venres, 16 de xuño de 2023

Varios títulos: Os Mug chegados dende a prehistoria á actualidade, A miña cadeliña e Fraga de Pasacorrendo

Os Mugs atrapados no móbil de Begoña Oro con ilustracións de Alejandro Villén, aparece publicado en S.M. Xerme. Pertence á serie dos Mugs, unha familia do Paleolítico que aparece na actualidade xunto co seu alicorno. Todo é novo para eles, un día atopan unha foto súa no móbil e cren que están atrapados aí dentro, deste e doutros malentendidos aliméntanse as súas historias.

Na páxina contan con fichas para realizar actividades ao redor da lectura.

A miña cadeliña de Francisco Rodríguez Iglesias con ilustracións de Estefanía Padulles está publicado por Hércules Edicións na colección Hércules e a Terra. A relación entre o avó e a neta, contada por ela mesma, narrando a historia desa cadela que o avó lle agasallou, de como lle pon o nome, como a coida, como debe desfacerse dela e como a recupera, como queda preñada e ten tres cadeliños, como o avó lle vai presentando as terras de seu coas árbores e cultivos ou plantas e como unha vaga de incendios acaba con todo ata cunha das crías da cadela. A veciñanza en plan solidario apoia que a cadela quede cos dous cadelos e coa súa axuda, vanse realizar actividades que promovan o respecto á natureza e o avó acaba por facer unha proposta: A educación debe comezar pola familia (os maiores han de informalos moi ben sobre a natureza para que a amen e a defendan sempre), esta educación debe continuar na escola (o profesorado debe seguir concienciándoos, a eles e á sociedade en xeral), esta educación tamén debe chegar ata os políticos que han de comprometerse e crear leis que eviten o abandono do campo e que protexan os usos da terra, esta educación debe estenderse a toda a sociedade que debe estar informada das gravísimas consecuencias dos incendios forestais e tamén deben estar preparados para facerlle fronte para que os danos sexan os menores posibles...

A fraga de Pasacorrendo de Carmen Pením ilustrado por Jessica Cidrás e publicado por Toxosoutos.  

Unha música que decide facer algo para rapazada, un audiocontos con cancións. Vainos contando...Un lobiño con frío, un paxariño cagón, un ratiño artista... e moitos personaxes máis cos que vivir as aventuras desta marabillosa fraga! Contos e poemas, música e cancións aos que acceder a través dun código QR, todo iso acompañado das músicas en pentagrama para poder acompañar as cancións coa voz ou un instrumento. Quen dá máis?

Benvida, Carmen, ao mundo infantil!

 

luns, 12 de xuño de 2023

Un magnífico libro sobre a gran teoría

En continua evolución de Santiago Ginnobibli, con ilustracións de Guido Ferro, está traducido por Iago Nicolás e publicado por Kalandraka

Da Presentación editorial: "Este libro acércanos á teoría de Darwin e axúdanos a entender mellor quen somos e de onde vimos". Non se pode dicir máis claro, partindo da observación dos diferentes tipos de animais e da análise daqueles aos que nos semellamos máis, acompañamos a peripecia biográfica de 

Darwin, a súa viaxe ao redor do mundo... imos achegándonos a nós mesmos, a quen nos parecemos e de aí para atrás ata chegar á primeira familia, de aí aos grandes simios (chimpancé, orangután e gorila), logo aos mamíferos cos que compartimos a crianza dos fillos e... camiñando coa cabeza atrás atrás chegamos a que toda a vida na Terra foi unha familia que pode estudarse a través da xigantesca árbore da vida. Foi difícil de aceptar a aínda hoxe dá traballo porque os cambios son moi lentos e se é complicado mirar cara atrás facelo cara ao futuro aínda o vai ser máis. Pero, ao remate fálasenos da ciencia "Non te convence algo do que che contei? Está ben, nunca creas todo o que che din. Estas ideas, estas ferramentas, poden perfeccionarse. Poden, incluso, abandonarse e substituírse por outras. Porque o coñecemento constrúese de forma colectiva e sempre pode mellorarse. Iso dixo Darwin, e iso continuamos a facer. Se che gustan estas ideas son túas. Podes apropiarte delas, modificalas, desenvolvelas, amplialas e, quizais, contárllelas ás túas amigas, aos teus alumnos, ás túas sobriñas, aos teus fillos. Porque somos mamíferos e lles transmitimos ás nosas crías o que nos ensinaron e aprendemos. Para cambiar estas ideas por outras mellores terás que facerte novas preguntas, quizais algunhas que aínda ninguén se fixese."

Magníficos textos, ilustracións marabillosas que dende as propias gardas buscan abrirnos a mente e facernos pensar ao tempo que nos divirten polo contraditorias que poden resultar, debuxos científicos, láminas de natureza aventureira como esa do mar embravecido polo que navega o Beagle, cambios que nos van gustar como ver o Pensador de Roden convertido en Pensadora e... de fondo esa maneira de obrigarnos a facernos preguntas e chegar a conclusións que sempre van no camiño de respectar toda a vida que nos rodea, todos os ecosistemas que hai no planeta. 

 

domingo, 11 de xuño de 2023

Viaxes en tren de primeira clase

Viaxes en tren de primeira clase é un libro estraño (con ilustracións suaves de lapis de cores, colocadas dunha maneira especial, cos textos de diferente tamaño...) pero non só polo continente senón tamén polo contido. Unha moza, un pai que se empeñou en que estudara e se situara sempre entre a xente de máis alta posición para poder ter a mellor das vidas. Unha guerra, morre o pai, queda soa e case na miseria. Cando é quen se repoñerse, decide investir os cartos que lle quedan en roupa e a viaxe dun ano en trens de primeira clase. En realidade, trátase de continuar a ensinanzas do pai: moverse entre os grandes para conseguir ser unha deles. Así coñece a tres homes importantísimos que coleccionan, xoias, poder, cartos... convídana a coñecer e quedan compartindo a riqueza pero ela sempre acaba marchando, cando xa está a piques de rematar a viaxe... vemos o que decidiu: quedar a traballar no tres, iso é o que lle gusta!!!

De Dani Torrent (Autor, Ilustrador), Josep María Teixell (Tradutor)

mércores, 7 de xuño de 2023

Novela para lectorado autónomo que xira ao redor do cine

Unha veciña de película de Iria Misa, ilustrada por Laura Suárez (co estilo que lle é propio e que retrata a eses personaxes que xa imos recoñecer sempre) está publicado na colección Merlín de Xerais. 

Semella que volveron os temas de Agustín Fernández Paz. O cine facéndose dono das historias, traendo a súa maxia á vida cotiá.

Semella que tamén volveron as personaxes que parecen sacadas doutros tempos e outras realidades como esa muller, Alice, de idade indeterminada e envolta no misterio. 

E semella que as familias diversas son contadas con toda naturalidade: Mami e Mamá non teñen necesidade de reivindicarse ou defenderse ante ninguén. 

Dous xemelgos: Elsie e Simón (van desaparecendo os nomes galegos para quedar no do rapaz unicamente) que viven as súas aventuras de verán grazas á veciña que os mete nas proxeccións de vellas películas: O mago de Oz, Tiburón, Sherlock Holmes e a perla maldita, O gran ditador, Viaxe á Lúa, Frankenstein e Indiana Jones e a última cruzada. Na volta ás clases van ser a sensación de todos os recreos pois non son comparables as súas peripecias coas dos xemelgos por moi lonxe que viaxasen (nunca chegarían á Lúa), por moito que lesen (nunca entrarían na profundidade da historia de Frankenstein), por moito que realizasen expedicións (nada comparable á de Indiana Jones), por moito que investigasen (non o terían feito como Sherlock Holmes), por moito perigos que pasasen (nunca tantos como nun mar de quenllas)... 

Os guións vanse intercalando coa narración e achegan unha diversidade e riqueza ao relato.

sábado, 3 de xuño de 2023

Edioriais que aparecen no panorama (de onde veñen, quen as promove, que hai detrás...?)

Bábidi-bu emerxe con forza, neste caso teño sobre a mesa varios libros: As cores da sabana de Laura que se presenta así: "Catarina séntese incomprendida. Non pode ver o mundo da mesma maneira que os demais; non coñece as cores das herbas, nin do ceo nin dos paxaros. Menos mal que o resto de animais descobre que tamén se pode ver cos ollos pechados. Valores implícitos: a amizade, a empatía, a superación, o respecto pola diversidade." Unha pequena xirafa cega quere coñecer as cores, que hai detrás de cada unha delas... e os demais non poden perder a paciencia para poder axudarlle. Letra e ilustración de Laura López Chas, incluída na colección "La mirada de Daniel. Inteligencia emocional" e publicado por Bábidi-bu, unha editora que non ten problema en mostrar o castelán como escenario de fondo publicando en galego libros moi didácticos e planos, que non deixan á imaxinación máis que as patas do animais que a ilustradora evita para crear unha representación diferente. Un perigo. Iso do que levan tantos anos falando sen que existira móstrase agora en toda a súa potencia, porque a nosa literatura non era iso, nin a maioría das publicacións en galego... pero agora si debemos ter conta do que sae á luz e escoller con coidado, máis alá da intelixencia emocional. Neste caso, no comezo, móstranse sen pudor os chamados valores implícitos (que pouco máis explícitos poden ser): a amizade, a empatía, a superación e o respecto pola diversidade.

Aurora condutora e dragonxín cantarín de Susana Barja ilustrado por Lucelys Carrillo, na mesma colección e cos valores implícitos (coeducación e igualdade de xénero con tolerancia e empatía, valentía e respecto polas diferenzas...). Demasiado explícito e sen unhas ilustracións de calidade. Como á nena a deixaron ser o que quería, será ela quen axude a Dragoncín a enfrontar a familia e chegar a ser cantante. Dificilmente se pode ser menos creativo...

Libros que ademais publicitan a posibilidade de conseguil en castelán, xustamente no lugar de venda (a distancia) 

xoves, 1 de xuño de 2023

Sobre as árbores...

O valor das árbores de Susana Domínguez (enxeñeira forestal e enxeñeira de montes dedicada ao coidado, conservación e valorización das árbores) e Daniel Rodríguez (ilustrador). Está publicado na editorial Saure, dentro da colección "Una mano tendida".

Así se presenta: "As árbores son os seres vivos máis vellos e máis grandes do planeta e poboan a Terra desde hai millóns de anos. Son seres complexos que se comunican e teñen estratexias de supervivencia asombrosas que fan que alcancen idades inimaxinables para calquera outro ser vivo. Relaciónanse e establecen interdependencias co resto de organismos do planeta e, por suposto, os humanos non somos unha excepción. Necesitamos as árbores para vivir e estar sans. Producen o osíxeno que respiramos, regulan a temperatura e filtran o aire. Os seus froitos aliméntannos e as súas follas segregan substancias químicas que melloran o noso estado de ánimo. As árbores proporciónannos unha infinidade de beneficios que ás veces non percibimos… até que desaparecen. Debemos entender as árbores e aprender a valorar a súa función indispensable no ecosistema, e debemos facelo á présa. O noso destino como especie está ligado ao seu e se non as protexemos estamos condenados a desaparecer."

Unha obra transxénero, cunha parte informativa moi ilustrada acompañada dun relato de ficción. Ambos xéneros van convivindo para construír un produto de interese. Os títulos dos primeiros dannos idea do que se vai tratar: Estrutura perfecta, as árbores non caen, tirámolas; As árbores reaccionan fronte ás ameazas; Canto tempo pode vivir unha árbore?; O misterio das árbores ocas; Cogomelos e árbores, a unión fai a forza; As raíces, un universo oculto baixo os teus pés; Bosques terapéuticos; O espazo das árbores nas cidades, cabemos todos?; Téñense que podar as árbores? e Beneficios das árbores nas cidades.  

luns, 29 de maio de 2023

Libros que veñen doutros países

O papá está escribindo un libro de Tomas Dirgela con ilustracións de Inga Dagilé, traducido por María Reimóndez e publicado por La Maleta.

"O meu nome é Xoán e o meu pai é escritor. Escribe libros para peques no seu despacho, pero non sei por que lle chama así se non despacha nada". Así comeza e así se presenta: "Xoán non entende por que o seu papá non escribe. Tan só camiña dun extremo ao outro do despacho sen parar! Entrementres, o seu papá non atopa a inspiración necesaria para rematar o libro que comezou… Que ocorre cando non acontece nada? Un libro baseado en feitos reais que nos fai reflexionar sobre como o día a día dunha persoa e as relacións interpersoais e familiares se converten en fonte de inspiración. A imaxinación desatada das crianzas é a mellor musa se a sabemos aproveitar."

As ilustracións tráennos un pai moi moderno, cun corte de pelo actual, unha nai, o fillo que nos fala e unha filla pequena, todos eles e elas máis convencionais. A nena sempre sorrindo, a nai sempre disposta a compartir o seu tempo cos pequenos e o neno entrando continuamente no despacho do pai con mil desculpas: unha aeronave, un helicóptero, un camión de bombeiros... o pai vaino dirixindo, unha e outra vez, ao cuarto dos xoguetes ata que Xoán o asusta, bota o té por riba do pantalón e decide acompañalo a xogar (pero coa condición de que non bote o té por riba dos xoguetes). Xogan todos, len xuntos... e ao día seguinte cando volve da escola e o busca atopa un novo mundo nese despacho: xa está rematado o libro e seica foi grazas aos xogos de onte. é o que ten escribir para pequenos, se estás con eles é máis doado, ou non?