Non o fagas, Tarbi! de Ana Meilán e Agustina Matta está publicado por entrenubesycuentos.
Da presentación editorial: "Tarbi é o rato máis atrevido da camada e, a pesar de que a súa nai e os seus irmáns lle advirten dos perigos do outro lado do burato (o veleno, as trampas, o gato), a súa curiosidade empúxao a saír."
Seica é un libro para falar de “Díxoche que… Xa cho dixo!” E as repeticións:
"- Non o fagas, Tarbi!- berráronlle os irmáns. Pero Tarbi non era bo escoitando consellos e..." unha vez e outra vez, conforme se achega ao perigo (e... pasa o que pasa e que xa adiviñas). Ilustracións un tanto barulleiras e moi coloristas, realmente pop. A dúbida de se é o conveniente para crianzas que están acostumados ás pantallas ou sería máis interesante algo máis de calma para relaxarse e entrar na lectura, nese divertimento para o que se precisa concentración.
Miña nai é unha bruxa de Helena García con ilustracións de Jess Rose, traducido por Silvia Obelleiro e publicado por Obelisco Picarona.
Da presentación editorial: "UNHA FASCINANTE HISTORIA SOBRE OS PRECIOSOS MOMENTOS MATERNAIS, CUNHA BOA MIGA DE MAXIA. Os máxicos momentos entre nai e filla son aqueles para ser atesourados. Disme que túa nai é unha bruxa? Dende xeado de dente de león ata perfume de cabaza e baños en caldeiros, é a historia que se conta a través dos ollos dunha pequena bruxa sobre a súa máxica nai que sabe espertar ao sol e facer que as estrelas brillen."
Porque todo pode ser cousa de maxia e iso é o sinte a nena cando mira a súa nai, porque todo o que ela fai está envolto en feiticeiría, dende a roupa que viste e os adornos que usa, o arrecendo que ten, a maneira na que esperta o sol para que naza o día e poda erguela, as comidas con meigas, coa imaxinación viaxando polo mar ou polo bosque mentres buscan cogumelos montadas en lobos, ata o baño nocturno, está cheo de ilusionismo, e os contos de adormecer teñen pantasmas, demos e trasnos que se coan nos soños cando ela non voa coa nai sobre unha escoba rodeadas de morcegos. A relación nai e filla ten moito de maxia e niso profunda este álbum ilustrado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario