martes, 14 de xuño de 2016

I GALA DO LIBRO GALEGO 2016. Modalidade de teatro



E resultou ganadora...
Xogandocon gatos de Antón Cortizas, publicado por Xerais e AGADIC. Leandro Lamas na ilustración. A obra xa resultara ganadora no Premio Manuel María e Literatura Dramática 2014. 
É teatro infantil, ese que nos ten que axudar a crear lectores e espectadores. 
O obxectivo do autor ao escribir a peza é lembrar a arte de xogar, para descubrir o xogo popular, introducindo xogos e textos de literatura oral. Atopamos teatro de actores e actrices, teatro de sombras chinesas, mimo, monicreques de corda e monifates de luva, danza e poesía, acompañmento musical e implicación dos espectadores. O verso, a rima, a prosa combinada, ... teatro xogo (lengalengas, tradición, fórmulas para botar sortes, adiviñas ...)
E conta o argumento que o Gro (un monstro, un ogro tal como nos indica o nome) rouba a memoria á meniña e as fadas tentan devolverlla, buscan a ver quen sabe xogos para copialos e levarllos á nena, e tardan en darse conta de que diante deles están os gatos a facelo. Vencen ao Gro que marcha desesperado. 
Ás tres escenas que tiña a peza premiada engádelle o autor unha cuarta, opcional, con xogos relacionados con gatos coa explicación correspondente e na que participaría o público, xustamente, xogando. Dánlle remate ao volume as partituras das cancións citadas. 

sábado, 11 de xuño de 2016

Din... da literatura infantil


A pesar de estar destinada a nenos, Alfredo Gómez Cerdá entende que a literatura intranscendente e sen mensaxe xa non é «admisible», pois en calquera historia, relato ou conto «ten que haber algo, porque aos nenos gústalles profundar, atopar algo máis; eles xa entenden que un libro non é un xoguete que se pasa, senón unha historia que pode remover a súa sensibilidade, facerlle pensar e reflexionar». Por iso non hai que escribir ñoñerías pensando que os lectores aos que van dirixidas as letras non van ter agudizada a súa comprensión lectora. Cerdá tira de memoria e lembra unha frase que leu de Roald Dahl, o autor de Charlie e a fábrica de chocolate e Matilda, na que dixo: «Cando escribo para nenos non me gusta perder de vista o sentido do humor». E para o autor de El monstruo y la bibliotecaria, «esa é a clave, non perder de vista o sentido do humor».
Quizá un dos asuntos máis curiosos é que, por mor de publicacións como as de Alfredo Gómez Cerdá ou as entregas do El Tesoro de Barracuda, de Llanos Campos, moitos foron os pais que se afeccionaron á lectura. O autor madrileño lembra a campaña que animaba aos pais para ler para que os nenos tamén lesen. Con todo, «agora é ao revés, está a suceder o fenómeno contrario, os fillos están a ler e os pais están a afeccionarse por eles».
Son opinións.

sábado, 4 de xuño de 2016

I GALA DO LIBRO GALEGO 2016. Modalidade de poesía

E resultou ganadora:

Oso,mamá, si? de María Lado, editado por Edicións Xerais de Galicia.
Un poemario cunha unidade moi definida. A experiencia da maternidade cunha poesía sinxela e clara.
A relación co bebé dende antes de nacer, no tempo do parto cando é necesario debuxar ese sorriso no ventre, nos primeiros pasos e primeiras palabras, no tempo compartido entre os afectos e as separacións. A crueldade facéndose presente apurando a vida mostrándose a través dos animais para que sexa máis doado asumila, porque semre foi así nos contos infantís, porque os animais no imaxinario están para iso... para contarnos os que doutra maneira sería demasiado doloroso.

domingo, 29 de maio de 2016

I GALA DO LIBRO 2016. Literatura Infantil e Xuvenil

E resultaron ganadores...
Na modalidade de literatura infantil e xuvenil:
O meu pesadelo favorito, de María Solar (con ilustracións de María Lires).  Editorial Galaxia.
O que xa fora premio Lazarillo 2014 achéganos unha historia de soños, de diferenza, da importancia dos afectos... Un conto redondo e contado dunha maneira limpa e rápida, compartindo melodía...
Porque o mundo dos soños ten que ver co surrealismo pero tamén cun certo realismo máxico. Porque cando soñas (e máis se dormes pola febre) podes viaxar dun a outro soño e tes que atopar o camiño de volta (para que non che pase como a aquel personaxe de Cen anos de soedade que morre ao non dar atopado a saída do soño). Porque os soños de Manuel van dun mundo a outro, do de Alicia a do país das marabillas ao almacén dos bicos, do extraterrestre aos cans de cor verde, dos inventores doutor Ensaio e doutora Probetaa ese bar no medio do deserto (que nos trae unha imaxe de Hooper) baleiro pero cheo de mentiras, do vendedor de olores á tía Filiberta que dorme na caseta do can... Haberá que pechar cada soño. Haberá que recuperar ao pai que se foi soñando co corpo enteiro e recuperando o seu oficio de tunelador. Haberá que dar os bicos que se deben, eses bicos que nos enchen de enerxía  e dos que non hai que fuxir...

venres, 27 de maio de 2016

I GALA DO LIBRO 2016. Narrativa


E resultaron ganadores...
Na modalidade de narrativa:
O último día de Terranova, de Manuel Rivas. Edicións Xerais de Galicia.
Unha narración de narracións, unha historia de historias que vai de guerra e posguerra, da clandestinidade aquí e en Latinoamérica, de homosexualidade e de cómo poden pagar uns polos outros, dos tempos do Seminario de Estudos Galegos e o das maletas con doble fondo que traen os libros galegos desde América nas mans dos emigrantes. De novo A Coruña como cidade literaria, onde vive a resistencia nos refuxios habitados polos libros, nas chamadas librarías esas que pechan agora tamén pola represión económica na que colaboramos todos e todas. 
A lírica de Rivas e as súas obsesións, os seus mundos e imaxes, Unha novela difícil e complexa na que o que máis desexamos é que o seu autor faga lecturas dunha soa páxina e a despece co bisturí persoal para sacar á luz as mil e unha referencias. Un exercicio de xenerosidade!

xoves, 26 de maio de 2016

I GALA DO LIBRO GALEGO 2016. Ensaio

E resultaron ganadores...

Na modalidade de ensaio:
Un libro que pensa na poesía, na necesidade de introducila entre a mocidade, de facerlle un oco e así deixar de ser ese Cincenta que semella ás veces... Un libro escrito por poetas que fan ese esforzo, que se aproximan ás escolas e outros lugares de encontro para achegar a poesía aos máis novos. de teoría e aplicacións prácticas, de reflexión sobre o xénero e a súa actualidade, de relación con outras manifestacións artísticas, sen pretensións pero co esforzo e a sabiduría que achega o contacto en obradoiros e aulas. Un libro para os docentes e todos aqueles próximos á mediación. De Apiario, unha nova e pequena editora, á que se lle desexan mil e un éxitos. 


sábado, 14 de maio de 2016

Día das Letras. Letras todo o ano!


Que se celebramos a literatura dos que levan 10 anos mortos.
Que se o Día das Letras non debería ser festivo.
Que... que se pode agardar dunha literatura que só se acorda dos seus cando xa non poden intervir.
Que... dar vacacións para que vaian falar galego a outros sitio.
Bla, bla, bla, bla...
O caso é que este ano tivemos sorte.
Que Manuel María é un gran acerto. Foino vivo e segue a selo a través da súa literatura, dos seus libros, das músicas que derivaron da súa poesía... Que está máis vivo que nunca, e que tentaremos que o continúe a estar nos días que faltan deste ano e dos que han de vir.
Porque as Letras non son unha vacina de maneira que unha vez pasadas quedas inoculado para as lecturas dese autor. Que non ten razón para ser así... eu sinto que se segue a ler a Lois Pereiro e Nimbos pasou a formar parte das bibliotecas ás que volver.
Polo tanto, a seguir lendo ao Manuel e a seguir gozando co que el nos legou para tod@s, porque soubo estar sempre onde tiña que estar (cant@s o dixeron) e escribir todo canto sintei que tiña que escribir... porque era tan grande o oco que encher que non daba feito.