luns, 25 de marzo de 2019

Un libro para as Letras: "Antonio Fraguas. O bo mestre. O mestre bo"

 
Antonio Fraguas. O bo mestre, o mestre bo. Este título tráeme á cabeza o da exposición que ao tempo ocupa algunha sala da Cidade da Cultura "Castelao maxistral. A boa obra ao mestre honra". Ambos títulos falan do maxisterio, do oficio ou vocación de ensinar e da personalidade de ambos mestres: Castelao e Anbtonio Fraguas.
Don Antonio era e é o nome co que as xeracións de alumnos e alumnas o lembramos, con afecto. unha persoa cargada de afecto e comprensión á que nunca tememos nin siquera cando con menos de dez anos nos presentabamos ao exame de ingreso e ante o temor a temas difíciles e afastados, de pronto nos preguntaba polo nome do río da nosa aldea e a perplexidade aínda hoxe está estapada na cara. O nome do río que pasa máis perto da túa casa cando o que nos fixeran memorizar eran os ríos de toda a península cos seus afluentes pola dereita e pola esquerda. Así era o mestre bo, o que sabía da Institución Libre de Enseñanza e do Seminario de Estudos Galegos, pedagoxía e ciencia, identidade e bo facer fronte á barbarie. Por iso ninguén erguerá a voz para opoñer unha razón ao seu nomeamento para as Letras, porque traballou coma unha formiguiña para todos e todas nós, porque nunca buscou o seu ben persoal e ocupou os cargos como servizo á comunidade, sempre que lle deixaron acceder a eles e non se lle colou alguén buscando o brillo persoal.
Cajaraville enfronta o tratamento da súa figura desde este punto de vista, alternando o que el chama "lembranzas" na que o polígrafo fala das persoas e lugares que o marcaron en primeira persoa coa biografía enfiada en base a documentación, para rematar recollendo os recoñecementos que se lle fixeron (e que demostran ata onde chegaba o seu recoñecemento), unha cronoloxía na que se sitúan os fitos da súa biografía con acontecementos simultáneos (na que se pode observar a maneira orixinal de mirar a Historia por parte do autor) para rematar recollendo a principal obra publicada.
Unha obra de divulgación, dirixida á rapazada a partir de once anos, que servirá de punto de partida para outra documentación (como aquela á que podemos acceder a través da páxina do Museo do Pobo Galego ou da Fundación Penzol) sobre o autor das Letras, ese home que leva o mesmo nome de Forges. Un libro que chegouo ao seu tempo, para contar con meses suficientes para ir entrando na figura sen apuros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario