luns, 2 de xuño de 2025

Un novo libro de Anxo Fariña

A Escola Robot con texto e ilustracións de Anxo Fariña está publicado na colección Merlín de Xerais.

Así se presenta: "Que pasaría se un día a famosa corporación Piña te convida a estudar na misteriosa Escola Robot? E se a escola está nunha illa móbil? Pódese crear un robot con forma de gato? Existen as pantasmas con calzóns de cocos? Pode unha nena que está nun hospital ir á clase a través do seu avatar robótico? Que lle pasa a unha caixa cando vai ao ximnasio? Farase... Mmm... caixa forte? Moitas preguntas sen resposta! Terás que ler este libro para descubrir todo iso e máis! Unha divertida aventura tecnolóxica contra o Robot Maligno, que pon en valor a amizade, o traballo en equipo e a importancia da ecoloxía." 

E realmente así resulta. Robots que contan chistes, rapaces que se converten en especialistas en programación, un loita entre o ben e o mal na que participan uns e outros, rapaces e rapazas cada un deles coa súa personalidade particular, profesorado con nome de froita e características ben especiais... Un novo mundo creado por Anxo Fariña no que recoñecemos as claves do seu imaxinario.

mércores, 28 de maio de 2025

Novos álbums

A meniña furacán e o meniño esponxa de Ilan Brenman e ilustrado por Lucía Serrano para a editorial Algar

Con ese título case non nos fan falla explicaicóns. Xa sabemos de que vai tratar, pero nunca está de máis buscar infroación pero, sobre todo, ler o libro, deterse nas súas ilustracións que amplían significados. A ver... imaxinade que esa nena nace con tanta forza, é tan vita que teñen que acolchar a casa para salvala das súas embestidas. El, pola súa banda é tan tranquilo que case non se nota a súa presenza, é un gran observador, tarda en facelo todo, pon moita atención. As súas mascotas seméllanselle (ou non?). O can dela coida as cousas que hai ao redor, , axúdaa... O del é un sapoconcho.  Cado se atopan, ela non para sde moverse, el observa; ela propón baixar as mascotas, el ten certo temor pero o sapoconcho pérdelle no nariz ao can que se carca moito e todovai cambiando. Ela di "Ás veces os que teñen un aspecto tímido dannos unha sorpresa", el escoita e ri. Fanse amigos e contaxian un ao outro e outra ao un, porque van aprendendo a base de mirarse: ela calmarase, vai observando e imaxinando; el vai movendo o corpo cada vez máis. Nas primeiras gardas os debuxos que ela fai e os que fai del son moi diferentes (non temos que facer ningún esforzo para recoñecelos) pero nas últimas xa se van aproximando. Esa maneira de mostrar os cambios a través dos debuxos que as crianzas van facendo e obrigarnos a recoñecer cal é de cadaquén e como responde a un momento determinado enriquece a obra.

Preséntase así: "Ela é explosiva: está cheíña de enerxía e non para un segundo! El é tímido e non lle gusta a acción, mais é un gran observador. A través das expresivas ilustracións de Lucía Serrano, coñecemos un meniño e unha meniña que non se parecen absolutamente en nada. Ambos son intelixentes e divertidos, mais de xeitos tan diferentes… Que pasaría se se fixesen amigos? En A meniña furacán e o meniño esponxa, Ilan Brenman demóstranos con humor que as diferenzas entre as persoas non nos afastan, senón que nos enriquece.

Outro álbum é Gato Cono que vexo despois de terme referido a Can Cono. A historia é semellante. Despois do primeiro disgusto ao verse con esa férula e enfrontarse a todas as dificultades que aparecen, cae na conta de que tamén ten a súa parte positiva. Ao pouco tempo quítanlla e case a bota demenos ata que volve descubrir as posibilidades da nova situación. Sarah Howden e Carmen Mok  son as autoras deste ábum ilustrado publicado por patasdepeixe.

Da presentación editorial: "Este libro é o compañeiro canino de Gato Cono. Un día, Emma sae do veterinario cunha pantalla de plástico xigante na cabeza. Este armatroste impídelle xirar, cavar e fai que Garson, o galgo, queda apampado. Unha cousa está clara: o cono non é bo e o único que queda por facer é enfadarse. Cando o humano que vive con Emma tenta animala cun xogo de buscar a pelota, Emma descubre que o cono atrapa milagrosamente todas as pelotas. Emma decátase de que o cono tamén ten outras vantaxes sorprendentes, desde servirlle como casco durante os seus saltos no corredor ata axudarlle a cavar ao triple de velocidade. O mellor de todo é que o cono xoga un papel fundamental no plan mestre de Emma para asustar ao esvaradío esquío do barrio, Keith. Finalmente, o cono desaparece, e Emma queda libre, pero a importante lección que aprendeu os seus días co cono permanece: con ou sen cono, é o espírito inventivo de Emma o que a converte nunha cadela única e especial. Esta nova e divertida continuación de Gato Cono é unha deliciosa oda ao enxeño e a sacarmos o mellor dunha situación moi canplicada."

martes, 27 de maio de 2025

El Hematocrítico: Morto de fame

El Hematocrítito presenta novo libro Morto de fame con ilustracións de Mar Villar (igual que os anteriores nos que lle dá volta aos personaxes dos contos tradicionais), traducido por Anaír Rodríguez e publicado por Xerais.

Así se presenta: "A irmá do conde Drácula está moi preocupada porque o seu fillo non é cruel e sanguinario: é boísimo. Drácula dille que o mande á súa casa, que xa el se encargará de convertelo nun verdadeiro vampiro aterrador. Mentres, Draculiño vai como cada noite visitar o seu amigo Lobiño, que lle garda algúns doces que prepara na súa pastelaría para que o vampiro poida cear, xa que non quere nin probar o sangue. Os dous lévanse moi ben e forman unha cuadrilla de amigos xunto a outros personaxes da Fraga, como Garavanciño ou Riciños. Draculiño é moi feliz, ata que lle cae un cairo e leva un terrible desgusto."

As historias entrecrúzanse, Lobiño é o pequeno lobo convertido en reposteiro, na súa propia aventura tamén atopamos a chamada de súa nai ao tío Feroz para que o reconvertera nun verdadeiro lobo, pero as cousas non saíron como pensaban e aí o termos coa súa pastelería en marcha. Agora, a nai de Draculiño tamén anda preocupada e tamén chama ao tío (ai! o poder que se lle supón aos tíos, sobre todo cando non aparecen os pais na historia). A cuadrilla de amigos de Draculiño son todos os personaxes que xa coñecemos: Riciños, Garavanciño ou o Rato Pérez. Pola Zona Aterradora andan Nefertita, Fantasmina, Zombi ou a casiña con pés. O protagonista segue a aparecer do revés: a Draculiño non lle gusta o sabor do sangue senón os doces pero... non sabemos que vai pasar co cambio de dentadura, un misterio que haberá que resolver!

Despois de irse, Hematocrítico segue entre nós...

domingo, 25 de maio de 2025

Un autor de teatro que escribe novela

 

Carlos Labraña leva toda a vida escribindo teatro pero por unha estraña razón acaba de estrearse como novelista. A biblioteca Galática contra a IA Fantástica.

De calquera maneira é unha narración que se presenta polo 75 aniversario da editorial Galaxia e da man do grupo Tanxarina teatro de títeres

Preséntase así: "O rato que coida da Biblioteca Galáctica descobre que unha ameaza se torna sobre os personaxes dos libros infantís dos seus andeis. Nunha loita contra o reloxo, o rato bibliotecario, Ramón Lamote e Sara deberán loitar contra o malvado profesor Smith e a súa IA fantástica para liberar os seus amigos Toribio, Espantallo Amigo e Lobo Namorado da súa maléfica influencia.  Tanxarina ofrécenos nesta montaxe teatral un espectáculo para lembrar, dirixido aos centros de ensino. Nesta disparatada e trepidante comedia hai aventuras, cancións e moito humor co que a rapazada rirá ás gargalladas.  A adaptación teatral da novela de Carlos Labraña é un canto á amizade, á solidariedade e unha defensa dos libros, da lectura e da palabra escrita fronte a unha Intelixencia Artificial que quere acabar coa imaxinación e a fantasía. Tanxarina Teatro e o dramaturgo Carlos Labraña unen as súas forzas para levar ao escenario un divertido espectáculo de marionetas protagonizado por algúns dos personaxes máis senlleiros da literatura infantil galega. Este esforzo conxunto de Tanxarina e Carlos Labraña nace por encargo da Editorial Galaxia para celebrar o 75 aniversario  no ano 2025. Un agasallo para que os rapaces e rapazas recuperen o pracer da lectura e os soños e as experiencias que nacen dela.
Tanxarina é unha compañía de teatro de monicreques galega, con máis de corenta anos de traxectoria artística. Combinan a manipulación de bonecos co traballo actoral, música e animacións diversas. Contan historias con “retranca” para público infantil e familiar. Para facer rir e facer pensar. Contan con seis premios de teatro María Casares, en distintas categorías, por varios dos seus espectáculos e participaron en festivais por Europa e América con grande éxito de público e crítica."

Trátase polo tanto dunha colaboración entre a editorial o grupo teatral e o autor para celebrar ese cumpreanos da Galaxia.

Na obra atopamos outras obras e outros personaxes, dende o Toribio de Carlos Casares coa súa amiga Sara e o seu inimigo o profesor Smith, o espantallo amigo de Neira Vilas, o lobo namorado de Fina Casalderrey ou Pedro Lamote ese personaxe creado por Paco Martín co que conseguiu traer a Galicia o primeiro Premio Nacional de Literatura Infantil. Homenaxes a libros pero tamén a teplos da cultura como as bibliotecas, á lectura e á bondade porque todos eles loitan contra Smith que é a reencarnación do mal. No medio de todo isto a Intelixencia Artificial como novidade á que prestarlle atención e o sempiterno rato de biblioteca percorréndoa polos séculos dos séculos.

Tal como acontecera, xustamente, con O espantallo amigo, representación que levaran a cabo Os Quinquilláns, a rapazada terá a oportunidade de ler e ver a mesma historia da man da editorial que garda os dereitos de autor dos clásicos galegos.

xoves, 22 de maio de 2025

Un ano enteiro

Un ano enteiro de Leo Lionni está traducido por Xosé Manuel González e publicado por Kalandraka na colección Tras os montes. 

Da presentación editorial: "Unha historia para coñecer os meses do ano e o ciclo das estacións, ademais de sensibilizarnos sobre a importancia do coidado da natureza." "Unha nova fábula de Leo Lionni para familiarizarse cos meses do ano, coas estacións e co valor da natureza. O primeiro día de xaneiro, Lolo e Lara, dous ratiños de campo, fan unha nova amiga: Flora, unha árbore falante. Tras superar a sorpresa inicial, deciden visitala durante todo o ano. A medida que pasan os meses, Lolo e Lara observan como Flora absorbe a auga da neve ou da chuvia, como florece na primavera, dá froitos no verán ou lle caen as follas no outono. Cando chega o Nadal, Lolo e Lara celebran xuntos que teñen unha grande amiga e prepáranse para un novo ano cheo de sorpresas."

"Regresan os coñecidos personaxes do gran Leo Lionni neste clásico publicado orixinalmente en 1992 e inédito en España. Un álbum ideal para coñecer o ciclo do ano, os meses e as estacións, ademais de sensibilizar os lectores e as lectoras máis pequenos sobre a importancia do coidado da natureza e do medio ambiente. Unha fábula deliciosa editada nun orixinal formato e unha lectura perfecta para todo o ano."

O formato é ben especial. Moi alongado e alto, coa ilustracións acostumadas de colaxes con recortes de papel. 

Cando os ratiños xemelgos descobren un rato de neve cunha vasoira na man... sucede que non é tal vasoira senón unha árbore que lles fala, mes a mes visítana e van vendo como cambia, como lle nacen os gromos, as flores e as follas, os froitos no seu tempo... e como lle caen as follas no outono, cando os ve tristes ela dilles: "Non vos preocupedes, o ano que vén, terei follas novas".

Os ratiños empatizan coa árbore, dálles pena que non se poda mover e que corra perigo ante os incendios, por iso lle axudan cunha mangueira e auga. Son amigos, así que en Nadal traeranlle agasallos, claes serán os que máis lle gustan? Tamén para iso dá a historia, para percorrer un ano ao redor dunha árbore cos seus cambios, para ver os perigos do lume e para saber cales son as preferencias de cadaquén.  

luns, 19 de maio de 2025

Álbums traducidos

 

O gran club dos dragóns malos de Beach, traducido por Silvia Obelleiro e publicado por Picarona.

Así se presenta:" No Gran Club dos Dragóns Malos son malísimos a máis non poder. Son canallas, pícaros e ruíns por igual. Pero cando o seu intento de facer mal por todos os medios segue a fallar e en realidade AXUDAN á xente, non será que estes tres dragóns malos … viraránse bos? Una maléfica e divertida nova" 

Aí os veñen "Tres dragóns malvados, chegan pisando forte. / Tres dragóns malvados, que non traen boa sorte." Uns pequenos cabaleiros aprenden a loitar en combate e cando eles lle botan lume aproveitan para asar as nubes de azucre, daquela un deles queda para axudarlles na cociña. Os dous que quedan acoden a un recreo para asustar rapazada, pero as crianzas úsanos de escorregadoiro e un deles fica con eles. Só queda un... e a pregunta é clara: Vale a pena ser malo? ou mellor divertirse cos pequerrechos e axudarlles aínda que continúen a chamarse malos, malísimos ou supermalos.

A nube de Greta de David Hernández Sevillano e Luísa Vera está traducido por Iria Caamaño e publicado por NubeOcho

Así se presenta: "Greta é alérxica aos animais e decide ter como mascota unha nube, mesmo lle pon un colar para sacala a pasear. Ter unha nube de mascota ten moitas cousas boas, como axudar aos veciños para regar ou apagar incendios… Algúns veciños están moi contentos, pero outros, en cambio, queren que Greta se desfaga da súa nube porque nunca chove a gusto de todos! Ao final, o pobo está dividido entre os que queren á nube e os que non a queren. Haberá algunha maneira de que se poñan de acordo?"

Magníficas ilustracións que coplementan o texto e o enchen de detalles e unha boa idea, porque haberña que ir pensando en mascotas que non sexan animais polas alerxias pero tamén por outras razóns...

sábado, 17 de maio de 2025

A avoa canta como a cotovía

A avoa canta como a cotovía de Celia Díaz Núñez resultou finalista do premio Simbad para o Recordo e o Alzheimer 2024. Aparede agora co selo Cantareiras. Letras galegas 2025, ilustrado por Alba Santa.

É un neno quen conta a historia, comeza comentando o primeiro día no que a avoa o confunde co seu irmán e el vai aceptando e así pasa a chamarse unhas veces Adrián e outras Toño. A avoa xa tivo que vir vivir con eles e deixar a aldea por culpa da enfermidade. O neno é unha tenrura sempre disposto a botarlle unha man e entender o seu proceso mentres tenta distraela e deter a enfermidade. As cancións, as coplas que a avoa leva toda a vida repetindo como resposta a calquera circunstancia son un fío de enlace coa realidade, un fío do que tira ese pequeno que tanto mira con ela as fotos familiares como a leva a camiñar da man, canta con ela, a acompaña nas súas perdas, lévalle o canciño das veciñas para que xogue con el ou a grava cantando as cancións para despois poñerllas e animala a seguir cantando ou tamén para poder mostrarlle ao irmanciño que vén de camiño as falas da avoa que xa non vai ter. Un texto cheo de afecto no que tampouco se oculta o problema de quen asume os coidados nes discusión que se adiviña entre a nai e o tío na cociña.  

As ilustracións son sinxelas, un tanto planas pero cun estilo propio que as envolve mostrándonos outra maneira de ver a realidade. 

É unha boa idea esta de ir publicando os accésits do premio porque cando os lemos seméllannos ben interesantes e de calidade.