venres, 17 de marzo de 2017

Dúas ilustradoras seleccionadas para a Bienal de Ilustración de Bratislava


Minia Regos e Marina Seoane, forman parte dos quince ilustradores seleccionados para a Bienal de Ilustración de Bratislava.
Gústanos lembrar que estas dúas mulleres son autoras de carteis de bibliotecas escolares.

mércores, 8 de marzo de 2017

As que se van indo: Palmira Boullosa

 

Brétemas é algo así como a testemuña do noso tempo. 
Hai uns días, Bragado facíase eco do pasamento de Palmira G. Boullosa
E lembraba, entre outras cousas, que era das pioneiras da literatura infantil e xuvenil galega con novelas de fantasía na tradición artúrica (A princesa Lúa e o enigma de Kián - premio Merlín na segunda edición- ou Brandón, fillo de Ferreol, publicados por Xerais na colección Merlín) ou como folclorista  con Adiviñas, Mentiras, Arrolos e ¿Quen panda?, publicados por Galaxia na súa colección Tartaruga e Cando o rei por aquí pasou, unha antoloxía do folclore galego, publicada por Xerais.
Bragado tamén nos lembra a súa faceta de poeta, ganadora do premio Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Asoladamente, o teu nome e a de docente comprometida renovación pedagóxica.
Unhas desas mulleres que puxeron cimentos na casa comunal e marchou silenciosa, sen facer ruído, sen agardar polo agradecemento. 

Lugares especiais para realizar reunións dos clubs de lectura

Recollido de El Progreso:
O club de lectura do IES de Quiroga realiza unha das súas reunións nun lugar especial.
Trátase dunha construción que invita á conversa e á reflexión, un lugar construído por alguén para o disfrute de todos, unha obra de land art na que entrar e estar... refuxio e cobixo...
Nestes tempos de mirarse o ombligo, de desconfiar e todo o que non sexa estritamente privado e emprendedor, alguén traballa para mellorar o seu mundo e, de paso, o de todos.
A casa de ler.
A cova da lectura.
A sala de falar...

martes, 7 de marzo de 2017

Palabras de Fina Casalderrey

En Cuatrogatos, podemos atopar unha estupenda conferencia artigo titulada "Contar, imaxinar, crear mundos" de Fina Casalderrey que, entre outras cousas, di:
Souben...
que habemos de ter coidado coa xenofobia, o racismo, o consumismo...
dicir non á violencia.
As mensaxes non deben ser panfletarios, pois se son moi evidentes convértense en imposicións (é dicir, fuxir do didactismo ou a moralina).
Aprendín que hei de fuxir das historias ñoñas. Sinxelas, pero non simplonas.
Que a literatura infantil e xuvenil non ha de matar curiosidades, senón espertalas.
Que na linguaxe dos nenos pódense expresar os pensamentos máis profundos.
Que os nenos e nenas son seres pensantes, non monicreques manipulables a noso antollo e, como tales, debemos desmitificar a bondade infantil, non son tan bos nin tan inocentes sempre.
E ademais souben que:
a nosa obrigación é dar luz ás súas zonas de penumbra.
Habemos de axudar a crear lectores...
A literatura infantil e xuvenil ha de ser unha resposta ás necesidades íntimas do neno.
Ha de ter matices lúdicos... e moitas cousas máis, que diría un neno.

venres, 3 de marzo de 2017

Variedade de libros (1)



Horizonte de sucesos. Anxo Fariña  nunha incursión  na literatura de adultos ou para a mocidade (fora da colección Fora de xogo) quere contarnos algo diferente que nos remite a historias como Os nenos numerados e mundos que poden estar aí, preto, sen que os vexamos.
O autor da serie Os Megatoxos e outras moitas obras infantís, incursiona neste mundo duro onde se xoga co horizonte de suceso, esa fronteira que existe ao lado dos buratos negros, traspasada a cal non se pode volver. 
Así comeza... “Tiña dezaoito anos e estaba a piques de comezar o primeiro curso na facultade de Belas Artes cando entrou como bolseiro educador na Escola Fogar do centro de acollida de menores Cidade Infantil Afonso X. Naquel ambiente de aire decadente e escuro, envelenado polo cheiro da fábrica monstruosa, ocorreu o incidente do que aparentemente non houbo testemuñas. Deixándose levar polas dores da migraña, o educador rememora o horizonte daquel suceso tráxico que lle deixará marcas perturbadoras capaces de variar o seu rumbo".

Que pasa cando estás nun lugar misterioso e escuro no que se agachan moitas cousas da man dos poderes máis absolutos nos que as forzas vivas da cidade (e demais) che dan traballo ou non cho dan, che fan asinar uns papeis que semellan un código ético pero ao final é para a defensa deles mesmos e non deses seres botados fóra da sociedade, que pasa cando andas ao lado duns rapaces condenados xa de antemán... Que pasa? Que pasa cando ti cargas cunha enfermidade para a que non atopas remedio (despois de probar mil e un medicamento con moitos e perigosos efectos secundarios), no fondo ti tamén es un drogadicto que non podes vivir sen esa droga para enfrontarte e unha enfermidade que che incapacita; cando vés dunha familia probe (e por iso tes que traballar para pagarte a estancia na cidade)... Que pasa cos seres sensibles nun medio coma ese? 
Na capa o Xardín das Delicia, reinterpretado por Anxo Fariña, o autor ilustrador.  
"A esperanza necesaria, máis que o pan de cada día: "Descubrín que hai estrelas que mesmo son quen de fuxir do meirande pozo de negrura do espazo. Estrelas que son quen de variar o rumbo preestablecido e buscar unha nova ruta no inmenso ceo”.

sábado, 25 de febreiro de 2017

Poesía cada día (2)


 Poemar o mar de Antonio García Teijeiro con ilustracións de Xan López Domínguez, publicado na colección Merlín. 
Moi solto, moi áxil, coa dicción acorde ao poema... unha lectura que dá gusto e aproveita.
O tema moi querido e traballado polo poeta. 
O libro recollendo poemas moi curtos e xogando coa colocación dos versos, mantendo a rima, inventando palabras como sorrimar (sorrir o mar), homenaxeando a varios poetas (Alberti, Kruz Igerabide, Juan Ramón Jiménez) sempre co mar ao fondo e acollendo algún haiku para rematar... 
Moi boas as ilustracións de Xan López Domínguez, no seu estilo pero moi traballadas e introducindo un elemento nostálxico (doutros tempos) no mobiliario, na roupas da rapazada, uniformes,  elementos... máis surrealista con animais personificados sen que, neste caso, foran necesarios: galo mariñeiro, ondas semellantes a grupo humano, gavotas con funil na cabeza, sereas con dúas colas a modo de pernas,... as tonalidades tamén gardan unha ambientación antiga en amarelos, azuis, grises, marróns... 
Un libro para disfrutar, ao completo!

xoves, 23 de febreiro de 2017

Poesía, cada día (1)



Poemas birollos para ler cos ollos de Fran Alonso, publicado na colección Sopa de libros de Xerais.
No estilo de O meu gato é un poeta e do Poetíz@te. Todo feito por Fran Alonso: o deseño, o texto, a ilustración e case a maquetación. Xogando coa caligrafía e a tipografía, cores, tamaños... 
Di que “é un libro de poesía infantil que parte dunha concepción lúdica, divertida e transgresora da poesía". Os poemas nacen de dúas fontes fundamentais: a poesía visual e a oralidade. Botando man do elemento gráfico para facer que os poemas se lean coma se fosen cadros e buscando a complicidade das cancións infantís, dos arrolos e das sortes. 
O poeta fai deste libro unha proposta sorprendente e modernizadora. O resultado é un libro moi accesible que sitúa a poesía moi próxima á sensibilidade das nenas e dos nenos de hoxe . El, no apartado “Escribiu e ilustrou...” comenta que o libro parte da súa reflexión acerca de que a poesía para as primeiras idades queda no convencional e está moi apegada á tradición, pero esquece que hai unha parte importante da poesía que é gráfica, é dicir, que se le coma se fose un cadro, coa vista.”, e tamén di (...) que no noso ámbito esta poesía ten dun déficit na incorporación da poesía visual e doutros achados importantes moi consolidados na poesía para adultos...” 
Poesía tipográfica con elementos gráficos, elaborada a través do ordenador e da manipulación fotográfica, que ao tempo lle dá moita importancia á oralidade. 
Na web atoparemos un videoxogo elaborado pola súa filla: Alma Alonso Costas. Dúas xeracións unidas pola poesía,e a lectura, sempre a lectura.