venres, 1 de marzo de 2019

Novela de misterio

O pasaxeiro 19 forma parte dunha triloxía (As crónicas do viaxante) da que aparecen os títulos na lapela.
CarlosVila Sexto, o seu autor, ganou sendo case rapaz, o premio Rúa Nova de narración xuvenil e posteriormente converteuse en guionista de éxito de series en español (Los misterios de Laura, Motivos personales e Presunto culpable, entre outras), ata o punto de que este libro está traducido desa lingua por Belén Rodríguez Suárez e, tamén vemos que neste momento está representado por unha axencia literaria italiana. Estamos, polo tato, ante un autor de éxito, publicado por Rodeira.
A modo de resumo…
Unha situación inquietante: o mozo protagonista esperta sen memoria, no tren de vía estreita do norte que está na viaxe de inauguración de ruta. Por se iso fora pouco, no seu baño atopa o cadáver dunha moza á que non lembra. Unha serie de personaxes pululan arredor, desde os dous empresarios rodeados de xornalistas, a muller e a filla do que foi e será traizoado nos negocios e os amores polo outro. A nena, polo tren adiante, aburrida e medio abandonada, é quen colabora co desmemoriado prestándolle todo o seu apoio. El, non pode baixar do tren, porque esta é a única posibilidade de descubrir quen é, e quen asasinou á secretaria amante do empresario burlado.
Semella unha historia de detectives na que un personaxe está condenado a levar todos os golpes, pero a historia vaise complicando cada vez máis, pois conforme quitamos unha capa aparece outra; pero ten máis, están as forzas ocultas, a parte esotérica… porque o protagonista ve mortos, porque se encontra co neno que foi e porque aí está o inimigo que se move a través do tempo.
Unha novela especial que poderemos seguir lendo nas outras entregas.
Unha obra con mestura de xéneros, desde e intriga policial ao terror.



Ningún comentario:

Publicar un comentario