén, de que María Canosa publicara en Ediciós do Castro e primeiro libro dunha longa carreira. 

Era necesaria esta mostra para amosar o papel de Isaac (a través de Ediciós do Castro) no desenvolvemento deste libro a partir de 1968, ano en que publica Memorias dun neno labrego. Arredor de medio centro de obras distribuídas en catro coleccións (Narrativa pra nenos, O mundo do neno, Poesia pra nenos e Teatro pra nenos) e algunha máis situada noutras coleccións como a primeira obra infantil de Euloxio R. Ruibal Teatro infantil ou o primeiro libro sobre esta literatura da man de Xulio Cobas Brenlla. Aquí vanse estreando sinaturas como a de María Victoria Moreno, Concha Blanco, Anisia Miranda e vanse recoñecendo as de Dora Vázquez, Heidi Khün – Bode, Pepe Cáccamo, Marica Campo... e algúns que só nos deixaron esa mostra como Choio e o rei Talento, Coma nós, O raposo Careto... a primeira narrativa xuveniul con conciencia ecolóxica (así se presenta As gaivotas do cabo Morás. O porco espiño Xeremías de Xavier Lorenzo que publica a 2ª edición en 1983) ou Cantando cos nenos. Escolma de poemas para que canten os nenos (selección de poemas de Rosalía de Castro realizada por Xulio Cobas en 1985, centenario da morte da poeta).

Unha mostra que non podemos perder porque nos mostrará outra faceta de Díaz Pardo, ese home que removeu a cultura galega do século XX.

Ningún comentario:

Publicar un comentario