Aínda non hai moito que liamos A formiga fóra do carreiro cando chega a nós A formiga destemida publicada por Xerais.
María Reimóndez escribe unha historia corrida no senso de solta, lixeira, cunha unidade de ton que fai moi apetecible a súa lectura.
Préstase o mundo das formigas a crear historias de rebeldía, máis ou menos decididas, con máis ou menos vontade de enfrontarse ao formigueiro, a esa colectividade de seres que andan a unha para non diferenciarse, que coma os pequenos paxaros que se unen para debuxar un ave rapaz en voo, resistirán por actuar como unha soa, todas igual. Pois ben, sempre hai algunha que se diferencia, neste caso por despiste, porque queda pasmando e perde ás outras. Daquela, aproveita para aprender o que o mundo lle pode ensinar cando ergue a vista do chan e descobre a carricanta e o son que sae das súas membranas e observando será quen de artellar un timbal con follas, foi o que aprendeu con ela. E así continúa a cadea de encontros con diferentes animais (cabaliño do demo, zapateiros, a serpe, o rato, a ovella...) cos seus agasallos e as aprendizaxes adquiridas con cada un deles.
Ilustracións moi boas, de Iván Sende (igual que as dos libros anteriores
desta autora). Expresivas, cun aquel de debuxo naturalista, algunhas personificadas; tal vez as que teñan menos interese sexan aquelas que se notan moi dixitais como a do raposo.
Detrás da historia: o problema
dos humanos crueis que envelenan o río; os animais, cada un ao seu coas súas
cousas; e o aviso, de vez en cando hai que saír do carreiro ou quedar nel mentres os demais
se van, perder o grupo é bo para aprender porque cando vas soa están máis
atenta e disposta a aprender e contactar.
Da presentación editorial: “Unha fábula sobre a ansia de
coñecemento e a importancia de afrontar a vida sen prexuízos que nos limiten” A
historia vai soa, cos seus pasos por diferentes animais e lugares e cun humor
branco que a acompaña. Coller camiños non marcados serve para iso
Ningún comentario:
Publicar un comentario