domingo, 12 de maio de 2019

Libros de museo, libros de obra




O Museo de Belas Artes d´A Coruña conta con catro obras dirixidas a lectorado infantoxuvenil baseadas en catro obras do Museo, con textos de escritores galegos recoñecidos e ilustracións de Xosé Cobas. Unhas ilustracións moi acaídas, un ilustrador que é pintor, que ten un estilo moi pictórico  e que gozamos vendo as súas imaxes, pero que realmente, neste caso non eran necesarias. Semella unha soberbia poñer máis imaxes ás que xa están aí, no cadro do que se fala. Sucedeu igual cando se publicara a obra de teatro de Avilés de Taramancos Tres capitáns de tempos idos, o autor xa ilustrara a peza e colocar ao seu lado as de Manolo Uhía era un acto de xenerosidade por parte do editor, pero non era preciso. Nun e noutro caso, as imaxes que achegan os ilustradores son magníficas, nunca se lle poderá poñer ningunha problema, é engadir beleza á que xa estaba aí, pero non eran imprescindibles. É unha opinión persoal, só iso.
Botella ao mar, baseado na obra de Seoane, está escrito por Marilar Aleixandre que homenaxea a este polifacético galego e ao seu tempo, por medio dunha botella que vai dun ao outro lado do Atlántico levando e traendo cores e herbas.
Mariña surrealista, está escrito por Yolanda Castaño nun formato especial xogando coa poesía e o que aparece no cadro, narrando unha historia na que participan todos os elementos da pintura.
A pequena guardiana de Tomás Muñoz serve de inspiración a Fina Casalderrey para crear a historia de Alba Rico, unha nena filla de moura, que será gardiá dun bosque.
Suso de Toro vaise á mitoloxía clásica arredor de Chega un baixel de Rubens. Remítenos á historia do Minotauro e a súa irmá Ariadna, o pai Minos e a nai Parsifae, o arquitecto e o seu fillo Ícaro. Unha narración que vai soa, coma un río.

Ningún comentario:

Publicar un comentario