As crianzas son esas persoas que, por estar nun estadio determinado de
evolución, andan máis dispostas a comunicarse. Con elas podes entenderte
coa mirada. Sen coñecervos, sen que medie presentación nin compromiso
podedes facervos sinais, botar uns sorrisos, dicirvos adeus coa man ou
mandarvos bicos ao lonxe. Elas, cando non lles meten na man, tamén, unha
pantalla, búscanse entre si, conectan entre elas, relaciónanse moi ben con todo, tamén
coas cousas ou cos animais. Os ollos desa rapazada están moi vivos,
mostran a vitalidade e o interese pola vida coma os de Picasso ou Díaz
Pardo
Atrapamiradas vai diso, do que vemos no día a día; diso que hai un tempo nos daba a risa e agora asumimos como normal. A xente atrapada polas pantallas, sen prestar atención ao que a rodea fóra delas.
Vera, a nena que protagoniza a historia, sae á rúa a buscar o que non atopa na casa: as miradas dos outros e das outras. Pero alí, igual que aquí as olladas foron capturadas polas pantallas, que os atraen coma o mel ás moscas. As imaxes dino todo: vanse enganchando uns nos outros porque non se ven nin ven por onde van. As criaturas lánzanse mensaxes desesperadas. O irmán máis vello xa está inducido, tamén; só Vera, o pequeno e o can se salvan da peste. E a pequena sente medrarlle algo escuro no peito...
Relacións interxeracionais, afectos e entendemento sen barreiras, tenrura e miradas que atrapan miradas.
Un álbum de Marina Núñez con ilustracións de Avi Ofer, traducido ao galego por Manuela Rodríguez e publicado por Kalandraka, na colección Demademora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario