Onte, 17 de xullo, o día no que comezaban as festas en Compostela, fallouse o premio que leva o nome da cidade de Álbum Ilustrado, organizado por Kalandraka e o concello.
Case 400 orixinais presentados (a pesar da pandemia que limitou a participación latinoamericana), chegados dunha vintena de países con propostas moi diferentes e orixinais.
O ganador, un libro sen palabras, Desde 1880 de Pietro Gottuso que pasa a ser o número trece dos premiados ao longo dos anos, entre Cerca, Mamá, Un gran soño, A familia C, A viaxe de Olaf, Bandada, Ícaro, Despois da chuvia, Unha última carta, A horta de Simón, Cándido e os demais e O can de Milú.
Desde 1880, sen necesidade de palabras móstranos a sucesión cronolóxica a través dun anaco de fachada, dende esa data ata a actualidade máis terrible. Unha proposta histórica que en catorce láminas nos fala de 140 anos. Os dous comercios que rodean o portal, unha libraría (que se mantén ata a última das crises, a actual) e un café que pasa a ser galería de arte (para mostrarnos os cambios artísticos destes tempos); as transformaciónss a través do que pasa por diante dese anaco de rúa baixo a atenta mirada de Cronos. Un libro que nos abre o horizonte a moitas historias, todas as que queiramos ler e contar.
O xurado declarou finalista, Bola, unha proposta de Maite Gurrutxaga que trata os medos infantís achegándolle unha nova alternativa e resolución. Tamén quixeron facer unha mención especial a Pájaros da uruguaia Lucía Franco e da arxentina Natacha Ortega que nos traen un poema, enchendo de poesía as palabras, as imaxes e o percorrido do libro, que vén cantado a través dun código QR.
Tres magníficas achegas que completarán o ceo do álbumes para ledicia de maiores e pequenas/os.
Ningún comentario:
Publicar un comentario