A carreira de Eva Mejuto, como autora de novela xuvenil, xa é imparable.
Se con 22 segundos nos trouxo, por primeira vez, a historia dun transexual, con Memoria do silencio achéganos a historia das irmáns Touza de Ribadavia. Unhas mulleres que formaron parte dunha trama internacional que axudaba a fuxir aos xudeus da Europa nazi. Unha historia real novelada partindo da documentación existente e dun traballo de campo a través de testemuñas familiares e de veciñanza.
Unha novela de narrador múltiple con tres voces que lle dan título a cada un dos capítulos. Günter, o nazi alemán, é tratado por un narrador omnisciente, que nolo achega como home froito do seu pasado; acosado de novo, nas mans dun pai borracho e insensible, medra nas SS converténdose nun verdadeiro can que cheira o medo das vítimas. Lola Touza, a máis arriscada das irmás, achéganos ese tempo de medo e valentía, de resistencia a base de estraperlo coa garda civil aproveitándose da súa situación e os alemáns pisándolles os talóns; ela a Nai á que deben buscar en Ribadavia os perseguidos. Frieda, unha directora de orquestra que, por medio de cartas, lle vai contando ao seu irmán morto as vicisitudes polas que pasa na resistencia e agora na fuxida.
Tres voces para contarnos a historia destas mulleres que permaneceron no silencio ata hai ben pouco tempo. Elas mesmas pediron que non se contara nada mentres estaban vivas. Esta é a nosa maneira de ser resistir nun tempo e un país no que, seguramente, nunca se sentiron libres de perigo para asumir o seu protagonismo e reivindicarse, como fixeron outros e outras por Europa adiante.
Ningún comentario:
Publicar un comentario