Mariña e o balón é un libro de Pere Tobaruela con ilustracións de Pablo Rosendo publicado na colección Merlín para lectorado a partir de sete anos.
Así se presenta: "Mariña é unha namorada do fútbol e da poesía. Escribe poemas acotío,
pero aínda non se decidiu a anotarse nun equipo de fútbol porque pensa
que todo o mundo vai ser coma os seus compañeiros da clase, que sempre
amolan as nenas que queren xogar co balón no recreo. Con todo, Mariña
devece tanto por canear, fintar, pasar, xutar e meter gol que está
disposta a solucionar este problema coa axuda das súas amigas"
Mariña, de forma suve, case sen enfrontarse, consegue que as amigas a acompañen no xogo e cando os rapaces lle tiran lonxe a pelota ela canea, finta, pasa, xuta e mete gol coa que utilizan eles para xogar, rapazas e rapaces xogan ao fútbol agás un (sempre hai un) que se nega, por iso a nena irá con seu pai á escola deportiva no fin de semana porque realmente a ela iso de xogar ao balompé gústalle e aos seus pais tamén. Unha familia sen estereotipos que aproveita as comidas para falar e rir.
O patio da escola é un lugar onde se nota moitas veces esa discriminación das nenas, porque son os rapaces os que xogan fútbol (só fútbol) e non lles deixan xogar a elas, ocuapando a maior parte do espazo e deixándoas fóra. Xa se vira en A reconquista de Antía Yáñez cando as rapazas deciden ocupar o patio poñéndolles difícil o xogo ata que os convencen de que hai máis xogos e de que todos e todas poden xogar a tódolos deportes. Agora faino Tobaruela dunha maneira diferente pero facendo fincapé no mesmo, en que todos e todas temos dereito a xogar ao que nos apeteza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario