martes, 11 de decembro de 2018

Clásicos infantís en galego

Novos amigos de Tomi Urgerer, traducido por Sandra e Óscar Senra e publicado por Kalandraka
A historia dun rapaz e unha rapaza de diferentes orixes e etnias que coinciden como veciños e comparten moitas cousas: a creatividade, o gusto polo traballo, a reciclaxe... e unha gran amizade. O que comezou sendo un problema cando cando converten o patio nun gran obradoiro de arte lixo que será visitado pola policía, acabará nun museo... E o que comezou compartindo tempo e complementando gustos, rematará nunha grande amizade. E como sempre sucede con Ungerer, a historia rematará ben, porque ademais eles será un famoso escultor e unha poderosa deseñadora de moda.
O Nadal de Ernesto e Clementina de Gabrielle Vincent, chega a nós despois de Ernesto e Clementina perderon a Simeon da man de Kalandraka. Un oso e unha ratiña. A tenrura en estado puro. Ela quere unha festa de Nadal e el failla para convidar a todos os amigos e amigas, e aínda o máis rosmón e negativo de todos despedirase agardando volver o próximo ano. Expresividade ao máximo: sentimentos, afectos, emocións detrás de cada liña. Para agora mesmo, para Nadal!

luns, 10 de decembro de 2018

Tradición e música





"En ben vin, virivín". Cancioneiro infantil para dicir, cantar e contar. Un libro de Manuel Rico Verea con ilustracións de David Rodríguez, é unha novidade da colección Álbums de Xerais.
Este libro compendia as prosodias, rimas, recitados, fórmulas máxicas e encadeados máis representativos do cancioneiro de tradición oral infantil que nos falan do mundo dos animais e que, por seren transmitidos de xeración en xeración, están moi ligados á cultura popular e ás veces a ritos ancestrais.
O libro acompáñase dun CD no que intervén o  Obradoiro Experimental de Música Tradicional, formado por Nani García e Manuel Rico, Acompañan os textos unhas actividades didácticas para traballar con cada unha das cancións e remata o libro con cantos e contos encadeados. 
A casa do terror, un libro CD de Xoán Curiel e a banda do verán, con ilustracións de Iria Fafián e publicado por Galaxia na colección Sonárbore.. Di a presentación editorial que "A casa do Terror está chea de monstros e pantasmas que te sacarán a bailar e te farán rir e desfrutar. Ten coidado porque non desexarás saír desta aventura. Un libro CD para gañar e facer uns amigos de medo!!"

mércores, 5 de decembro de 2018

Premio Lazarillo para unha obra galega


Unha vez máis, é unha obra galega a que resulta ganadora deste premio que é o máis antigo da LIX.
Trátase de Rusgalia de Andrea Maceiras
Así o conta a OEPLI, quen o convoca.
E asi volo conto eu. O ano pasado conseguiuse un ex aequo con A balada dos unicornios de Ledicia Costas. No 2015 tamén o acadara ledicia Costas con A vida secreta das mulleres planta e o anteior María Solar con O meu pesadelo favorito. Quen dá máis?
Optaron este ano ao premio Lazarillo de creación literatira un total de 119 obras, das cuales 69 son en narrativa, 36 en poesía e 14 en teatro. De todas elas 108 están escritas en castelán, 9 en galego e 2 en catalán. E ganou unha galega!!!!
E para seguir dándonos os parabéns, lembramos a imaxe do premio, elaborada polo tamén galego Xan López Domínguez 
Somos unha potenssssia! Lástima que non temos... quen non defenda.

martes, 4 de decembro de 2018

Outro libro, de narrativa.

Unha misión para Clara de Marica Campo, con cuberta ilustrada por Estelí Meza, publicado na colecciñón Oqueleo de Santillana Obradoiro. Clara ten dez anos e un día sucede algo que a pon en contacto cun misterioso mundo. Na porta aparece un estra.o rapaz na porta da casa, ao primeiro non conta nada porque ten prohibido abrir sen saber a quen, logo descobre que seu pai que ten un cargo na Administración relacionado co medio ambiente tamén tivera unha experiebcia semellante... O misterior entrea na súa vida para rematrar sendo quen de entender a fala da natureza e poder comunicarse coas árbores, desa maneira poderá facer o posible para mellorar a situación na que se atopan. Elfos e trasnos, cancións dos Beatles ou a carta do indio Seatle, amor á natureza e defensa da muller. Un léxico rico, unha tradición presente e reelaborada, soños que abren portas, familias estruturadas e sen problemas e... unha nena cunha misión. 

luns, 3 de decembro de 2018

Libros e máis libros

María Reimóndez, neste ano 2018, publica tamén O xeito das froitas, con ilustracións de Alicia Varela, na colección Oqueleo do selo Santillana Obradoiro.
Toca, neste caso, unha tecla que non lle temos escoitado, o mundo visto polos ollos dunha nena que confunde unhas cousas con outras, que non se aclara demasiado co espazo dos adultos e vai producindo no lector ou lectora unha certa comicidade. Ese humor non estivera antes aí. 
O que si estaba era a autonomía da nena, esa capacidade para ser ela mesma importe ou non aos demais, de vivir en paralelo á realidade dos outros sen importarlle demasiado cal sexa a impresión que produce. O contexto: complicado; unha familia na que antes o pai e logo a nai van perder o emprego; un irmá adolescente moi preocupado polo corpo e a roupa que ás veces crea os seus problemas... pero todo se vai resolvendo coa axuda da avoa e a casa da aldea. Vivir nesa casa supón poder traballar na xastraría do avó, alí seu pai enténdese ás mil marabillas e o irmá coñecerá a felicidade de facer a propia roupa lonxe de prexuízos. A nai imparte clases de inglés para a rapazada da aldea: uns poderán pagarlle e outros non, porque os tempos so os que son, pero a familia é comprensiva e solidaria, así que a todo se lle busca solución. Porque o afecto todo o pode, case podemos escoitar, porque nas crises podemos agarrarnos a algo... só é cousa de non poñer trabas. Mentres sucede todo isto, Iris, que non crea problema coa comida ou a roupa, atopa cun boneco que non é máis nin menos que unha mazá feita con retallos, e comeza a soñar con diferentes froitas. 
É de destacar a presenza do galego na boca desa rapaza que é teimuda e actúa na súa defensa.  
Na presentación editorial podemos ler: "Un libro rebelde, que fala doutros xeitos de vivir desde o humor, a fantasía e a esperanza" e confirmámolo, un libro optimista para tempos que non o son!

venres, 30 de novembro de 2018

Un libro de teatro infantil


A formiga fóra do carreiro
Da autoría de Raquel Castro e con ilustracións de Ángela Álvarez, (que xa conta con A vendedora de palabras, A meiga e o emperador, A princesa e o labrego, A Carapuchiña pasa da carapu, As terapias da doutora Ledicia) publicada na colección Árbore de Galaxia. Grazas, sexan dadas, por ter en conta este xénero que moitas veces semella desaparecido.
Dúas pulgas, unha araña, unha eiruga que se transforma en bolboreta, unha mosca... e unha formiga fóra do carreiro. Dous actos, no primeiro a bolboreta é eiruga, no segundo a eiruga é bolboreta. O primeiro acto na campo, o segundo no circo. 
A formiga vaise do carreiro a buscar aventuras, pero, sobre todo, busca o seu destino que considera diferente ao das súas compañeiras que se pasan a vida facendo o mesmo, sen saír da fileira. O perigo da araña, sempre presente, disposta a cazar. A inocencia da formiga que a vai salvando... grazas aos demais. 
Aínda que irregular e cunha segunda parte sen tan ritmo coo a primeira, trátase dunha peza teatral para ler e representar. Unhas ilustracións personificadas. Teatro, sempre teatro!!!

domingo, 25 de novembro de 2018

"O puño e a letra" de Yolanda Castaño e 40 autores de banda deseñada


Porque a poesía está viva, moi viva.
Porque algunha debe ser a razón pola que o Instituto Cervantes declarou no ano 2019 como sector estratçexico a poesía galega.
Porque xa Antón Cortizas nos explicara (en Zoonetos)
"Cando escribimos pensamentos utilizando as palabras de forma algo especial, cambiando o seu significado real por outro imaxinado, facemos poesía.
Cando escribimos buscando o ritmo e a musicalidade das palabras e das oracións, facemos poesía.
Cando escribimos palabras que soan de forma semerllante, facemos rimas, e as rimas son poesía."
Subimos banzos na idade dos lectores e lectoras para falar dun novo libro.
Nun tempo no que a poesía interrelaciona con graffitis (Street poems), coa cultura popular (Penúltimas tendencias), coas redes sociais (Aplicación instantánea), co deseño e a ilustración dando lugar a unha poesía visual (Poemas birollos para ler cos ollos) e tantas outras posibilidades, 4o poemas de Yolanda son recreados en cómic por outros tantos debuxantes.
O resultado é unha obra que hai que mirar e ler, para analizar os resultados duns e outros, para sorprendernos con produtos como o de David Pintor ou Xaquín Marín,  para atopar a imaxe de Yolanda en máis dun caso, pero sobre todo para ver ata onde se pode chegar, para observar a variedade estilística e congratularnos. O puño e a letra de Yolanda Castaño.