venres, 5 de xuño de 2020

A derradeira obra de Docampo

O pintor cego, un álbum ilustrado de Xabier Docampo ilustrado por Xosé Cobas, acaba de aparecer.
Escribimos derradeira e pártesenos algo dentro do peito. Porque queremos tanto a Docampo como Cortázar dicía respecto a Glenda (Queremos tanto a Glenda, a modo de homenaxe e Glenda Jackson). Botámolo de menos en cada páxina...
O mellor pintor dun tempo, ese que retrata o que hai detrás da máscara da cara de retratado, é chamado por un rei. O rei é malvado (cal non o é, fóra do pai da princesiña de Rubén Darío?) e encárgalle debuxar á súa muller. O que nun principio era unha sorte (non terá que facelo a el e descubrir a súa crueldade) vaise volver unha desgraza cando o pintor observa a esa muller, tempo e tempo, porque "quere abranguer e facer súa tanta beleza". O rei interpreta mal (ou ben?) as palabras do artista e castígao... a historia continúa.
Que haberá máis contraditorio que un pintor cego?
Como pintar liñas e cores sen ollos?
O pintor cego farao coa música, que leva consigo esa cinta branca, que atravesa o volume. Pintaraa, musicaraa, ata dar con ela e poder viaxar á illa onde permanecerán xuntos.
Unha vez máis os azuis e vermellos de Cobas lévannos a percorrer a historia, na que unha e outra vez seguimos chamando a Docampo.
Habería que recoller todas as súas historias contadas para organizar audiolibros, pero tamén para representar aquelas que aínda non se viron en palabras escritas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario