domingo, 25 de outubro de 2020

Un texto de David Otero polo Día da Biblioteca

Resultado de imagen de fotos de bibliotecas escolares

AS BIBLIOTECAS (RE)ENCANTANDO AS LECTURAS

            Velaí que nesta data de dúas ducias de días deste mes de tanto recoller froitos, neste ano de Don Ricardo Carvalho Calero, celebramos, a meluras polos corazóns o DÍA DAS BIBLIOTECAS, nas que vós lectoras e lectores podedes (e deberiades) facer lugares de marabillas, xa que son casas de portas abertas e espazos de abrazar.

Alí,  na guía das bibliotecarias e bibliotecarios, poderemos aniñar amizades que non figuran  nos desalentos e si nas esperanzas de cada día. Elas e eles ven como vós, na lectura dos libros e na dos seus outros soportes, da man tamén de escritoras e escritores, de ilustradoras e ilustradores, editoras e editores,  libreiras e libreiros, buscades, a todo entusiasmo e con gusto, solucións ás vosas maiores expectativas e así realizacións como persoas de ben, si,  na sensibilidade amical da convivencia na nosa Lingua e na Cultura, que elas valen moito como chaves determinadas para abrir tanto de tanto nos diálogos creativos cos outros pobos na universalidade.

Que bonito saber onde poñer os pés para buscar nos soños. Que doce sentir onde poñer os ollos para ler exercendo os pensamentos. Que impresionante saber onde poñer as mans nos libros, guiadas polos corazóns dos desexos. Que xigantes e que raiantes serán todos os días nas nosas Bibliotecas gozando das nosas Plataformas de Lectura. Nelas tamén, tal grupos creativos con tantas experiencias de engados, debemos sinalar o que nos falte, o que precisamos, e así xunto coas bibliotecarias e cos bibliotecarios vaiamos por el, pois xuntas e xuntos, nos afectos e (re)encantando as lecturas, cada vez soñaremos máis. Seremos máis.

 

venres, 23 de outubro de 2020

24 de outubro, día das bibliotecas

 

O 24 de outubro celébrase o Día das Bibliotecas, pero as bibliotecas escolares tentan celebrar máis que o día, o mes. Outubro, mes das bibliotecas escolares. En outubro xa se poden poñer a disposición do público toidos os recursos, houbo tempo para reorganizala, preparar o equipo e o horario, programar as actividades e programas... Cando se abre a biblioteca aprovéitase para facer a formación de usuarios/as, poñer en marcha as mochilas viaxeiras, as seccións de aula e o préstamo individual.

A edición deste ano, baixo o lema "Bibliotecas, sempre ao teu carón" céntrase en destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia.  Porque as bibliotecas son aptas para todos os públicos. Son o recurso cultural imprescindible en cada lugar e en todo tempo, por iso nos molesta tanto cando os seus horarios se reducen ou o feito de non poder con contar con bibliotecas en todas as entidades de poboación. En Galicia sempre botaremos de menos os bibliobuses ou calquera tipo de biblioteca móbil que percorra as aldeas para ofrecerlles servizos ás persoas que viven no rural.

xoves, 22 de outubro de 2020

De oficios e profesións

Concha Blanco, escritora con obra para persoas adultas e infantís. Arredor do medio cento de libros. Toda unha vida dedicada á escrita e á docencia.
Poeta, de vez en cando, con premios como o Arume con Cantos da rula e acertos tan marabillosos como Macedonia de versos, retoma o xénero con Oficios e profesións poemas son
Publicados na colección Fardel dos soños da editorial Embora, retoma neste poemario os versos arredor dunha temática. Poema a poema vai percorrendo o traballo de canteiros, menciñeiros, adiadores, oleiros, palilleiras, labregas, carteiras, cesteiros, escritoras, panadeiras, costureiras, carpinteiros, cardineiras, mestras, músicos e percebeiros. Neste último trae e lembranza do poeta percebeiro Paco Souto.
Cada poema está introducido por unha estrofa, refrán, adiviña ou dito popular, agás nun verso de César Vallejo ou unha estrofa de Amado Carballo.
As ilustracións de María Brenn van complementando os poemas. No da mestra, chama a atención a imaxe doutra época dela fronte á dos nenos con corte de pelo actual, será que ve a rapazada tal cal é e a escola tal cal era?

mércores, 21 de outubro de 2020

Un novo libro de Ledicia Costas

Vampira de biblioteca de Ledicia Costas con ilustracións de Víctor Rivas, na colección Merlín de Xerais.
En primeira persoa, Eleonora, a vampira de biblioteca cóntanos que se dedica a papar os insectos que roen as páxinas dos libros da biblioteca na que vive, aínda que o que máis lle gusta é beber a tinta (si, escoitastes ben: a tinta, non o sangue ao que é alérxica). Faise acompañar de dous morcegos que son os seus inseparables, cando os trescentos trinta e tres restantes a abandonan. A razón: unhas couzas enormes que as expulsan da biblioteca e van acabar cos libros. A trama, escapar coa tinta do libro Drácula gardada na boca para poder descargar nun caderno, pero ao abrir a boca escapan algunhas palabras que apresa o vello Marciano, e aí, atopamos outra historia. A dun vellos ao que a familia non lle fai caso, todos obnubilados coas pantallas ata que as cousas van volver ao seu, coa axuda de Eleonora, Xa e Mon.
Relacións interxeracionais, amores na terceira idade, maiores dispostos a calquera aventura, seres raros nos que ou cremos ou quedamos fóra de historias realmente marabillosas, animais inimigos dos libros e bibliotecarias que son burladas.
Unha nova historia de Ledicia, ilustrada polo mago que sabe colocar imaxes ás súas verbas, Víctor Rivas. Ambos compleméntanse tanto e tan ben que é unha pena rachar o feitizo.   
Mortas e vampiras. Todas elas son personaxes próximos á rapazada que está disposta a deixarse guiar por eses territorios ignotos.