mércores, 10 de setembro de 2025

De varia calidade

O rap do coello fedello de Irene Alonso Gasalla con ilustracións de Irene Sanjuán publicado por Embora. 

Un coello e unha lebre, a el gústalle o rap e ela quérelle axudar a triunfar. Para iso ofrécelle apps, complementos, filtros branqueadores de dentes, un alisador de pelo, nova vestimenta, filtros para as engurras, redes sociais... de todo lle brinda para convertelo mun úsico de éxito pero o coello quere serguir sendo el mesmo, cantando o que lle gusta.       

Un álbum áxil, de cores vivas e moi actuais, cunha historia que moito nos pode ensinar. Para ser un mesmo ou unha mesma sen deixarse influenciar polos demais, pola autenticidade da arte, polo goce natural, pola música e o xogo... por todo iso, este é un libro para ler e cantar, para bailar e afirmarse no que somos. Unha boa elección!  A música base está neste enlace

O extraordinario caso do tellado do Xildro de Celia Díaz Núñez con ilustracións de Susana Diaz Cabot está publicado por Medulia editorial.

Da presentación editorial: "Construír un tellado é como tecer un pano no tear, ou como armar un cesto de costrelas para apañar castañas, ou un barrelo de táboas para durmir un meniño. Non é, desde logo, tarefa doada, moito menos se o vento anda con ganas de troula e interfire no traballo. Cal será o resultado?" Pode que unha barca surcando augas, pode que unha nave voando... 

O importante, en todo caso, é a observación de como se vai facendo ese tellado, pouco a pouco, nun traballo artesanal que merece moito respecto tal como demostra a persoa que contempla a súa evolución con todo o lirismo do caso.

A fraga das avoas invisibeis de Claudia Castro está ilustrado por Yolanda López e publicado por Fervenza edicións. Relata a historia dunha nena que ten a nai enferma. A pequena está triste pero todo vai ser distitos despois de que a nai lle conta como as nais cando están enfermas  pechan os ollos e viaxan á Fraga das Avoas Invisíbeis onde corren tantas aventuras que volven moi cansas...

Ningún comentario:

Publicar un comentario