venres, 15 de marzo de 2019

Un libro que nos trae a educación vial á ficción

Orestes perde o sentido! de Rosa Aneiros, ilustrado por Kiko da Silva e publicado na colección Sopa de Libros de Xerais. 
Rosa introdúcenos nunha temática moi necesaria e pouco tratada. Tan pouco, que inmediatamente nos remite aos libros creados por Carlo Frabetti para a Fundación Mapfre que tanta satisfación nos ten achegado. Frabetti, un escritor moi pouco comercial e do que non hai que desconfiar buscando a etiqueta de "aproveitado", escribe unha serie de libros arredor da prevención de accidentes e educación vial en xeral, para todas as idades; libros que son publicados integramente na páxina da empresa, dentro do seu Centro de Documentación; uns materiais que temos utilizado por parte das familias e nas escolas para traballar este contido transversal que conta con tan pouco material. De aí que considere imprescindible este libro en galego: unha iniciativa magnífica e levada a cabo do xeito máis digno, pois trátase de literatura infantil de calidade na que a temática da educación vial é introducida dunha maneira acaída sen resultar traída polos pelos ou de xeito utilitarista. Boa é a autora para estas lides, unha muller que mostra a súa maneira de pensar no que escribe, de maneira auténtica e sin buscar outro tipo de beneficios.
Unha aventura protagonizada por un rapaz de bo corazón que pasa por mil traballos para axudar a súa irmá a recuperar o osiño que algún malo secuestrou. Unha fantasía desenvolta no medio do entroido, nas rúas dunha cidade estraña na que os perigos saen ao encontro, nunha paréntese na que a cabeza de Orestes crea unha secuencia mentres é atendido polos servizos de urxencia despois de ter sufrido un accidente. Aínda queda boa xente... iso é o que eu sinto cando leo os libros de Rosa Aneiros. Hai boa xente e ela cóntanolo, aínda que poida resultar pouco realista nos mundos que corren. Ogallá nunca deixe de ver esa boa xente!
A autora homenaxea a Lewis Carrol e Agustín Fernández Paz, no caso deste último mediante un libro dirixido á mocidade, Aire negro.  
As ilustracións de Kiko son estupendas traéndonos ese entroido tan pontevedrés e esas imaxes de videoxogos que xa adiantaran os textos da autora. É moi de destacar esa imaxe final de Orestes caendo na cuberta do libro de AFP, que só pode lograr alguén tan coñecedor da nosa literatura e edición como o director de O garaxe Hermético. Por riba, as entrevistas a ambos creadores ao final do volume achegan novas informacións que debemos ter en conta.       

Ningún comentario:

Publicar un comentario