A obra Somos os monstros de Paula Carballeira resultou ganadora do X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2018. Aparece, agora, publicada por Xerais e AGADIC cunhas ilustracións realmente interesantes de Ignacio Hernández. Unhas imaxes que poden lembrar en algún momento a Jacobo Fernández pero que acadan calidade e ese atrevemento que xa se lle vira noutros libros como Quen dá a quenda? ou Debaixo dun parasol. Comeza polas gardas, con eses confiados meniños perdidos (de noite) por un bosque (ai, Hansel e Gretel!) que poden compartir cos monstros (eses nos que Max se convertía).
O texto de Paula é áxil, cun ritmo rápido. Unha serie de recursos que provocan a risa e esa sorpresa que nos mantén nun estado de vixilia permanente.
Cinco personaxes individuais (Neno, Nena, Monstro Grande -femininino-, Monstro Pequeno -masculino- e Pai) e un colectivo (Xente).
Unha cita de Mary Shelley "... vivía baixo o constante terror de que o monstro que creara cometese unha nova maldade", pero estes monstros son máis ben de mentira, ela é a monstra grande e el o monstro pequeno. O bosque tampouco é o que era, está queimado e así non hai maneira de esconderse (agacharse na miña terra pequena). Hai "verdades" que sobresaen: aínda nas peores circunstancias os nenos divírtense, os monstros son poderosos porque non teñen nada... Malentendidos, relatividade en carto a como cada un ve ao outro (-Es un verdadeiro monstro! - E ti unha verdadeira nena!), relación entre os humannos e os monstros... Todo iso cos fíos do teatro desta autora que nunca nos defrauda.
"Unha historia divertida e profunda sobre o medo ao descoñecido", segundo se di na presentación editorial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario