Os horizontes de Adar de Xoán Babarro publicado na colección oqueleo de Obradoiro Santillana.
Da presentación editorial:
"Viaxe clandestina en barco, soidade, buscar comida no lixo, durmir en
albergues, estar separado dos seus... Por sorte, Adar faise amigo dun
can extraviado. Nese momento todo empeza a cambiar. E, a medida que vai
resolvendo o enigma da misteriosa marioneta que lle aparece no peto, as
novas amizades axudaranlle a albiscar unha luz no seu futuro."
Para adentrarse no misterio dos refuxiados, Babarro, acude unha vez máis a esa faceta de escritor solidario con xentes e pobos. Este é, para o meu gusto, un dos libros nos que mellor resolve ese relato dos "outros". No capítulo cero recolle os materiais que un sirio que chega a Barcelona fuxindo da guerra lle entrega, e con eles vai narrando unha sucesión de tempos que o acaban traendo a Galicia onde traballará na Escola de Idiomas. A historia dos estranxeiros que titulados nos seus países de orixe teñen que facer traballos de todo tipo naqueles aos que chegan, ata o punto de considerarse moi ben tratados cando lles pagan por pasear cans sendo filólogos.
Unha historia fermosa, chea de bondade porque Babarro non pode contar as cousas doutra maneira, a súa bonhomía lévao a escoller eses personaxes. A Adar sálvano os cans e os vellos, máis ben as vellas, esas mulleres abertas de mente e afeccións que non desconfían do outro senón que están dispostas a darlles acubillo.
Destaca, tamén, a imaxe da cuberta da autoría de Nader Sharaf.
Ningún comentario:
Publicar un comentario