mércores, 2 de decembro de 2020

Cómic de ciencias

Así nolo presentan: "Cando falamos de microalgas e cianobacterias, estamos a nos referir a un grupo de máis de 30.000 taxóns (especies de organismos emparentados), dos cales tan só unhas poucas decenas de especies se estudaron con detalle. A súa presenza no planeta é practicamente ubicua, e entre estas especies están algunhas das máis antigas do noso mundo." É difícil tratar esta temática así, falando, por iso deciden inventar unhas historias nas que se podan observar as capacidades destes organismos para pelexar coa contaminación. Un grupo formado pola independente Spirulina, a pequena Nannochloropsis, o enorme Scenedesmus e o mozo Diatomea loitarán co Dinoprisis Acuta, o Alexandrium Catenella e o Pseudonitschia Australis e venceranos a pesar da falta de planificación e organización, porque a valentía sempre é un punto.
"Este cómic xorde no marco do proxecto Enhance Microalgae (EMA) co ánimo de dar a coñecer es "mundo oculto"

domingo, 29 de novembro de 2020

O bichos bola

Ola! Son un bicho bóla!
Un álbum ilustrado de Elvira Ribeiro, con ilustracións de Noé González, publicado por Apiario.
Da páxina de editora recóllese:
Por que ler?

- Porque Elvira Ribeiro e Noe Caamaño conseguen total complicidade entre texto e ilustración.
- Porque os bichos bóla non teñen comezo nin fin.
- Porque a diversión neste caso vai da man da unión e do colectivo.
  -Porque nestas páxinas a comunidade constrúese dende a diversidade.
 
Todo iso é certo, sen dúbida. Porque eu non sabía que había tantos bichos bóla, tantos que se podían converter nunha bola cando corren perigo, tantos e tan diferentes. Ese bermiño negro do que non sabemos o nome, o ourizo cacho, o armadillo, o pangolín, o raposo... e todos dispostos a formar unha asociación Bichos Bóla Around World.
Un álbum construído con boa poesía, coa súa musicalidade e cunhas imaxes axeitadas. 

venres, 27 de novembro de 2020

Cando o autor é un músico famoso...


Ei, superavó de Paul McCartney, o ex Beatle convertido en escritor cunha historia ilustrada por Kathryn Durst e publicada en gran formato por Xerais. A historia preséntase nas pastas por medio dunha carta na que o superavó nos conta como son as visitas dos seus netos (os seus fedellos). Porque os catro netos: Lucy, Tom, Em e Bob quedan a durmir na súa casa viven mil aventuras. É moi doado: o avó ten un feixe de postais e cando os pequenos están aborrecidos escollen unha imaxe e coa axuda dun compás e a maxia aparecen nese lugar, ata que se cansan e repiten a maxia con outra postal... e así sucesivamente. Cando cansan volven á casa a durmir e prepararse para novas aventuras.
As viaxes a unha praia dourada con peixes voadores sobre os que poden montar, ao afastado oeste onde cabalgarán fuxindo dunha manda de búfalos salvaxes, á alta montaña onde as vacas lles axudan a escapar dunha avalancha... e sempre coa axuda do superavó que os vai salvando de todos os perigos. Porque así son os avós, con coleta ou sen ela, aventureiros con moita experiencia.
A tradución é de Anaír Rodríguez.

mércores, 25 de novembro de 2020

Dende os ollos dunha cascuda


A crónica de Ivo Cascudiño de David Nel . Lo con ilustracións de Beatriz Castro e tradución de María Xesús Gómez, publicado por Edebé na colección Tucán. Esta obra obtivo o premio Edebé de Literatura Infantil 2020, dende o catalán.
Unha novela áxil e rápida que nos conta en primeira persoa as aventuras da familia Cascudiño, primeiro na casa dunha señora maior que, para a súa desgraza, morre e pasa a ser ocupada por unha sobriña chea de vitalidade que quere fumigar a vivenda, e posteriormente nun hotel onde terán que enfrontarse con outra especie de cascudas (brancas) que non as admiten e se cren superiores.
O concepto de patria ou lugar propio, a inmigración, a necesidade de compartir un espazo común, o concepto de igualdade na diferenza... e a vida vista dende unha cucaracha nova que vai descubrindo o mundo. 
Os perigos sempre presentes e a vida feliz do cotián (da que non somos conscientes cando a gozamos). Nesa existencia, igual que na nosa, hai moito que aprender.

martes, 24 de novembro de 2020

3º Premio Nacional aos Libros Mellor Editados en 2019, na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil

 

Estamos de noraboa. Unha das editoras galegas, Kalandraka, acaba de ser premiada.

Bichopoemas e outras bestas de Leire Bilbao ilustrado por Maite Mutuberria e traducido ao galego por Isaac Rubín foi distinguido polo MInisterio de Cultura co 3º Premio Nacional a los Libros Mejor Editados en 2019 na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil “pola súa maquetación limpia con ilustracións orixinais e coherentes cos textos”. Este libro xa conseguira o Premio Euskadi de Literatura 2017 e o Premio Kirico al Mejor Libro Infantil y Juvenil de 2019.

 

domingo, 22 de novembro de 2020

De premios en Banda Deseñada


A proba de auga de Anémona de Río resultou ganadora do I Premio Banda Deseñada O Garaxe Hermético, publicada agora na colección Merlín Cómics de Xerais.
É unha boa noticia esta colaboración da editorial Xerais coa escola de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, dirixida por Kiko da Silva. Están a faltar cómics en galego, especialmente para primeir@s lector@s. Xerais botou a andar coa serie de Marcopola.
Así nos presentan o seu resumo:
"Rematados os seus estudos, unha pequena pinga de auga está xa preparada para levar a cabo a súa misión. Pero no seu primeiro día todo ocorre demasiado rápido, perde de vista o seu grupo e esperta nun lugar descoñecido. Terá que reunir valor e internarse nese novo mundo para atopar os seus compañeiros e compañeiras, intentar cumprir co seu cometido e descubrir quen é ese escorregadizo descoñecido que o pon todo patas arriba."
Unha viaxe polo corpo humano, relacionándose cos glóbulos vermellos, as neuronas, bastón e conos que andan polos ollos, vacinas, leucocitos... pasando polos diferentes órganos e vísceras. Algo que non po

derás esquecer, especialmente nestes tempos de virus.

xoves, 19 de novembro de 2020

Localismos, facéndolle fronte dende a LIX

Meigas fóra! de Ramón D. Veiga, ilustrado por Iván R. vai diso, de dúas vilas veciñas entre as que se establece unha rivalidade. Unha quere ser máis que a outra e a outra máis que a unha, gastando o que non teñen para destacar e quedar por riba. Os principais responsables o alcalde de Leira e a alcaldesa de Beira que andan a ver quen ten máis poder, sempre fachendeando. O punto álxido chegou na noite de San Xoán, o alcalde pediulles que talaron todas as árbores para ter a cacharela máis grande e a alcaldesa pediu que queimaran mobles e roupa. Foi tanto, que se queimaron as estrelas do ceo, a lúa escapou e o mar secou, daquela os veciños decidiron marchar e fundar unha nova vila na que conviviron os de Leira e os de Beira porque cando se atoparon déronse conta de que estaban ben xuntos en Feira.
Aproveita o autor para achegar a canción do San Xoán e as flores que han de recollerse  para lavar a cara ao día seguinte. Polo tanto, un libro para esa festa e a crítica aos localismos, na colección Merlín.