Unha novela para ler e pensar: Escola de bruxas de María Canosa, con ilustracións de Maiky Odel, está publicado por Xerais na colección Sopa de libros.
Poderiamos pensar: unha máis de bruxas, pero vai máis alá. Dentro desa produción de libro infantil ao redor das bruxas, este ten mais que contar e, sobre todo, está ben contado e dá para pensar. Tanta moda de emocións e emoticóns e igual esquecemos ámbitos de tanto valor coma o esforzo, o empeño en superar dificultades, dende o propio eu con axuda da xente que nos quere e non nos vai deixar soas. Digo ben contada e digo ben,porque se le coma se nola contasen, sen andar tropezando con parágrafos que nos molestan, sen perdernos (iso que tan de moda está, neste momento, por non darlles unha segunda ou terceira lectura ás novelas), situadas sempre no lugar e momento. As ilustracións tráennos ese aire moderno e de banda deseñada ou manga tan actual, non se pode dicir que as bruxiñas sexan do pasado. Nalgún momento incluso me lembraron esas que adoro de Cristian F. Caruncho en Zaínza a Punkiereteira. Teño que confesar que aínda que me gustan e moito as das rapazas, encántame a da páxina 69 na que representa á esbelta profesora, porque tamén lle teño que agradecer iso, que represente á rapazada de forma diferente á sexualizada adulta.
Da presentación editorial: "Mencía non encaixa na escola de bruxas, pero con amigos e esforzo pode que atope a súa propia maxia. Comeza o curso na escola para perfeccionar as súas técnicas de maxia e meigallos rodeada doutros nenos bruxos e nenas bruxas. Nunca antes vira tantos compañeiros xuntos. E nunca se sentira tan soa e diferente... Tanto, que pensou que o de ser bruxa non era o dela. Pero non hai nada que se resista ao seu esforzo e a unha boa amizade."
Xustamente, diso se trata, xa vai de mala gana e cando chega alí dáse conta de que non ten nada que ver con aquela xente: nin no físico (o seu pelo, a cor da súa pel, a roupa e as zapatillas que leva) nin tampouco no psicolóxico: non ten maior interese nesas artes e séntese rechazada por todos agás por unha rapaza que se fai amiga súa dende o primeiro momento, que a acepta tal como é, que a defende e a axuda en cada novo reto teña a dificultade que teña dende a escoba á variña. Porque a historia fainos pensar naquilo que lle di Nivaria "téntao, unha vez máis (e logo outra e outra máis ata chegar)". As dificultades iranse vencendo, se non é quen de contar ben e salta determinados números con iso pódese vivir, só hai que contar doutra maneira, se non fai maxia coa variña ou non pode voar coa escoba... todo é cousa de poñer ao seu servizo aquilo que se lle dá moi ben, que a libera de cando problema xorde: a música!
A amizade fainas cambiar, a unha a á outra, Mencía pode levar unha capiña (ao seu xeito) e Niva vai calzar uns zocos e uns pantalóns que nun principio non estaban no seu roupeiro. Porque a amizade nos vai unindo e por iso, ás veces, as amigas mítanse coma se fosen irmás. Tamén nos fai pensar en algo que as persoas adultas sabemos pero que á rapazada lles custa entender, que poucas cousas son permanentes, que eses rapaces que hoxe se rin de ti poden cambiar e non facelo mañá (pero hai que poñerlle freno, iso si, e non aguantar ningún desprezo). A profesora está ben debuxada, moi ben tratada, sabe estar onde corresponde apoiando sempre a quen o pode precisar en cada momento. E, non temos que ser boas en todo, sempre hai algo que se nos resiste e no que temos que insistir pero hai outros ámbitos nos que case temos maxia, como lle sucede a Mencía coa música.
Bruxas e lugares con nomes ben especiais que adiviñamos a que responden. Imos entrar nesta escola!
Ningún comentario:
Publicar un comentario