luns, 30 de setembro de 2024

Ti, tamén podes

Ti, tamén podes está escrito por Anna Llaurado e ilustrado por María Girón, traducido por Alba Losada, adaptado a lectura fácil e publicado por ING edicións.

"Todo comeza cunha historia que fala dun bosque en chamas e dun paporroibo que, pinga a pinga, tenta apagar, só, o lume. Cando Mía e os seus compañeiros escoitan esta historia, decátanse de que eles tamén poden ser paporroibos e aportar o seu gran para mellorar o mundo." Unha antiga lenda guaraní dá pé para que a rapazada actual reflexione sobre o que ve e como pode cambiar o que non lle gusta, por pequeno que sexa cada un de nós e o grandes que sexan os problemas, sempre se pode facer algo, sempre se pode serun gran de area que xunto con outros constrúe unha praia ou unha gota de auga que xunto con otras pode apagar o lume. Cada un fai "o que pode": levar auga no peteiro, o oso empápase no río e sacúdese sobre o lume, cada un apaga o que pode... como as gotas que caen polo cristal e se unen facendo pequenos regatos, e acaban mollándoo todo, como un mapa líquido. Ante o problema, unha chuuvia de ideas, cada un pensará "que podo facer eu"; entre todos suman. 

"Non te podes parar ante as dificultades", esa é a aprendizaxe! Hai que crear ríos de solidariedade partindo do que poda facer cada un de nós.   

Así se presenta:"Ti tamén podes, un conto para mestras que desexan despertar nos seus alumnos o espírito crítico e a proactividade, dende a alegría e a esperanza.

Un conto que nos amosa que é posible un mundo mellor e que nos anima a pasar á acción para conseguilo. Sabes todo o que se agocha detrás deste conto? A historia de Ti tamén podes darache

  • Un conto cheo de significado e inspiración que che axudará a establecer un diálogo significativo cos teus alumnos.
  • Unha proposta para traballar o espírito crítico e a proactividade dos teus alumnos, dende a esperanza e a ilusión.
  • Unha proposta pedagóxica multinivel REAL para a túa aula de primaria.
  • Un proxecto transversal que parte das inquietudes dos alumnos.
  • O impulso que necesitan os teus alumnos para pasar á acción e que fortalecerá a súa autoestima.
  • Unha metodoloxía que xa foi posta en práctica por numerosos centros educativos, con excelentes resultados.
  • A ferramenta ideal para crear un espazo no que nenos e mozos poidan expresar as súas ideas e sentirse escoitados.
  • Unha oportunidade única de fortalecer o vínculo co teu alumnado" Esta é a ficha do conto, situado na escola e pegado á didáctica.

domingo, 29 de setembro de 2024

Novo cómic, nova colección e novos autores: Píriz Calvo

Toxosoutos acaba de publicar unha banda deseñada de título Lug da autoría doas irmáns Píriz Calvo que lle dan nome ao estudio.

Así informa Tebeosfera: "Sempre se falou da maxia e das lendas do Castro da actual Baroña. Pero o que ninguén sabe é o que aconteceu realmente..."

Un home, Lug, un pobo, os celtas, un lugar, o castro de Baroña. Un encontro co ladrón e escrvista que lles roubou o metal e representa aos Brácaro e Bretóns... A historia semella que terá continuidade. Ese home bo que loita contra o mal, que defende pobo e débiles de calquera lugar.

sábado, 28 de setembro de 2024

Novela gráfica: "Cinza" de Manel Cráneo baseada no libro de Xavier Alcalá "A nosa cinza"

Novela gráfica: "Cinza" de Manel Cráneo baseada no libro de Xavier Alcalá "A nosa cinza". En tebeosfera: 

"Cinza é a adaptación de Manel Cráneo do long-seller A nosa cinza, de Xavier Alcalá,con máis de 80000 exemplares vendidos. Conta a vida de Xoán, un rapaz criado durante a dictadura franquista, orfo de nai, fillo de médico, de familia galeguista. Durante dez cursos escolares na cidade, con vacacións na aldea, que se vai convertendo nun lugar de moda para o veraneo, vemos a Xoán medrar no duro contexto do seu tempo. Os anos de escola e instituto marcan a transición do neno inocente ao mozo que se ha de enfrontar aos designios da vida para cortar o cordón umbilical coa súa familia.

Cinza e unha obra univesal e intemporal chea de referencias polos temas que a vertebran: a morte, o sexo, a amizade, os excesos da relixión e a dureza dun réxime totalitario. A morte asalta o protagonista desde cativo; o sexo xórdelle como premio inalcanzable; a amizade corre paralela a unha violencia que ensombrece a vida do neno e do adolescente; o fundamentalismo relixioso acosa, abafa os sentimentos; imponse a Formación do Espiríto Nacional Católico empeñado en agochar o galeguismo."

Así o conta a libraría Kómic: "Alá polo ano 2017 Cráneo recibiu unha chamada de Alcalá para converter o seu relato A nosa cinza nunha novela gráfica. Manel aceptou o reto sen ter que meditalo moito e é agora, nada máis e nada menos que seis anos despois, cando podemos gozar do magnífico resultado. Alcalá, nado en Cidade Real no ano 1947, viviu desde neno en Ferrol e sitúa a novela e ao seu protagonista, Xoán, nos mesmos lugares e no mesmo tempo que a el lle tocou vivir. É, polo tanto, un relato de experiencias persoais e cotiás que empezou a escribir con só vinte e cinco anos, tendo aínda frescos os recordos de infancia e mocidade, e que foi publicado en 1980. Foi unha novela de lectura obrigatoria nos institutos galegos durante xeracións.

A técnica de tinta chinesa e auga vaille como anel ao dedo para mostrarnos eses tempos documentados nas imaxes de televisión e cine en branco e negro e as sutilezas dos degradados transmiten certas sensacións de nostalxia ben agradables creando un contraste cos feitos tráxicos e perturbadores que vive o noso protagonista. Escribió Alcalá nos anos 70 unha obra eterna e atemporal no sentido de como trata o paso da nenez á mocidade e á idade adulta, tivo unha visión moi acertada no tratamento dos personaxes e na ambientación, e hai seis anos volveu acertar ao escoller quen tería que converter esta novela en imaxes, non podería elixir mellor porque elixiu a todo un experto: Manel Cráneo.
Na adaptación do guión de Manel Cráneo hai achegas novidosas, un coidado equilibrio entre o diálogo interior do protagonista (e narrador) e a narrativa visual, metáforas e escenas que non entraron no texto orixinal e un final diferente e quizais máis pechado que o da novela. No aspecto gráfico o estilo de Cráneo, máis solto que nunca e claramente recoñecible en todo momento, vaise aproximando cara a un realismo máis acentuado sobre todo nas arquitecturas do Ferrol máis señorial, da cidade en expansión así como nas paisaxes da contorna."

venres, 27 de setembro de 2024

César Cerqueiriños e Jorge Campos coas Letras da Galicia pequeniña

 

As  Letras da Galicia pequeniña de César Cerqueiriños e Jorge Campos aparece despois de que este dúo xa teña publicado Atlas da Galicia pequeniña, A Historia da Galicia pequeniña, Un día de festa en Allariz, A Historia Visual do RC Celta... libros nos que combinación de texto e imaxe son moi do gusto desas persoas pequeniñas ás que van dirixidos. Produtos moi visuais que resultan de gran interese para ese primeiro coñecemento do país, unha mirada rápida para que os datos vaian soando.

Información ao lado dun alfabeto ilustrado, xogos como encrucillados ou sopas de letras, as regras ortográficas ou dúbidas do galego; documentación sobre historia da lingua e da literatura, asvariedades dialectais, os xéneros literarios, etimoloxía, xirias,  polisemias, neoloxismos, expresións ilustradas, ou a recollida das cen palabras para a chuvia.

"Letras, palabras, frases, historias… A lingua galega expresa o que sentimos, desexamos e inventamos. Ven coñecela do xeito máis divertido."

xoves, 26 de setembro de 2024

Un novo libro de Leo Lionni

 


Un peixe é un peixe de Leo Lionni aparece na colección Tras os montes de Kalandraka. Con este título chega o autor á ducia de libros en galego traducidos e publicados por Kalandraka nese intento por traer aos mellores á nosa lingua, nese interese por dotarnos dos clásicos infantís e non permitir que desaparezan na voráxine das novidades. Neste caso traducido por Xosé Manuel González e na colección Tras os montes.  Preséntase así: "Unha fábula sobre a amizade que anima á reflexión sobre a identidade, o coñecemento e a aceptación dun mesmo."

Si, na lagoa atópanse un peixiño e un cágado. Ao peixe cústalle traballo comprender que o cágado se converta en ra, máis tarde resultaralle moi interesante o que esta lle conta do que ve polo mundo: paxaros que voan, vacas con bolsas rosadas cargadas de leite, xente camiñando a dúas patas... O peixe soña con todo o que a ra lle conta (aínda que tal como el as imaxina igual non é como realmente son). Un día non aguanta a curiosidade e salta da auga para a terra coas ganas de ver ese mundo. Case morre no intento se non fose porque a ra se dá conta e o empuxa de novo á auga; alí recupérase e acepta que un peixe é un peixe.

Moita ensinanza nun só libro.Os adultos verémonos moi reflectidos cando vemos todo á nosa medida, cando queremos facer o que non  nos corresponde...

martes, 24 de setembro de 2024

Un novo libro de Fréderic Stehr: "A hora da sesta"

 

A hora da sesta de Fréderic Stehr (traducido por Xosé Ballesteros) é o terceiro título que publica Kalandraka deste autor. Libros duros para que as criaturas podan manipulalos a pracer.

Así se presenta: "É a hora da sesta na escola infantil e Leo non ten sono. Para entreterse, fai unha cabana e esperta o seu amigo Oli para amosarlla. Pouco a pouco, os demais compañeiros irán sumándose para construír unha na que caiban todos."

O mellor do libro non é o que conta senón como o fai. Entre as ilustracións e as escasas conversas entramos no mundo desas crías de aves e o seus tempo na gardería.  Esa maneira de contar que nos leva a eses instantes nos que a tenrura envolve a situacións: as posturas porque hai quen dorme do revés e quen o fai ocupando o colchón de lado, a personalidade de cada un deles, o boneco que os acompaña e a maneira na que se apuntan ao xogo... podemos seguir a evolución do sono de cada un deles, de como o quen non durmiu antes necesita facelo despois, a transformación da cabana... Na contra cuberta continúa a historia cando un dos pequerrechos pon a durmir a sesta aos seus bonecos e tamén lles prepara esa posibilidade de construír a cabana. 

Como é posible seguir gardando esa primeira infancia para facérnola chegar?

luns, 23 de setembro de 2024

Dos mundos da pantalla e as civilizacións orientais, do aillamento e a actualidade

Hoshi. A voz da pedra fósil de Brais Babarro Fernández está publicado na colección Costa Oeste de Galaxia. O autor estréase na novela xuvenil cun produto moi orixinal.

Un adolescente nipón leva meses sen saír dun minúscula apartamento (que ten alugado cos cartos que os pais, separados, lle fan chegar). A cambio só debe enviar unha notas falsificadas, o que non resulta demasiado dificil nese caso¡, cando te moves nese mundo de pantallas e dixitalización. Unha vida doada, na que non se bota nada de menos, nin a calor familiar nin a relación cos demais, pois chégalle conectarse cuns rapaces que nunca vei para xogar. A comida sérvencha dende os restaurantes, ti apilas as caixas ata que tes que baixar o lixo moi de cando en vez; o cuarto cheira a pizza pero non importa, igual molesta máis o arrecendo do aire natural. As pantallas achegan as películas e os xogos que distraen a vida, non hai que pensar en nada máis e así pasan os días con pequenas incursións na realidade cando hai que resolver a comunicación cos pais inevitable cada certo tempo, a relación coa arredataria, o seguro ou a comunidade, o envío das notas falsificadas aos pais... Realmente moi poucas obrigas. 

Un veciño que marcha e o quere encargar de que coide dunha planta que naceu nunha fenda da parede exterior ata que chegue o seguinte inquilino e llo poda facer responsable, algunha vez a pregutna acerca do rapaz que desapareu de repente sen que o coñeceran máis que a través da pantalla e... unha chamada no medio da noite: un vello soldado que coida dun illote dende a II Guerra Mundial e lle dá o parte. Vai ser con iso co que non poda... e vai ser esa irrupción no pequeno apartamento o que remate co seu confinamento. Unha sociedade tan futurista na que continúan a saudarse respectuosamente, unha sociedade moi poboada na que uns poucos se retiran a un aillamento absoluto, a defensa da patria máis alá dos tempos e as circunstancias...e un adolescente no medio da voráxine.