martes, 23 de xuño de 2020

A granxa dos animais de George Orwell

 
Animal Farm xa fora traducida ao galego por Antón López Dobao. Foi publicada por Edicións Positivas en 1992 como A revolta dos animais. Unha historia fantástica, agora aparece da man de Factoría K traducido por Fernando Moreiras.
Unha parábola (narración dun suceso finxido de que se deduce, por comparación ou semellanza, unha verdade importante ou unha ensinanza moral).
Dise que a escribiu pensando na Unión Soviética e os tempos de Stalin pero ben vale para hoxe mesmo e tranquilamente poderiamos ir poñendo nome de animal a personaxes públicos. Iso é un clásico, aquel que nos fala ao longo do tempo e sempre nos ensina. Faino sobre os líderes, os movementos sociais, as tácticas e estratexias, o enganos, o papel que cumpre cada un e, sobre todo, sobre a tristeza de non ver que a humanidade avance nada, de como observamos día a día que as cousas non son como se din pero resistimos vendo o paso do tempo.
Un auténtico visionario este Orwell, como nos demostrou en 1984 onde vimos os peores pesadelos feitos realidade e o fai, de novo, nesta rebelión animal na que tanto sofren para caer en mans peores que as que os tiñan domesticados. Igual todo se resolvía con consciencia, con estar esperta e escoitar atentamente, con non permitir nin o primeiro o engano, con denunciar cada trampa, pero aí están as ovellas a balar sempre a favor do poder, Berrón a apoiar de preto con explicacións sempre falsas as decisións de Napoleón (aquel que nomeado pola República chegou a emperador) e os cans (exército) a meter medo sempre. Os traballos dos que cren, os castigos dos que saben ou pensan mellor, os asasinatos... todo lles vale no nome da táctica. Cada vez que semella que pode haber unha saída porque o líder fixo algo mal, será quen de darlle unha volta e botarlle a culpa a quel que podería saír airoso desa fracaso seu, porque incluso dos seus fallos sacará proveito. A granxa continúa...  e antes de que sexa demasiado tarde poñédelle nome a cada político/a.
Eu, podería dicir que vin e vivín isto, que por veces me soben as cores lendo... por exemplo, cando Napoleón despois de emborracharse lles vai prohibir a eles que beban (cando nunca o fixeran) vén á lembranza unha experiencia igual ando un director ao que non atopara no colexio o inspector nos reuniu ao profesorado para dicir "Que sexa a última vez que alguén se vai sin dicir onde está". As fake news xa daquela, botarlle a culpa ao líder que desbanca de todo o malo que pode suceder, eliminar a memoria de todos/as cambiando o que se dixo polo que interesa... e esa tristeza que nos invade cando vemos que todo o esforzo foi iñútil, que Varudo o máis traballador vai morrer na peor das ignominias. SEMPRE SERÁN PORCOS!!!!!!!
Orwell que nos acompañou no 1936 loitando ao lado dos republicanos, nun esforzo de solidariedade internacional, xa veu o que había. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario