Polo mar salgado é un libro de poesía de Nieves García con ilustracións de Marina Gibert, traducido por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka.
Da presentación editorial: "Unha viaxe extraordinaria pola superficie e o fondo dos mares para coñecer, entre versos rítmicos e sonoros, algúns dos seus habitantes." "Un novo acartonado con texto rimado para coñecer os mares e os seus habitantes. A noite e os soños ofrecen a grandes e pequenos unha marabillosa oportunidade para vivir aventuras compartidas. Nesta ocasión, unha viaxe extraordinaria pola superficie e polo fondo dos mares. Polbos, linguados, atúns ou sardiñas serán os nosos compañeiros de xogos nocturnos acompañados da lúa. Nos versos rítmicos e sonoros de Nieves García, gran coñecedora da tradición poética, resoan os ecos de Lorca, Guillén, Alberti ou Miguel Hernández e son un vehículo ideal para transmitirlles aos prelectores e prelectoras o gusto pola palabra iniciando o seu camiño no itinerario lector. As imaxes vivas e coloridas de Marina Gibert completan esta proposta ideal para nenos e nenas de dous anos en diante."
De páxinas en cartón, un libro duro para mover con dedos gordechos, para manipular sen medo, para observar a fauna marítima nun mundo cheo de colorido e ritmo, de rima e imaxes, con eses elementos que tanto gustan ás crianzas (mar, lúa, espuma, ondas, estrelas, illa... peixe espada, delfín, cabaliño de mar, medusa, argazos, corais, estrelas de mar, polbo, linguado, atún, sardiña, ourizo, lura, cangrexo, vieira... O protagonismo está claro, unha criatura móvese por ese mundo poético entre os versos de seis sílabas e a rima asonante nos pares, catro versos en cada plana e unha delas só con imaxes porque estas son tan importantes coma as palabras; a crianza tan pronto vai navegando na lúa como montada no cabaliño de mar, nun atún ou nunha corrente mariña, nadando ou agarrándose a unha alga, xogando coa lura ou permanece na illa, iso si, balanceándose na randeeira. Diso se trata, de xogar coas imaxes e os versos que se aprenden e se poden ir recitando ao tempo que se miran as figuras e se pode continuar inventando estrofas, porque unha vez metidos en faena todo ó doado.
Entremos neste mar de versos, naveguemos entre a fauna e a vexetación, nademos, mergullémonos e descansemos pousando o corpo na superficie de auga igual que se estivésemos na cama, disfrutemos do mar e da poesía unha un está cheo da outra e viceversa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario