xoves, 30 de xuño de 2016

I GALA DO LIBRO GALEGO 2016. Modalidade de obra traducida.

E resultou ganadora...
Mocidade.Un relato de Joseph Conrad, en versión de Alejandro Tobar. Publicada por Hugin e Munin, unha editora de tradutores e obras traducidas ao galego; unha iniciativa que colabora na normalización lingüística do país. 
Moi boa tradución, pasando a constituírse nunha obra enriquecida pola cantidade de notas que engade o Tobar. 
Sempre estamos a tempo de volver a Conrad, ao seu mar e aos personaxes que aprenden e nos axudan a facelo a nós. 
Unha novela inciática!

mércores, 29 de xuño de 2016

I GALA DO LIBRO GALEGO 2016. Modalidade de proxecto literario na rede.


Resultou ganadora a páxina Poétic@ do escritor Fran Alonso.
Fran Alonso, editor, narrador, poeta... tivo a ben poñer en marcha está páxina de poesía na rede. Sempre abrindo portas... tamén o fixo cando publicou Poetízate, unha antoloxía de poesía para a mocidade, e tamén cando botou a andar a asociación Espazo lectura, outra das ganadoras nesta gala.
Poétic@ é un proxecto único de poesía na rede. Un espazo no que ir creando poesía aproveitando as posibilidades da hipertextualidade e o transmedia. Vale a pena entrar a xogar e ler!!!!
A ver se deixa pegada...

martes, 28 de xuño de 2016

I GALA DO LIBRO GALEGO 2016. Premio honorífico á editora


Nunca está de máis lembrar... aínda que xa pasara tempo. A Gala do libro é anual e debe durar todo un ano, o ano todo.
O libro honorífico á editora recaeu en Laiovento, a editora creada por  Xosé Manuel Beiras, Pepe Carreiro, Manuel González Millares, Francisco Pillado Mayor, Afonso Ribas e Xesús Couceiro Rivas. A editora que trata temas como nacionalismo, lingua e literatura, economía e teatro, estivo dirixida por Francisco Pillado Mayor ata hai pouco tempo cando tomou o relevo Afonso Ribas.
Xa conta co Pedrón de Ouro 2015 e agora accede a este premio concedido polos propios compañeiros.
Unha editora que contra vento e marea pon na man dos lectores una serie de libros que sería imposible ver impresos noutra editorial.


martes, 21 de xuño de 2016

I GALA DO LIBRO GALEGO 2016. Modalidade de iniciativa bibliográfica

Lendo lendas, digo versos. Sin dúbida unha das grandes obras de literatura infantil do ano. Da man de AntonioGarcía Teijeiro e Antonio Reigosa, con ilustracións de Xosé Cobas*.
Moi bo libro, co bo facer do recopilador de lendas que as conta como ninguén, o versificador que se introduce nas estruturas populares e nos recursos da tradición para darnos outra versión que bebe tamén do pasado. Unhas ilustracións suaves, a lapis, no límite de preciosismo... contendo a pequena imaxe case temerosa, a imaxe que copia e a que só ven da imaxinación; todo mesturad, ás veces introducindo a xeometría ou un certo surrealismo e hiperrealismo.
Un gran libro para agasallo, para ler nos tres códigos. 

*Realmente, Cobas, semella o verdadeiro ganador desta Gala, pois participa neste libro, no ilustrado ganador Cadros dunha exposición e na capa da novela de Manuel Rivas (tamén ganadora na súa modalidade): Os últimos días de Terranova.

luns, 20 de xuño de 2016

I GALA DO LIBRO GALEGO 2016. Modalidade de libro ilustrado


E resultou ganadora...
Cadros dunha exposición. Mussorgsky interpretado por Sinopoli. Texto de José Antonio Abad (psicólogo, pedagogo, escritor, divulgador musical) e ilustracións de Cobas

Un libro de editor, no que se escolle a mellor opción en canto á música e a súa versión, o autor do texto escritor e divulgador musical, e o ilustrador.
Libro música.
Soportes combinados para obras mixtas: texto, ilustración, música... Todos eles ao servizo da calidade e da cultura. A mellor cultura ao alcance do lector espectador.

xoves, 16 de xuño de 2016

mércores, 15 de xuño de 2016

I GALA DO LIBRO GALEGO 2016. Premio honorífico á libraría


A libraría Pedreira resultou ser a escollida para recoller o premio honorífico.
Situada na rúa do Home Santo, nace (desde a súa creación en 1981) cunha clara vocación de defensa e divulgación da cultura galega, tal como demostra coa súa participación en numerosas feiras do libro (romaría dos libros de Compostela, feiras das diferentes cidades...), das industrias culturais (Culturgal), etc. Desde o 1998 conta con páxina web.
Organiza un programa de actividades dentro do marco do comercio cultural como presentacións de libros, recitais de poesía, contacontos, os venres nas librarias... participando tamén en diferentes debates e forums no Consello da Cultura galega ou na Fundación Carlos Casares.
No 2003 recibiu o premio IRMANDADE DO LIBRO, da Federación de Libreros de Galicia, á mellor libraría galega e no 2003 e 2004 foi finalista no premio á mellor Libraría Cultural a nivel español.