O primeiro libro ao que me quero referir é Berta Mir detective. O caso do falso accidente
Un libro de Jordi Sierra i Fabra, escrito entre setembro e outubro de 2009. Realmente impresiona a capacidade de traballo e produción deste autor... A obra, traducida por Xesús Domínguez Dono está publicada na colección Costa Oeste de Galaxia.
Unha moza atópase, de repente, co pai case vexetal a raíz dun accidente que non parece tal, se non un intento de asasinato. Lévanos este comezo a Conta saldada de Suso de Toro, eses momentos nos que os fillos se ven abocados a perseguir as pegadas que deixaron os pais para indagar acerca das causas que provocaron esa situación. Neste caso, a protagonista unha rapaza lista que deixa os estudos e se dedica a ensaiar cun grupo de música (onde nin sequera é imprescindible) vaise enfrontar, coa única presenza da avoa, ao problema e tentará resolver ese enigma. De paso, igual vai abrindo, tamén, unha luz ao seu futuro. É posible que Marta Mir comece a súa carreira como detective privado seguindo a estela do pai e outros casos pode estar a agardarnos. É de resaltar o tratamento do personaxe da avoa.
Outro libro é Un puñado de estrelas de Rafik Schami (un escritor sirio que vive en Europa) publicado por Sushi books e cunha tradución de moita calidade da man de Moisés Barcia. Trátase dun diario no que o rapaz protagonista vai relatando o seu paso á madurez, esa maneira de atravesar a fronteira ao tempo que o país sofre golpes de estado continuos. A falta de liberdade de expresión e a situación económica da familia impídenlle estudar xornalismo que é o que máis desexa, pero conseguirá sacar un periódico clandestino que terá repercusión a nivel internacional. A amizade, o primeiro amor, a relación coa familia, especialmente co tío avó co que mantén unha amizade moi profunda mostraranse contextualizadas nunha cidade na que conviven moitas culturas, linguas, etnias e relixións. Así llo demostra o tolo cando lle fala dun arco iris de todas as cores da que algúns só ven unha cor ou cando o agasalla cun texto en diferentes linguas que o obrigan a ir dun grego a un italiano, dun español a un kurdo e a un asirio. para así coñecer cantos pobos conviven en Damasco... a historia dun paxaro multicolor que vive nun palacio de Oriente cun pesado anel de pedras preciosas no pescozo, un paxaro que ha de ferirse para poder ser libre e levará para sempre a dor da cicatriz no pescozo lembrándolle o valor da liberdade. Da boca de Salim, o tío, sairán as maiores ensinanzas: "Quen esquece unha inxustiza comete unha segunda", "Os débiles deste mundo inventaron a amizade. Os poderosos non a necesitan"... E chega un momento no que a rapaz medra e tamén el razoa desa maneira xusta na que toca defender, por exemplo, que hai que acabar coa pobreza e non perseguir aos pobres. Unha novela para ler e pensar, para sentir e reflexionar; unha boa novela!
Ningún comentario:
Publicar un comentario