domingo, 12 de maio de 2019

Libros de museo, libros de obra




O Museo de Belas Artes d´A Coruña conta con catro obras dirixidas a lectorado infantoxuvenil baseadas en catro obras do Museo, con textos de escritores galegos recoñecidos e ilustracións de Xosé Cobas. Unhas ilustracións moi acaídas, un ilustrador que é pintor, que ten un estilo moi pictórico  e que gozamos vendo as súas imaxes, pero que realmente, neste caso non eran necesarias. Semella unha soberbia poñer máis imaxes ás que xa están aí, no cadro do que se fala. Sucedeu igual cando se publicara a obra de teatro de Avilés de Taramancos Tres capitáns de tempos idos, o autor xa ilustrara a peza e colocar ao seu lado as de Manolo Uhía era un acto de xenerosidade por parte do editor, pero non era preciso. Nun e noutro caso, as imaxes que achegan os ilustradores son magníficas, nunca se lle poderá poñer ningunha problema, é engadir beleza á que xa estaba aí, pero non eran imprescindibles. É unha opinión persoal, só iso.
Botella ao mar, baseado na obra de Seoane, está escrito por Marilar Aleixandre que homenaxea a este polifacético galego e ao seu tempo, por medio dunha botella que vai dun ao outro lado do Atlántico levando e traendo cores e herbas.
Mariña surrealista, está escrito por Yolanda Castaño nun formato especial xogando coa poesía e o que aparece no cadro, narrando unha historia na que participan todos os elementos da pintura.
A pequena guardiana de Tomás Muñoz serve de inspiración a Fina Casalderrey para crear a historia de Alba Rico, unha nena filla de moura, que será gardiá dun bosque.
Suso de Toro vaise á mitoloxía clásica arredor de Chega un baixel de Rubens. Remítenos á historia do Minotauro e a súa irmá Ariadna, o pai Minos e a nai Parsifae, o arquitecto e o seu fillo Ícaro. Unha narración que vai soa, coma un río.

martes, 7 de maio de 2019

Libros para peques

 
O ladrón de voces de María Canosa, ilustrado por Noemí López e publicado por Embora.
A importancia das voces e o poder da imaxinación. Un neno adora as nubes, sempre anda a miralas e ver figuras. Unha nena soña coas estrelas... cada un ten os seus gustos, pero ambos miran o ceo.
Un día amanecen sen voz, tampouco a eñen os demais rapaces da escola... menos mal que a mestra está disposta a acompañalos ata descubrir quen as poido roubar. Foi o vento que as levou, pero como farán para recuparalas? Non é doado mais pódese facer sermpe que se lle poña atención e imaxinación.

luns, 6 de maio de 2019

Documentación de interese

                                                                                                                                                           Imaxe extraída da páxina da FGSR
Un documento da FGSR acerca das novas destrezas para as persoas mediadoras da lectura que aparece, para descarga, na súa páxina.
Unha vez máis temos que agradecer o acompañamento e guía que esta Fundación realiza ao longo do tempo.

domingo, 5 de maio de 2019

Libros para pequenos e pequenas



Macedonia de versos. Concha Blanco aos versos e Nidia Nokonoko nas ilustracións. Na edición: Aira das Letras
Poesía infantil co tema das froitas... Un pracer, ir descubrindo a riqueza froiteira mediante versos e unhas ilustracións evocadoras e moi divertidas... Amais de lírico é informativo xa que permite que as crianzas aprendan os nomes das froitas en galego. Poemas sobre unha froita determinada ou sobre un conxunto
Conta con caderno de actividades para o seu aproveitamento didáctico e unhas ilustracións realmente moi boas. Un libro recomendable!
Música e memoria. Tres xeracións. avós, pais e netos: unha nena e o seu irmán. Un segredo. Un repaso pola música do século XX e unha mirada á memoria histórica, aos anos da guerra e a posguerra, da Ditadura e a actualidade, na que seguen a pesar as cargas do pasado. O mellor da historia, como sucede nestes casos, o entendemento entre avós e netos, esa necesidade de saltar a primeira xeración para vincularse coa historia familiar a través dos obxectos que sempre están nun faiado e nos van levando paso a paso polos tempos e as lembranzas. Un bo percorrido por figuras musicais que aínda están entre nós e podemos aproveitar para coñecelos, porque están vivos, aínda que non saian no Luar.

sábado, 4 de maio de 2019

Lecturas para os días escuros, para o inverno, para todo o ano...

 
Un enlace a todas esas recomendacións lectoras das Bibliotecas Escolares de Galicia que enchen páxinas e se distribúen por todo o país. UNHA POTENSSSSIA traballando a favor da lectura, da solidariedade bibliotecaria, da información para toda a cidadanís, para apoio a toda a rapazada galega... para que as familias as teñan en conta cando van a mercar agasallos (en Nadal, no Entroido, pola Candeloria ou nas vacacións de Semana Santa). Son libros escollidos seleccións fóra de todo interese comercial ou espúreo. Profesionais lendo para recomendar, que máis se pode pedir? 

venres, 3 de maio de 2019

Os 50 títulos máis lidos nos Clubs de Lectura de centros de ensino de Secundaria


Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta.
Anagnórese
Os nenos da varíola
Os máis lidos, e, en galego.
Non sabe o profesorado coordinador destes clubs o que se lles agradece que colaboren nesa elección de títulos!
É unha maneira de falar... pois ben saben e sabemos do seu compromiso coa lingua e coa defensa dun idioma e unha industria cultural que é responsabilidade nosa, dos galegos e galegas.
Grazas, a profesorado e alumnado, a familias e outras persoas participantes nestes clubs.
















xoves, 2 de maio de 2019

Banda deseñada para ler e mirar, para documentarse e falar.


A tumba de Breogán de Abel Alvis e Esteban Tolj, publicada por Demo editorial.
Unha boa publicación de banda deseñada que imita un vello libro de pastas duras e lombo do coiro. Debuxo de boa calidade e ao servizo dunha interesante historia.
A presentación editorial explícao moi ben:
“No ano 1870 realízanse varias reformas na Torre de Hércules. Durante eses labores atópanse unhas vellas táboas de madeira escritas polo arquitecto do faro. Isto revelará un segredo ancestral relacionado co lendario líder castrexo Breogán e coa antiga cidade de Brigantia. O poeta Eduardo Pondal e o intrépido bandoleiro Antón Dedo d´Ouro coincidirán nesta perigosa aventura, enfrontándose a un sinistro grupo de carlistas e membros da igrexa que agochan algo en relación co descubrimento. Conseguirán Pondal e Antón desentrañar o misterio da tumba de Breogán?

A Coruña, a torre de Hércules lembrando a Ith e o pai, Breogán.
Pondal, Murguía e Pardo Bazán formando parte da historia.
O carlismo, representado por uns curas dispostos a todo por conseguir o tesouro para a causa ou para si mesmos.  
Un bandoleiro, traendo todo o romanticismo, colgado do pano que leva á cabeza.