luns, 8 de xuño de 2020

O libro das Letras






















Acaba de saír do prelo o libro As Letras Galegas en caricatura  do escritor e artista plástico Heitor Picallo "O Carrapucho".
Trátase dunha proposta moi interesante pois nel recóllense os autores e autoras homenaxeadas nas Letras dende o 1963 ata o 2020.
As cubertas do deseñador Martiño Picallo achegan unha calidade que vai dende os libros á tipoloxía de letra, ese corazón que se abre entre obras para deixar pasar a primeira das homenaxeadas e o último deles.
Entre un limiar de Fina Casalderrey e un epílogo de Mercedes Queixas, unha breve semblanza do autor e unha introdución na que se explica a obra nos aspectos literarios e plásticos, para dar paso á caricatura de cada un dos homenaxeados colocada na páxina dereita que vai precedida por un texto, unha pequena biografía co ars memoriae e as obras destacadas de cada autora e autor.
Un traballo sintético para mostrar e demostrar o valor de cada un deles, para reinterpretar a imaxe e mostrarnos a súa achega á nosa cultura.
Cada detalle do libro está coidado. Nada é gratuíto. Dende o código de barras ao cosido das follas ou a bandeira que sobresae nos extremos. Porque así é Picallo, rigoroso e perfeccionista, comprometido e amigo dos símbolos, por iso, non dubides de que cada letra ou trazo teñen un sentido. Agora, a túa tarefa é interpretalo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario