A filla do Minotauro de
Marilar Aleixandre publicado na colección Costa Oeste de Galaxia.
Este libro conseguiu o premio RaíñaLupa de literatura infantil e xuvenil, da Deputación da Coruña, na
convocatoria de 2017.
O xurado destacou a calidade literaria
dunha obra que permite varios niveis de lectura. Tamén sinala unha
serie de aspectos que a enriquecen como a mestura de tempos
históricos e unha relectura moi actual da mitoloxía grega cunha
particular sensibilidade co patrimonio cultural.
Colocar aos personaxes mitolóxicos na
Sicilia da II Guerra Mundial pode resultar innovador, pero aínda
máis cando estes non se manteñen absolutamente fieis á súa
historia. Penélope marchará nun barco, porque non aguanta que
Telémaco a mande calar. Polifemo é un cego, respectado e querido
aínda que se move como un sen teito. Minotauro rexenta unha taberna,
casado coa muller que o salva do labirinto, a súa filla é a moza
protagonista da novela que entra a formar parte da clandestinidade.
Ulises vaise converter nun traficante de pezas arqueolóxicas,
disposto a todo para acadar un bo botín, mentireiro e falso é un
dos personaxes máis temidos na illa, pois cando el aparece o perigo
está preto. Fronte a el e os seus secuaces da mafia que se
aproveitan dos máis pobres que por comer farán calquera cousa, está
a liga da Gorgona, unha organización clandestina de resistencia que
defende o patrimonio e loita contra a escravitude nas minas e contra
o negocio das augas explotado pola mafia.
Cada capítulo comeza cunha cita
clásica, maioritariamente da Odisea, que abre a modo de pórtico o
relato.
Unha narración de narracións. O poder
da contada, esa supremacía da historia e da palabra. A amalgama de
tempos mitolóxicos e históricos. A cultura como unión de ciencias
e letras, a defensa da matemática.
Cando o inimigo é tan forte a loita
semella inútil, pero aínda así, ante a evidencia de que se vai
perder… hai que actuar. E nós, que somos herdeiros pola forza,
como dixeran Xurxo Ayán e Manuel Gago, teremos que ver o papel do
patrimonio como a historia que nos construíu, aquilo que outras e
outros fixeron por nós.
Certamente, o que menos me gusta do
libro é esa parte final na que aparecen os agradecementos como se
fora un capítulo, igual que o glosario. Tocará estudar este tipo de
presentación, esta maneira de entregar unha historia aos lectores e
lectoras, pois hai unhas horas escoitei en relación a unha novela:
“Non me gustou a edición: a letra é moi pequena e o papel escuro.
Non apetece ler”.E se non apetece non se produce o gusto pola lectura, non hai fomento lector.
Ningún comentario:
Publicar un comentario