venres, 26 de setembro de 2025

Poesía e publicidade


Véndoche un poema de Fran Alonso afonda nesa relación entre a poesía e a publicidade. Publicado na colección Camaleón de Xerais xoga coas imaxes ata o punto de poder falar de poesía visual e resulta moi evidente a crítica ante a sociedade de consumo que utiliza a publicidade como o deus de todas as cousas. Fran Alonso está disposto a facer incursións na nova poesía, a experimentar  en todos os campos que se van abrindo con camiños polos que transitar. Xa o fixo en Cidades cando trouxo un tema diferentes á poesia infantil, en Street poems co graffiti e a improvisación rebelde, en Poemas birollos para ler coa ollos coa oralidade, a poesía visual e o grafismo, en O meu gato é un poeta co xogo, as novas tecnoloxías e a interacción entre as artes ou en Poetízate cando creou a gran antoloxía poética para mocidade. 

Así se presetna: "Un libro transgresor que dispara poemas á diana da comunicación máis poderosa do noso tempo: a publicidade". "Teñen algo que ver a poesía e a publicidade? A publicidade invade as nosas vidas, omnipresente. O que pode sorprender é que a publicidade bota man constantemente de moitos recursos propios da poesía. Ás veces, mesmo emprega a propia poesía para dirixirse a nós e tratar de convencernos. A partir da relación entre poesía e publicidade, Fran Alonso convídanos a explorar esa conexión amigable e contraditoria, interesada e diverxente, para ofrecernos un libro de poemas directos, incisivos e críticos, escritos desde contextos onde as imaxes de anuncios publicitarios nos rodean e acompañan no día a día. «Véndoche un poema» é un libro transgresor no seu concepto, desafiante e atrevido nos versos, que dispara poemas á diana da comunicación máis poderosa do noso tempo: a publicidade".

Os poemas reflexionan sobre o papel da publicidade nas nosas vidas, quere que axuden a pensar... É difícil diseccionar o obxecto amado e a publicidade sedúcenos coa súa fermosura e brevidade, non nos quere deixar pensar porque sabe que aí está o noso poder (en darnos conta de como nos quere enganar)

Dende a poesía fainos pensar en como nos minte a publicidade e se o fai ela para vendernos produtos comerciais, que non fará a propagando para vendernos ideas falsas ou candidatos asasinos do social e o futuro? Inmersos nun universo de imaxes e pequenos textos estamos ao servizo do consumo ilimitado, dun mundo que se esgota ante os nosos ollos e nós sen tempo de darnos conta de que imos cara a un futuro imposible.

Alguén o dixo antes "Poesía necesaria coma o pan de cada día". Gabriel Celaya non mentía. 

Véndoche un poema. Razoa a publicidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario