mércores, 8 de xaneiro de 2025

Un novo título para "A pequena memoria"

A colección "Pequena memoria" de Xerais, dirixida por Eva Mejuto vese ampliada con O triángulo vermello de Carme Vidal e Pablo Iglesias Núñez, ilustrado por Belén Diz.

Da presentación editorial: "Mercedes Núñez (1911-1986), política republicana e militante antifascista, logra sobrevivir ao Cárcere de Ventas franquista e ao campo de concentración nazi de Ravensbrück e dedica os últimos anos da súa vida a denunciar a represión sufrida no que foron dous verdadeiros infernos para as mulleres. A súa biografía é unha lección de vida, de solidariedade e compromiso coa liberdade e a xustiza. A súa herdanza, unha vacina contra o fascismo. O triángullo vermello é o terceiro título da colección Pequena Memoria, para recuperar as voces silenciadas da historia. Unha biografía emocional de Mercedes Núñez, loitadora polas liberdades e supervivente do fascismo, a través da mirada inocente do seu fillo Pablo."

Unha foto na rúa Real da Coruña, un baúl no que se garda a Historia da vida política da nai, a narración desa vida apoiada por cada un dos obxectos dese caixón de memoria democrática. Ese contedor preséntalle a muller que era súa nai antes de nacer el, a que naceu nunha familia acomodada e medrou no caldo de cultivo da República como unha activista social consciente e comprometida que fora secretaria de Neruda no consulado de Chile en Barcelona, afiliada ao Ateneo e ao PSUC... cando triunfa o Golpe de Estado de 1936 viaxa á Coruña para reorganizar o Partido Comunista pero é detida e despois de pasar por varias cadeas permanece nas Ventas de Madrid e posteriormente pasa á resistencia en Francia, sendo detida, de novo e conducida finalmente  ao campo de concentración nazi coñecido como o inferno das mulleres. A piques de morrer gaseada é liberada polos aliados, en Francia vai prticipar no xuízo contra o seu torturador nazi e posteriormente convertirase na testemuña deses tempos fatídicos. Dela é o libro Cárcere de Ventas no que atende a petición das súas compañeiras de explicar na rúa o que alí vira e tamén Candidata al crematorio na que explica o tempo de resistencia e deportación. Co militar republicano Medardo Iglesias, que coñeceu no hospital de convalecencia finalizada a II Guerra Mundial, vai ter o seu fillo Pablo Iglesias (un dos que levan ese nome con toda a dignidade e que hoxe é promotor da Amical de Mauthausen en Galicia, a asociación que mantén viva a memoria dos españois nos campos de exterminio), un dos autores do libro.

A historia é tan potente como esa vida de loita pragada das experiencias radicais e máis duras que puideron vivirse no século XX.  As ilustracións son potentes, dende esa cuberta co baúl con todos os obxectos do horror situado nesa mesa cotiá co xarrón coas flores e o paxariño que se pousa. En azul, un azul triste de bolígrafo que só se ve salpicado polo triángulo bordado en vermello e ese fío que vai unindo fotografías e anotacións do que foi a vida. Nese azuis continúan as ilustracións do interior nas que xogando con diferentes tamaños nos mostra documentos, a cidade na que comezou o calvario, a escena familiar na que o fillo escoita o relato da nai mentres ela nova subida ao baúl pon o puño en alto mentres a garda civil lle apunta... a vida posta a proba na beleza dos pequenos momentos nos que as flores se fan presentes ou das aberracións nas que a mulleres se amorean nos cárceres e campos de exterminio, a tenrura que envolve eseas lembranzas de mulleres novas adoptando as nais que quedaron orfas de fillos, as mans que cosen, a roupa colgada, os pés nunha natureza que segue viva a pesar dos zapatos abandonados das que non sobreviviron, as telas ou árbores retortas que envolven igual que o fan os aramios de espiñas, os lobors depredadores no medio da noite acechando o exterminio ... a enteireza para sabotear as armas nazis ou para declarar no xuízo fronte ao mundo; o fío vermello que ata as pólas das retortas árbores ou as fotos reais das gardas,o lume que queima o tempo e as lembranzas, que cose as marcas que as identifican, as flores e os paxariños que continúan cantándonos coma a san Ero mentres pasan os anos e os séculos.

Un libro para lembrar o que pasou, para recuperar memoria e facer xustiza pero tamén para lembrar que os lobos seguen aí, que as flores e os paxariños non deben confundirnos so confortarnos porque o que pasou pode repetirse e ninguén vai ser inocente.    

Antes foron A lavandeira de San Simón e A nena lectora. Que virá despois?

Ningún comentario:

Publicar un comentario