Amosando publicacións coa etiqueta Inacio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Inacio. Amosar todas as publicacións

venres, 1 de maio de 2026

Bestiario das alturas


Bestiario das alturas. A incrible historia dos escalatorres de Inacio e Iván Suárez é unha banda deseñada publicxada por Alvarellos e o Consorcio de Santiago.

Da presentación editorial: "Hoxe semellan seres de ficción, pero existiron realmente. Son os coñecidos como Escalatorres. Personaxes míticos que, antes da guerra civil, ascendían, sen protección ningunha, ata a cima dos edificios máis emblemáticos de Galicia e do noroeste da península. Bestiario das alturas (Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago) é o título dunha novela gráfica escrita por Inacio e ilustrada por Iván Suárez, que concibida para todos os públicos, recupera as extraordinarias existencias destes artistas circenses.

Como o granadino Puertollano, que coroou en 1909 a compostelá Torre Berenguela; o Barquerito, Manuel Escudero, quen vestido de toureiro gabeaba pola torre da Peregrina en Pontevedra, ou o portugués Antonio Sousa e a súa muller, alcumados Os Morcegos, pois escalaban cos ollos vendados a concatedral de Vigo… Este volume percorre ata quince biografías realmente incribles.

A partir destes feitos reais, a ficción sitúase en 1965. Grazas ao daquela alcalde de Pontevedra, Xosé Filgueira Valverde, o escritor Álvaro Cunqueiro coñece ao escalatorres Barquerito. Nun paseo pola cidade do Lérez irán xurdindo, na conversa, os máis famosos gabeadores da nosa historia.

Esta novela gráfica pretende ser tamén unha reflexión sobre o medo e como enfrontarse a el. «Os chinos din que o medo sempre está de costas, que se estivese de fronte non habería ninguén vivo, todos teriamos morrido xa de medo», afirmaba Álvaro Cunqueiro".

Unha afección, un medio de traballo, o circo, a posta en perigo da vida, a maneira de enfrontarse ao medo... de todo podemos atopar nesta obra na que se recollen as vidas de diferentes personaxes que se dedicaron a isto en Galicia. A voz dos intelectuais Cunqueiro e Filgueira Valverde animándoos a contar as experiencias, a tradición, a fabulación e o imaxinacio nas palabras de Cunqueiro e unha Galicia que forma parte do noso pasado. Sobre todo iso, a imaxe marabillosa dun home escalando unha torre, tal como aparece na cuberta, chegando ao cumio da Berenguela.

Todo se pode converter nun oficio, nun ir máis alá, na experiencia de correr un risco diante dun público que se emociona. Se hai quen escala cumios de montañas, no silencio da natureza, Se hai quen escala cumios de montañas no máis absoluto silencio, tamén pode haber quen ascenda ás torres máis alta con público que o ovacione.

Algo do que non tiñamos moito coñecemento e que Alvarellos nos trae ás mans, por medio de banda deseñada e a fabulación dos vellos mestres. 

martes, 9 de xullo de 2024

Volver aos reises e as outras Idades

O reiciño de Galiza de Víctor Hugo vén da man de Inacio e Iván Suárez.

Houbo un reino tan tan descoñecido que del falaban os de fóra, os de dentro esqueceran que algún día foi reino e os veciños rían se alguén o nomeaba. Era o de Galiza, se non que llo pregunten a Heitor Picallo ou a estes autores de banda deseñada que foron beber na fonte francesa de Víctor Hugo. E así souberon que o rei Nuno de quince anos foi secuestrado por dez infantes traidores que son tíos aos que o vello rei García e pai lles encargou coidalo. Andan a cavilar se entregalo a un rei sarraceno, pechalo nun mosteiro ou guindalo a un pozo. Nestas, chega un cabaleiro de brillante armadura, é Roldán, sobriño de Carlomagno, paladín de Francia, coa espada Durandal. Libera a Nuno que cabalga no cabalo branco ata a casa (Ao caer a tardiña apareceu Compostela, o cabalo cruzou a ponte que entra, e alí, á beira dun río de cumprido caudal, ollou o neno orfo o paraíso natal) mentres Roldán pelexa contra todos e cando lle cae a armadura descobren que é unha muller...

Unha historia ben antiga contada en rimas.  

A modo de colofón unha cita de Víctor Hugo: "A verdade é similar ao sol: non se deixa ver, mais fai velo todo"

Da presentación editorial: "Nunha Galiza en tensión por manterse como reino independente, sete infantes raptan a Nuno, o primoxénito do rei García II, inicia unha aventura de rescate sen freo que deixará como rastro un río de sangue. A traizón a un rei ten un prezo.
Inacio e Iván Suárez adaptan de xeito maxistral esta obra dunha das mellores plumas do romanticismo, Victor Hugo, que fixou a súa mirada no derradeiro rei de Galiza para rimar un relato épico e poético que resulta imperecedoiro e fresco. Le petit roi de Galice, publicado dentro da obra magna de Hugo La légende des siècles, recuperada a tradición medievalista dos autores románticos enxalzando a loita clásica entre o ben e o mal. Unha banda deseñada na categoría de delicatessen."