venres, 2 de abril de 2021

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL, 2 de abril

 

O Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (en inglés International Children' s Book Day - ICBD) é un evento anual promovido pola organización sen ánimo de lucro Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY).

En 1966, a escritora e xornalista alemá, fundadora de IBBY, Jella Lepman, propuxo que o 2 de abril de cada ano se celebrase o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, conmemorando o nacemento do escritor danés de literatura para nenos, Hans Christian Andersen. A primeira celebración fíxose o 2 de abril de 1967 e Lepman estivo a cargo do discurso de inauguración do evento.

Cada ano unha Sección Nacional do IBBY ten a oportunidade de organizar o ICBD. Decide o tema e convida a un autor ou autora significativo do país para escribir unha mensaxe aos nenos e nenas do mundo e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora a deseñar un póster. Estes materiais rem´çitense a cada sección para ser traducidos e difundidos.

Este ano, o autor do cartel é Roger Mello, que naceu en Brasilia en 1965. Roger Mello, gañador do
premio IBBY Hans Christian Andersen 2014, ten ilustrado máis de 100 títulos, sento tamén o autor de 25 deles. Recibiu numerosos premios en Brasil e no estranxeiro polo seu traballo como ilustrador e escritor e os seus libros foron traducidos a 15 idiomas.

A autora do texto é Margarita Engle, cubano-americana creadora de libros de versos, con numerosos premios que inclúen o NSK Neustadt Prize de Literatura Infantil 2019, os Premios de Honor Pura Belpré 2011, 2012 e 2015, un Walter Award Honor en 2018, o Américas Award de 2015, un Premio ao Libro Infantil Jane Addams e varios Premios de Honra Internacionais do Libro Latino. Tamén foi galardoada cos premios Charlotte Zolotow, PEN USA, Golden Kite, Green Earth, Lee Bennet Hopkins, Arnold Adoff Poetry Award e Claudia Lewis Awards.
Esta é a súa mensaxe, traducida ao galego pola escritora María Canosa:


A MÚSICA DAS PALABRAS
Cando lemos, á nosa mente médranlle ás.
Cando escribimos, os nosos dedos cantan.
As palabras son golpes de tambor e frautas na páxina,
paxaros voadores e elefantes trompeteiros,
ríos que flúen, fervenzas que caen,
bolboretas que viran
alto no ceo!
As palabras convídannos a bailar
ritmos, rimas, latexos do corazón,
cascos e bater de ás, contos antigos e novos,
fantasías e verdades.
Esteas cómodo na casa
ou atravesando veloz as fronteiras cara unha nova terra
e unha lingua estraña, as historias e poemas
perténcente.
Cando compartimos palabras, as nosas voces
vólvense música do futuro,
paz, alegría e amizade,
unha melodía
de esperanza.


Ningún comentario:

Publicar un comentario