sábado, 3 de agosto de 2024

Varios álbums

Cando estala a tormenta de Bea Taboada e Dani Padrón publicado por Algar. Así se presenta: "Ás veces, unha tormenta de emocións núbrame a cabeza. Mamá di que estas tormentas chegan de súpeto e poden traer nubes, chuvia e tronos. Semella imposible paralas. Mais mamá, que ás veces tamén ten tronos na cabeza, sabe moi ben como me sinto e que podo facer. Un relato para aprendermos a xestionar as perrenchas e os sentimentos negativos dende o agarimo e a empatía."

Un libro de emocións. Outro máis, que pouco achega... se achega algo. Unha nai que lle vai falando á nena doque esta debe andar sentindo e vaille dando alternativas: respirar forte e soprar amodiño, chorar (coma unha chuvia na que descarga a tormenta), falar, cantar, bailar, escribir e debuxar...  ela axudalle, sempre vai permanecer ao seu lado.

Autoaxuda. Semella que é case a contiuación dun anterior que debía levar por título "Ás veces, mamá ten tronos na cabeza". Non podemos deixar de comentar que na páxina da editorial só aparece o título e a cuberta en castelán: por que? Ten que haber unha razón... 

San día sen fume de Josemi García, con ilustracións de Marina Hernández Ávila con tradución de Xosé Duncan, aparece publicado en Bululú.

Preséntase asi: "Dona Rotonda e Don Peón sofren o mal fume do tráfico da cidade. Pero, ese día, un feixe de sandías escapan dun camión e toda a cidade aproveita para montar unha festa e unha manifestación.
Este álbum, a través do humor e a rima, enxalza o ecoloxismo e a necesidade de acadar, entre todos, unhas cidades máis limpas e humanas. Escrito en letra maiúscula, facilita a aprendizaxe das letras para os primeiros lectores."

Nada que dicir...

mércores, 31 de xullo de 2024

Un novo diccionario visual

 

Un novo diccionario visual: O día a día dos oficios de Subi, traducido e adaptado por Bruno Martínez e publicado por Algar. 

Así se presenta: "Neste libro atoparedes un repertorio de situacións e imaxes a toda cor e cheas de detalles relacionadas co día a día dos oficios. O mercado, o hospital ou as enerxías renovables son algunhas das escenas que propician a conversa sobre as accións, a adquisición de vocabulario e a reflexión sobre as emocións retratadas. Unha ferramenta útil para enriquecer a lingua e a comprensión dos cativos dunha maneira doada e divertida, con empatía e creatividade. Unha lúdica ollada panorámica sobre o mundo que nos rodea e as persoas que axudan a melloralo co seu traballo."

Unha lámina central de ambiente e, por ambos lados, a imaxe co nome. Ben traballado en xeral e cunha mirada sobre a igualdade de homes e mulleres. O libro vai facendo un percorrido ben interesante por ámbitos como A clínica veterinaria, O teatro, O taller mecánico, O salón de peiteado, O porto, A construción, O parque de bombeiros, O hospital, O ercado, A carpintería, A granxa, A escola, O estadio, A cociña dun restaurante, As enerxías renovables, A biblioteca e O concerto de música.

domingo, 28 de xullo de 2024

Álbum


 Valentina e o animal perfecto
de Raquel Díaz Reguera está publicado por NubeOcho.

Así se presenta: "A vindeira semana, cada nena ou neno disfrazarase na escola do seu animal favorito. Valentina quere ir do «animal perfecto». Mais, cal é? Unha osa, unha xirafa, un elefante? a máis valente, o máis alto, a máis rápida, a que mellor voa?"

Conforme Valentina vai pensando en cal será o animal perfecto e se disfraza del, aparece na páxina unha curiosidade que nos vai chamar a atención, por exemplo, sabías que os elefantes son o únicos mamíferos que non poden saltar? 

E si, todos son perfectos. Ademais, sempre podes facer unha mestura para recoñecer a varios, ou non?

sábado, 27 de xullo de 2024

Banda deseñada e caderno de seres máxicos

Maia e a troita perlada é unha banda deseñada infantil de Lucía Cid publicada por Demo.

Da presentación editorial: "Durante as súas vacacións, Maia ten una misión, completar a enciclopedia de animais máxicos do seu avó, porén non lle está indo moi ben: parece que ningunha das criaturas do libro existe! Ademais, a rapaza descobre que a enfermidade da súa avoa está indo a peor, algo que non pode permitir. Coa mochila ás costas, a enciclopedia do seu avó e uns bocadillos, Maia lánzase á procura dun ser de lenda, unha criatura capaz de curar a súa avoa... Poderá atopala?"

Unha avoa que acompaña á avoa, ambas tentan completar o caderno dos animais máxicos do avó. A nena seguindo as instrucións busca a troita perlada porque esas perlas poden curar a avoa, para iso axudará á troita no seu camiño de volta, río arriba. O esforzo da nena, os afectos que a unen aos maiores, un mundo cheo de maxia, un camiño a percorrer... 

xoves, 25 de xullo de 2024

Libros para dar a coñecer unha enfermidade ou para non esquecer a Historia

Libros para... dar a coñecer unha enfermidade, normalizala

Son Mariña! A historia dunha nena celíaca de R.J. Peralta e Blanca Millán publicada por ACEGA (Asociación de Celíacos de Galicia) e Gadis.

Cada unha ten as súas condicións e circunstancias, ser celíaca para Mariña vén sendo unha pequena parte da nena feliz que é. Vainos explicando en que consiste a enfermidade e o que ten que facer para poder vivir con saúde. Explica que alimentos non pode comer e como privarse diso lle evita dores e molestias. Sintético, claro e positivo, cunhas ilustracións que achegan esa normalización e relativización do problema.

Se non lembras a Historia estarás condenado a repetila, semella dicir o libro Un frautista en Nilemah de Xabier López López con ilustracións de Santi Gutiérrez e publicado por Edelvives na colección Ala Delta. Nilemah (con hache tras do a) é unha vila que sofre a peste das ratas, unha vez máis se repite a historia, o caso é saber como reaccionar se xa sabemos o que pasou en Hamelín. Cando aparece o frautista, e leva as ratas sabemos o que vai pasar pero non como rematará... Será cuestión de ver esta nova versión ou este novo suceso. Unha nova volta á torca, a volta aos contos de sempre.

Cada vez que aparece "Nilemah (con hache tras do a)" fainos lembrar X (antes twitter), ou non?

mércores, 24 de xullo de 2024

De ecoloxía e amor polos animais

Xerardo Quintiá aparece de novo, a súa sempre é unha presenza agardada no mundo da literatura infantil. Neste caso presenta O corazón dos paxaros nun formato especial, con ilustracións de Nuria Díaz e publicado por Xerais

Preséntase así: "«O corazón dos paxaros» é unha alegación contra a caza. Unha historia que abala entre o divertimento e o compromiso na que, a través do humor, a poesía e a musicalidade dos xogos de palabras, se busca pór de manifesto a importancia dos animais e a necesidade dun cambio profundo na nosa relación con eles." E diso vai, despois da dedicatoria: "A todas as persoas que aman a natureza e a queren viva e ceibe" aparece Crisantemo, un home un tanto alternativo (nun pé unha sandalia e noutro unha zoca, vive nunha casa coas paredes tortas e sen portas) e fronte a el Os Dis-Para-Dores: catro energúmenos entre os que se atopa o alcalde, con escopetas e en Land Rover que van matando paxaros e que non escoitan as reclamacións do "ecoloxista estrafalario" ao que ameazan con facer empanada de Crisantemo... Unha historia sinxela na que os mesmos animais que eran ameazados salvan aos cazadores porque a natureza igual funciona así.

martes, 23 de xullo de 2024

Segundas partes: Muriel. Caos no laboratorio lácteo

Muriel foi premio Merlín 2017. Así a presentaban daquela: "A Muriel custáballe prender no sono, botaba de menos as conversas coa avoa e o tempo que pasaban xuntos. E os seus contos e os seus pasteis. E as súas limoadas. E os seus bicos máxicos que curaban calquera dor. E as súas bufandas. E a dose exacta de mel que había que botar na cunca de leite polas noites. E o seu olor e a calor do seu corpo. Coa avoa todo era sinxelo e todo era posible. A vida de Muriel volveu mudar cando coñeceu un raposo de sorriso enigmático e a Fígaro."

Agora, despois duns anos a autora dálle continuidade nesta nova entrega: Muriel. Caos no laboratorio lácteo. Fígaro desapareceu Muriel comparte o tempo co raposo Blim no castelo. "Apenas reciben cartas e botan en falta os atafegos doutra época. Mais todo muda logo dun lixeiro estrondo no laboratorio. A maxia e a ilusión envólveos por completo e involúcraos nunha misión fermosa e entrañable que, ademais, lles abrirá as portas da sospeita. Serán quen, os dous compañeiros, de desentrañar o misterio que hai tempo os intriga? Non hai elección, sube ao carro do leiteiro e... boa viaxe!"

Un laboratorio, un castelo, un neno e un raposo, Cartaria e Martiñeira, un reparto de cartas e botellas de leite, un carro transportador chamado Galerna atado a unha bici... Sofía, a que viaxa e corre perigos, as cartas que só se distribúen cando xa todo está resolto e non hai que preocuparse,  un principiño e o seu raposo domesticado. O carteiro do tempo, aquel que só realiza entregas especiais. Un neno que herda o oficio do leiteiro cando este desaparece. A recuperación da nena Sofía convertida en mestra, o libro de receitas da avoa (o Recelácticus), a carta quer Muriel recibe de Sofía, mestra e que o dirixe á residencia onde vive a avoa tal vez perdida na néboa da desmemoria...

As ilustracións sitúan a historia, ás veces, de maneira ben orixinal.