Así se chama o último libro de Helena Villar publicado na colección Costa Oeste da editorial Galaxia.
Amor por catro, catro relatos que xiran arredor do eixe do amor.
Un mozo marroquí, ao que a familia busca unha moza sen ter en conta os seus sentimentos. O amor é un paxaro rebelde que sae do ovo antes de que ninguén o agarde, por iso chegan tarde as nais e a avoa que pretenden unilos. Fermoso conto, moi ben ambientado, no que se recollen problemáticas propias do país e da idade moza, na voz dun narrador externo.
Outro situado no camiño de Santiago, onde unha adolescente coñece a un rapaz francés ao que lle poñerá o nome de Galahad por descubrilo xustamente no santuario do Cebreiro. A adolescencia é unha idade de tenteo, un día queres volver á casa e ao seguinte es feliz onde te atopes. Polo medio os versos de Ramón Cabanillas e todo na voz da rapaza que protagoniza a historia.
O terceiro está escrito en forma de diario. Unha rapaza vaino escribindo ao longo dos días de vacacións do Nadal nos que a familia entra e sae, as visitas dos tíos e da avoa, a pelexa inútil para saír a noite de ano vello, a introdución dunha óptica feminista na distribución do traballo doméstico e a relación co rapaz que lle gusta e nos deixa sen aclarar se el realmente está interesado nela ou unicamente nos seus apuntamentos.
O último, cun narrador omnisciente, fálanos dunha rapaciña preocupada pola fuxida do irmán coa moza. A nena actúa para resolver o problema e nese empeño vai atopar a un vello disposto a solucionalo e crear unha relación de amizade e case familiar. A rapaza ademais de inocente é moi boa e xenerosa, igual que o vello que se interesa por ela e a súa historia ata tratar de resolver algo, tamén, a propia soidade.
De cada unha das historias chama a atención a bondade e o entendemento entre os mozos e os adultos, o amor a certa distancia e a presenza das mulleres nuns papeis realmente poderosos. A impresión semella parella ao título O único que queda é o amor onde máis que amor eu atopaba lectura e libros, e neste caso atopo algo que me gusta tamén moito: a convivencia harmónica entre diferentes xeracións, co primeiro amor polo medio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario