sábado, 11 de xaneiro de 2025

Unha nova entrega da serie Presas fáciles

Miguelanxo Prado acaba de presentar unha nova entrega da serie Presas fáciles; o seu título é Voitres.

Preséntase así: "Neste novo caso os policías Tabares e Sotillo investigan o suicidio de Irina, desencadeado pola recepción de foto intimas no seu móbil. A trama mergúllase no mundo do acoso cibernético e as presións sociais na era dixital, coa dupla de investigadores desenterrando segredos que os conducen á verdade detrás da traxedia de Irina. Co seu estilo visual inconfundible, esta nova bd de Miguelanxo Prado incita á reflexión sobre o que esconden moitas das terribles novas que lemos nos xornais onde a realidade pode parecer ficción e viceversa."

Do xénero negro, da bd con conciencia, do novso mellor viñetista a historia dunha adolescente adoptada que se ve abocada ao suicidio cando non é quen de entender que sucede, por qué aparecen imaxes de contido sexual no seu móbil... Si, voitres porque hai xente disposta a facer o que sexa por conseguir cartos, porque hai xente disposta a pagar o que sexa por conseguir sexo e no medio a inocencia caendo baixo as garras desas fieras igual que caeran -na primeira entrega- os vellos nas preferentes dos bancos. Hienas e voitres aproveitándose das persoas máis vulnerables. Menos mal que hai policías que coidan para que a sociedade non funcione coas leis da selva. 

Encántanos ver a trama situada na cidade da Coruña, coa torre de Hércules no horizonte, ese ollo de deus que vixila iluminando os camiños de Tabares e Sotillo que os percorren traballando ou deixando que as estrelas lles mostren a miudeza humana no planetario, paseando polo porto e a mariña na que mostrar a beleza pura da urbe marítima e continuar esa historia que amor que se vai mesturando coa investigación. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario