Pablo Otero, coñecido tamén como Peixe, acaba de publicar un libro de poesía ilustrado por el en Factoría K, na colección Rizoma.
Parece unha formiga é o seu título.
"Parece unha foriga, pero é unha mancha,
é unha mancha, pero parecen pegadas,
parecen pegadas, pero son restos dunha festa, son restos dunha festa (...)"
Así comezo o xogo que continúa buscando alá no fondo das lembranzas o neno que fomos cos misterios que nnos sorprendian e os absurdos aos que lle dabamos voltas.
Porque: "Que foi antes, a orde ou a desorde?", a sombra sempre sorprendéndonos, os interrogantes facendo o que é de seu, as palabras que se van para non volver, as fábricas de letras ás que de vez en cando lle sae unha imperfecta, as dubidas acerca do que pensan os animais sobre nós, as formigas polo mundo de unha en unha ou en grupo, o arcano da identidade da formiga... De todo hai nun libro que ler e mirar, para adiviñar dun lado e outro. Para remoer :
"E, nese intre, podería sentir a noite dos minerais,
swentir os ósos da balea dende o interior.
E ver o mundo como foi hai oito mil anos,
hai dezaseis mil anos,
hai trinta e dous mil anos."
luns, 17 de agosto de 2020
sábado, 15 de agosto de 2020
Libros de antiprincesas e antipríncipes
Nadia Fink, é a xornalista con título de mestra de infantil e experiencia en obradoiros de literatura infantil, que puxo en pé a idea de escribir contos nos que as figuras protagonistas sexan mulleres reais ás que considera debenser destacadas. Unhas veñen do campo da cultura e a historia latinoamericana. Aí están os libros dedicados á pintora Frida Kahlo, á cantautora Violeta Parra ou á heroína boliviana das loitas de independencia Juana Azurduy e algunha máis.
A intención da colección é facerlle fronte aos modelos de Barbie e as princesas de
Disney. Di a autora: “queríamos mostrar exemplos de mulleres que
non quedaron quietas agardando que un príncipe as salve. (...) As nosas antiprincesas ensinan a rachar estereotipos e a transcender o imposto pola costume”.
Pero tamén se traballan con roles masculinos, creando libros con modelos masculinos entre os que hai que sinalar a Eduardo Galeano, o Che Guevara, Julio Cortázar...
Acompañan á autora, nesta aventura, o ilustrador Pitu Saá e deseñador Martín Azcurra.
Incluso, se están levando a cabo obradoiros que se denominan de desprincesamento en lugares como Zaragoza.
xoves, 13 de agosto de 2020
O vento nos poemas de García Teijeiro
Vento, ventiño, venteiro de Antonio García Teijeiro, ilustrado por María Lires, acaba de saír na colección Sopa de libros de Xerais. A ficha de lectura remítenos a un libro anterior Ventos.
Si, os ventos, igual que a lúa, os ratos ou o mar son temas queridos e referencias obrigadas da súa poesía. Unha poesía que busca aos pequenos lectores e lectoras con todo o empeño; é como unha manda que obriga ao poeta, a darlles de ler poemas como quen lle dá de beber auga ou a comer pan. Un poeta que se dirixe a esas primeiras idades para que podan ler a gusto, xogar co ritmo, percibir as sensacións que produce ese aire, sentir as emocións da palabra e voar co vento que percorre o mundo arrastrando as cousas feas e dándolles a forza necesaria para voar cada vez que din as palabras máxias: vente vento, ventiño, venteiro...
Varias citas doutros poetas que falaron do vento abren a modo de limiar o libro, volvemos a atoparnos os versos de Manuel Maria, os de Celso Emilio Ferreiro, os de Xosé Mª Álvarez Blázquez e volvemos a gozalos.
luns, 10 de agosto de 2020
Bicos e non balas, un poemario pacífico
Unha antoloxía de poemas sobre a paz na que se insiste en que non hai camiño para a
paz, senón que a paz (e a poesía) é o camiño, tal e como paarece na presentación editorial.
Os poemas están proceden da maioría dos seus poemarios (xa que este é un tema moi querido polo autor): Coplas, Nenos, Aloumiños, Ventos, Na fogueira dos versos, Caderno de fume, O que ven os ollos dos nenos, Palabras envokvtas en cancións; Ai, canto falan as pombas que falan!; Paseniño, paseniño; Bicos na voz, Chove nos versos, Contos e poemas para un mes calquera, Á sombra do lueiro de papel, Petando nas portas de Dylan, Educación para a paz III. Literatura galega pola paz, Recendos de aire sonoro, Palabras do mar, Xa me tardan esdtes magos e un par de inéditos.
Este é realmente o valor e temática máis tratada por García Teijeiro e reunilos nun libro resulta unha idea fantástica.
As ilustracións conteñen a lírica das imaxes, escollendo moi ben as cores nos fondos e as figuras mínimas pero moi expresivas e simbólicas. A ilustardora resultou finalista do Concurso para o cartel do Salón do libro 2020 e, polo tanto, formará parte do calendario que se edita a modo de catálogo.
Un bo libro e un gran acerto!
sábado, 8 de agosto de 2020
Autobiografia dun tirano, un libro que nos pode facer pensar
Ninguén coma min publicado por Kalandraka na colección MareMar.
Presentación editorial: "(Autobiografía dun tirano)
Os delirios de grandeza dun ditador, a egolatría e o afán de perpetuación nunha metáfora -máis real do que parece- sobre os abusos do poder."
Os delirios de grandeza dun ditador, a egolatría e o afán de perpetuación nunha metáfora -máis real do que parece- sobre os abusos do poder."
Un porco, o tirano é un porco. Ben á vista está! Di que é "un dos grandes persoeiros deste país recóndito" (anda preto), provén dunha familia pobre pero é o elixido así que xa ninguén lle fai sombra, come con cubertos de ouro e todos coidan do seu benestar; todo xira arredor del...
A historia comezara cando China en 2002 lle agasalla a Afganistán unha parella de porcos destinados ao zoo de Cabul, ao pouco tempo teñen os seus porquiños, pero un despiste dos coidadores a gaiola dos osos queda aberta e estes acaban coas crías e deixan malferida a porca que acaba morrendo aos poucos días, desta maneira, o porco queda só; el é o único porco do zoo de Cabul.
Ignacio Chao traslada esa imaxe á figura do ditador e consegue unha obra realmente interesante. As ilustracións de Eva Sánchez acompañan o texto cunha gran riqueza expresiva e metafórica.
venres, 7 de agosto de 2020
Libros silenciosos
Libros silenciosos en Suecia inspirado polo traballo de
IBBY Italia, comezaron a súa propia versión do proxecto libros
silenciosos. Un folleto con ideas e
métodos acerca de como traballar con libros ilustrados sen palabras.
Corneliusson Cay de IBBY Suecia adquiriu libros silenciosos de todo
o mundo e a colección difundirase xunto co folleto ás bibliotecas que traballan con albergues de refuxiados en Suecia. Cren que libros
silenciosos poden ser un dos moitos proxectos que axuden a tender
pontes. )

Traemos esta noticia, simplemente para animar á construción de coleccións deste tipo, para atender a determinadas diversidades funcionais, que poden ser momentáneas ou non.
Os libros silenciosos permiten crear historias, máis alá das que o autor ou autora, pensou cando as debuxou. Obríganos, a poñer todo o empeño en descifrar, o que se agacha detrás das imaxes e realizar unha lectura que corre paralela á das palabras cando estas existen. A lectura de imaxes é algo imprescindible nos mundos que corren.
Traémola tamen, porque no último premio Compostela de álbum ilustrador a obra ganadora é, xustamente, un libro sen palabras, unha obra silenciosa.
luns, 3 de agosto de 2020
Naturizo, unha serie coa natureza como protagonista
Naturizo de Linteo, é unha serie que conta con sete títulos: Unha casa para o inverno, Un agasallo para Naturizo, Un perigo inesperado, Un cheiro picante, O retorno das flores, Un fogar para Marmelo e Onde está Lusco?
Un ourizo cacho que vive na Serra de San Mamede coas suas amigas: raposa, loba... vai pasando polas dferentes etapas do ano e os perigos aos que hai que enfrontarse no mundo actual: un plástico que atranganta á raposa ou un can que é abandonado polos seus donos. Unha mirada á natureza, unha mensaxe... uns textos en letra caligráfica e unhas ilustracións dixitais, actividades ao final de cada título e unha canción. Moi dirixidos á escola. O interesante sería que a rapazada puidera continualos con novas aventuras que poidan suceder no bosque e solucións a esas problemáticas desde o seu propio quefacer persoal.
Autores: Alba de Evan e Javier Domínguez
Subscribirse a:
Comentarios (Atom)






