sábado, 24 de abril de 2021

Varios libros, varias idades lectoras, varias editoriais...

A tartaruga Amodovou de Paula Carballeira con ilustracións de Ana Seixas, publicado por oqueleo. Un libro cheo de cores para primeiros lectores e lectoras.Como camiñará unha tartaruga que leva ese nome? Dende que nace a tartaruga vive rodeada de aves que lle avisan dos perigos ou que a axudan a voar ata colocarse sobre unha balea para que coñeza o mar dende dentro. Unha tartaruga feliz nun mundo en primavera. Porque amodiño tamén se fai o camiño.

A formiga destemida de María Reimóndez, ilustrado por Iván Sende e publicado por Xerais na colección Pequeno Merlín. Unha formiga coma as demais, ou non tanto "Porque ela, de cando en vez, despístase. E hoxe sentía no corpo esa necesidade. A necesidade de levantar un chisquiño a cabeza. Un chisquiño nada máis... " Lese na presentación editorial "Unha fábula sobre a ansia de coñecemento e sobre a importancia de afrontar a vida sen prexuízos que nos limiten". Semella que as formigas saen das fábulas, andar arredor delas.

O mundo máxico de Lía de Eduardo Santiago con ilustracións de Marcos Calo, publicado na colección Merlín de Xerais. Unha nena de dez anos. Unha nai que a considera moi madura, un pai que se burla dela, a xente que pensa que é muda... pero hai un ámbito subterráneo detrás dese comportamento, uns medos e unha necesidade de salvar a alguén máis que a ela. Todo iso a levará a unha viaxe na que atravesará o mundo subterráneo sobre o que flúe a cidade de Pontevedra na noite, e na compañía dun trasno como única axuda, conseguirá o que se propón: volver á casa onde xa non está a violencia de xénero abrouxando o seu universo.  

A historia de Greta. (Non es demasiado pequeno para facer cousas grandes. A biografía non oficial de Greta Thunberg). Escrito por Valentina Camerini, ilustrado por Verónica Carratello, teaducido por Moisés Barcia e publicado por Sushi Books. Había que contar nun libro para rapazada a historia de Greta, a adolescente sueca que comezou unha folga polo clima ela soa cando contaba quince anos, a rapaza que semella malhumorada cando lles fala aos dirixentes políticos, a moza que espertou un movemento necesario e nos puxo a seguila nas súas viaxes e encontros nos cumios mundiais. Nunca tal se vira. Todos os medios de comunicación recollían a noticia, repetían as súas palabras e demostraban que as rapazas diferentes son imprescindibles sempre pero neste caso máis. 

Unha historia que comeza o 20 de agosto de 2018 e aínda non rematou porque a rapazada, a mocidade vaise ter que poñer en pé para defender a Terra que están herdando ou non haberá planeta, e non hai un plan B para este asunto. No libro cóntasenos esta historia pero tamén se amplía para explicarnos "Que podemos facer nós?", para engadir un glosario medio ambiental, unha cronoloxía da contaminación humana e o quecemento global e un listado de enlaces a páxinas web onde continuar afondando nesta temática.   

Porque hai camiños que é preciso facer, sexas tartaruga, formiga ou nena. Porque é preciso loitar pola vida, defender as ansias de saber, salvarnos dos monstros que adoptaron formas humanas e protexer o planeta. Por todo iso, é preciso ler.

Ningún comentario:

Publicar un comentario